Soe dicirse que hai persoas coas que tés establecida unha conexión tan especial que sempre están presentes dalgún xeito, aínda que pases meses ou anos sen velas. Acontéceme iso con Merchi, antiga veciña de cando eu vivía en Compostela e sempre boa amiga, amén de espléndida docente de linguas clásicas, que non sei como se amaña para aparecer sempre no momento xusto. Estes días remitiume un correo no que me dicía “Sursum corda!”, arriba os corazóns! que non decaia o ánimo. Non deixes que o paxariño do desánimo aniñe na túa cabeciña aínda que de cando en vez voe preto. Perfecto, Merchi, nin máis nin menos.
É ben certo que o paxariño do desánimo nos visita de cando en vez, pero tamén é certo que o milagre da comunicación axuda a despistalo. Vouno ilustrar con outro exemplo. Levo case un ano acudindo a unha clínica de fisioterapia para que me traten un problema lumbar que me dou moito que facer. Empecei indo varias veces por semana e agora acudo apenas un día ao mes, pois xa non teño dor e vou, coma quen di, para pasar a ITV. Foron moitas sesións, case corenta, e iso dou para algunhas conversas, tampouco moitas, porque creo que nin Bea, a fisio que me atende, nin eu nos prodigabamos moito falando. Así pasaron os meses. Hai xa varias semanas acudín á cita mensual e non estaba no meu mellor día. Cando Bea me preguntou cordialmente Como estás?, como sempre fai ao empezar a sesión, respondín que andaba algo baixo. Só me fixo falta ver a expresión que cobraron os seus ollos, eses ollos cos que sempre mira á cara do seu interlocutor, para sentir o calor da comunicación e para ver como o paxariño do desánimo voaba un pouco máis lonxe.
PD/ O meu amigo Iván xa ten coche apalabrado, todo un SEAT Aro(u)sa. Agora só falta facer o seguro, que é a tarefa na que andamos estes días. Por tanto, pronto teremos novo vídeo.





Non é difícil aparecer no momento xusto da vida de alguén que está permanentemente nun, facéndose patente a cada intre. Hai homes (e mulleres) que deixan lembranzas. Outros deixades pegadas fondas que nin o paso do tempo borra. Este espazo teu, que fas noso, é unha forte pegada, un fío condutor de ilusións, de ledicias compartidas, de historias sinxelas que nos din o que é a vida,ese día a día que vai pasando case sen decatarnos. Reivindiquemos a fermosa rutina das cousas sinxelas, que xa temos bastantes “avatares”, guerras das galaxias e ficcións rodeándonos,ollemos o beatus ille dos agros de Oza, a aurea mediocitas dunhas filloíñas de pan de centeo que iso si que eleva os corazóns. Felicidades polo traballo ben feito! Sempre.