Primeira puntada
Nunca me ocupara moito dela ata que lin no xornal a nova da súa morte fulminante e prematura. Foi daquela, ao fío do seu pasamento, cando descubrín a obra de Xela Arias. Xa hai máis dun lustro diso.
Segunda puntada
Visitoume recentemente Edelmiro Silveira e amoseille un libro dunha poeta a quen el coñece persoalmente. Comenteille que me parece unha poeta irreprochable, mesmo brillante nalgúns momentos, pero que é desa caste de artistas que me resultan moi cargantes cando se dedican a construír e cultivar o seu propio personaxe. O texto da solapa dese libro é un bo exemplo, tan ben surtido como está de clichés do estilo Son filla de Helena e Suso, que me deron o nome co que asino, a lingua coa que escribo, a vida coa que vivo. Vale, vale, vale.
Edelmiro marchou e o libro quedou enriba da mesa.
Terceira puntada (ou contrapunto)
Pasaron varias semanas ata que hoxe devolvín ao seu sitio o libro que lle ensinara a Edelmiro. Alí me esperaba Darío a diario, un poemario que Xela Arias publicou no ano 1996 e que está dedicado ao seu fillo. Fun pasando as follas ata que cheguei a uns versos que me atraparon. Pareceume -e parécemo agora ao reler- que esas poucas liñas compoñen unha xenuína autobiografía da poeta, un relato ofrecido sen afectación e que chega a nós profundamente marcado -mesmo poderiamos dicir bruscamente marcado– pola experiencia recente da maternidade.
Déixocho, por se queres gozalo.
Non me gustaban de nena os peluches
e lembran meus pais que non xoguei moito ás bonecas.
Non me deteño a cociñar e na química das quimeras
rocei un xeito de delincuencia xuvenil.
Un xénero feminino algo a desmán das narracións para o ano en que nacín.
E vés
ti
agora,
primeiro imaxinado e xa querido,
logo presente nestes cuartos a diario:
hai posible en ser muller un privilexio imposible de transferir.





Xulgou o Edelmiro moi apropiado este poema para describir o pouco fácil que resulta ás veces andar por outro rego.
Canta razón! Canta verdade en tan poucas palabras! Non me estraña que te atrapasen estas liñas. Hai xa ben anos que levo no pensamento gravada a idea que transmite a última liña, é ben certo: “un privilexio imposible de transferir”. Penseino desde o momento en que o vivín (non antes).
Grazas por esta aportación.
Outro fermoso anaquiño:
Busco o modo de te acompañar sen estorbo,
que seas ó meu carón feliz e creador de ti,
de ti e mailo mundo que apañes.
Pois si, meu rei, bastante pedante esa moza, ten a quen parecerse. Eu fun testemuña (con trinta e pico compañeiras máis) alá polos setenta e moitos, xa oitenta case, do nacemento do seu irmán, seica virtuoso do teclado…coma ti, jejeje. A súa nai babexaba empavonada léndonos os poemas para o neófito, contándonos os seus agasallos de reis tan didácticos, nunca ousaría mercarlle nada que incitara á violencia….En fin, que nestas chegou a fin de curso e o libro de lingua española case sen ver polo miúdo…
Moi simpáticas as entradas de Silleda. Tes un bo material. E, dende logo, unha lembranza para Xela, alá onde estea. Moitos bicos.