post

Cousas da informática

Decidiu cambiar o ordenador do despacho por un portátil. Ocupeime do trasvase da información entre os dous equipos, retirei o vello e puxen o novo. A CPU estaba tan desfasada que non lle vin aproveitadoiro, así que decidín que o seu destino sería o punto limpo. Iso si, antes deberei desenganchar o disco duro e inutilizalo polas bravas (non como os informáticos de verdade, que teñen aparellos ad hoc), para evitar que a información sensible teña ocasión de circular. Reservei o monitor, un CRT de 15″ aínda bastante ben conservado, porque me pode vir ben para resolver temporalmente unha avaría ou para darllo a alguén que o precise. Como me dixo miña nai un día destes, ao tempo que me poñía no coche unha caixa chea de ovos , “se ti non os queres, sempre podes facer feliz a un pobre”.

Cando xa estaba rematando o traballo veu a moza que se ocupa das tarefas administrativas, dirixiu a mirada ao monitor e transmitiume a súa preocupación pola posibilidade de que a persoa que o vaia usar acceda á información que había no ordenador. Expliqueille que a información está no disco duro, nunca no monitor, detalleille os meus plans para impedir o acceso a ela e creo que disipei totalmente os seus temores.

Aproveito tamén para comentar que o noso querido Iván realizou hai uns días o seu primeiro servizo como informático a domicilio. A unha amiga del falláballe a conexión a internet no ordenador de sobremesa e alá foi, armado cun cable que lle deixei e cun plan de actuación que trazamos en dez minutiños. Ao pouco de marchar chamoume para comunicarme que xa descubrira o fallo: “Meteron o cable no burato que non era”.

Deixar unha resposta