post

Iván e eu

Nunha das últimas entradas que publiquei puxen o vídeo de Iván probando o meu coche. Nun dos comentarios preguntábanme cantos anos hai que coñezo a Iván e pensei que, xa que hoxe teño algo de tempo (teño unha masa de pan a levedar), vou contar a historia da amizade entre Iván e máis eu.

O meu primeiro contacto con el tivo lugar haberá uns 16 ou 17 anos. Eu chegaba a Silleda pola tarde e atopaba a aquel neno que viña cara min, sempre rindo, e me daba a man moi ceremoniosamente, tal como aínda fai hoxe, e me contaba o que lle deran de comer na escola. Gustáballe todo menos as salchichas e as olivas. Sempre pensara que todos os rapaces comen salchichas de boa gana, pero xa vin que hai excepcións. Tiñamos todos os días a nosa charliña e cada un ía para as súas obrigas. Foron pasando os anos, o neniño xa se fixo un mozote de 16 anos e veu ás miñas clases. Lembro que o día que lle entreguei o título esperou a que rematase o acto e, cando xa non quedaba ninguén, veu co título na man preguntar se aprobara. Confirmeillo escarallándome coa risa e el marchou coma un foguete para celebrar o éxito e contarllo a todo mundo, igual que está facendo estes días despois de ter acadado o carné de coche.

Desde entón ata hoxe foron pasando os anos e Iván sempre estivo na miña órbita. Creo que non debeu haber case ningunha semana na que non o vise ou falase con el. Xa o di el cando se despide por uns días:  “Estamos en contacto!”. En todo este tempo foron mudando moitas cousas na miña vida e aquel Xosé xa non é este Xosé (xa o dixo o poeta), pero Iván nunca falta, sempre está aí. Xuntos montamos aulas de informática, pasamos frío e choiva en Riazor, comemos unhas poucas toneladas de churrasco -a súa comida favorita-, falamos das fichaxes do Dépor ou das súas vicisitudes laborais, que non foron poucas. Ás veces comento que o elemento que me une máis a Silleda, ata o punto de que non falta quen pensa que eu son silledense, é a miña amizade con este rapaz, que sempre me trae alegría e bo humor.

Os que o coñecedes sabedes que Iván patrulla Silleda en moto. Frío, choiva e máis frío e máis choiva. O home quería pasarse ás catro rodas e pensaba nun deses coches sen carné, pero animámolo a que fose á autoescola para ter a licenza e conducir un coche como é debido. Fíxonos caso e púxose mans á obra. Ía todos os días facer os tests e sacou a teórica á primeira e sen fallo ningún. Despois viñeron as prácticas e aprobou tamén á primeira. Un éxito que celebramos como o merecía a ocasión. Agora anda buscando coche e xa ten o mellor asesor que podía atopar. Non hai fallo.

Remato cunha anécdota que para min resume quen é Iván e por que estou tan unido a el. Andaba eu hai uns días algo espeso e un pouco tristón. Estaba diante do ordenador facendo xa non sei o que e entrou Iván pola porta. Doume a man coa súa risa de sempre e díxome: “Sabes a noticia?”. Pregunteille de que noticia me falaba e contestou: “A partir de agora vai haber partidos os luns!”. Rin por dentro e alegroume a tarde tan só con ese detalle. Este é o Iván que tantas persoas apreciamos e queremos.

Comments

  1. Fermosa, entrañable e tenra a historia que nos contas da vosa amizade, Xosé. Dá gusto lela e relela. Emotiva, moito. Iván é todo agarimo, alegría e inocencia. Tes razón, ese é o Iván que tantos apreciamos, queremos e mimamos. É un rapaz ben listo, cun especial sentido da intuición para acercarse ás persoas, sempre coa súa sonrisa franca, non cres?
    Apertas para os dous.

  2. Avatar de Descoñecido Anónimo says:

    Pero como se pode escribir algo tan especial e divino, mentras fermenta unha masa!!!
    para min eche un misterio poder falar así coas palabras, e facer aflorar tantas sensaciós … agachadas.
    Grazas Mestre.

  3. Avatar de Descoñecido Anónimo says:

    Precioso …

  4. Avatar de Descoñecido Eliseu says:

    Merecía o Iván ser o culpable de que fixeses unha entrada puramente literaria.

  5. Falando da túa idea de fechar o blogo só quero dicirche que hai anos ( case cinco ) este espazo era unha ventá para ver Galicia candoeu era Acedre e estaba nos EEUU.
    Sigue así que me encanta.

  6. Efectivamente, sempre fun sabedora da túa sensibilidade, algo que apreciamos a maioría das mulleres e que non saben dar a maioría dos homes. estupendo polo teu traballo e estupendo polo apoio e cariño que deche a este rapaz.
    un beso dende a ribeira sacra

  7. Certamente esta historia pode abrandar ata o corazón mais correudo.
    De seguro que sodes moi distintos pero tendes personalidades complementarias.
    Os meus parabens para Ivan, e ti sigue alimentando esta páxina.
    Unha aperta para os dous.

Trackbacks

  1. […] no último partido da Liga. Por iso veñen reforzos desde as terras do Deza. [Toda axuda é pouca.] Iván o deportivista, vestindo a camiseta do equipo, envolveito nunha mantiña para escorrentar a friaxe, […]

Deixar unha resposta