É luns pola tarde e en Santiago chove a mares. Aparco na estación de tren e saio disparado cara ao centro. O vento esnaquízame o paraugas. Chego máis que puntual á cita e a enfermeira condúceme á consulta. Non fixen máis que cruzar a porta e xa teño ansia por largar de alí. É certo que non percibo claramente os detalles, por suposto, pero si que me chegan as primeiras impresións… e non son nada boas. Todo é rancio naquel lugar: as enciclopedias que parecen compradas a metro, a escuridade lóbrega, o mobiliario do ano catapún, a atmosfera espesa. O doutor érguese do asento e dáme a man mirando ao tendido. Senta diante do ordenador e empeza a pedirme datos. Canto coma un paxariño: chámome así, nacín en tal data, meus pais son fulano e mengana e están vivos, estou solteiro, vivo só, nunca me operaron. De súpeto ponse en pé, agarra un esprai e empeza a fumigar a habitación. “No hueles a orina?”, dime. Estou aterrorizado. “Es que la anterior paciente es una señora mayor y sufre incontinencia”. Ufff! O tío volve sentar e sigue co interrogatorio.
Rematado o ritual da toma de datos, o doutor levanta a vista da pantalla e colle o meu carné. “Eso de Xosé, es de ahora o ya te lo pusieron de pequeño?” Explícolle que eu non podía ser Xosé cando nacín porque daquela non era posible legalmente e que, polo tanto, o cambiei xa de maior. “Y no te trae problemas?”, apunta, e formula unha serie de obxeccións. Quen me coñeza xa sabe que non son persoa de moito discutir, así que calo e agardo a que nos metamos no asunto que me levou alí. Polo que se ve, o home non ten apuro ningún e sigue a voltas co tema da galeguización dos nomes e dos apelidos. Despois fala das súas aventuras polo continente americano e aí xa me perdo. Só sei que quero acabar canto antes e fuxir.
Chega o momento de abordar o motivo da miña consulta, expóñollo e quedo pasmado coas barbaridades que saen da súa boca a modo de resposta. Pasan uns minutos que se me fan eternos ata que se centra e me prescribe o tratamento. “Dentro de dos o tres meses nos vemos, si te parece”, conclúe. Vaiche boa, penso, mentres collo os papeis e saio ao exterior. Respiro.
Deixou de chover e amainou o vento. Levo na man o que queda do meu paraugas e busco unha papeleira para desfacerme del. Sinto a necesidade de falar con alguén que me devolva á realidade. Entón chamo a Suso.





Seguro que non foi un soño de Falabarato?
Máis ben un pesadelo… 😉
A túa historia recordoume a un texto de Kafka…, polo absurdo da situación.
Gústame o que escribes. Eu sempre o leo con moito entusiasmo e especial interes.
Hoxe metíchesme o medo no corpo.
Teño experiencia en consultas médicas , de tódalas castes. Dos que che dan a man , dos que che miran por enriba das gafas, dos que falan e falan e dos que che tratan coma se non tiveses vontade.
Todos me poñen dos nervios.
Xa veras como prontiño te pos ben.
Ten que ser e así será.
Con todo o cariño.