post

o ruído das 00:45

Teño un vecindario tranquilo. Con iso quero dicir que nunca os escoito discutir, que non poñen a música alta, que non montan festa, que non hai portazos…  Intúo que a procesión irá por dentro, naturalmente, pero as [escasas] evidencias sonoras da súa vida cotiá vanse sucedendo case coa cadencia dun metrónomo, sen apenas estridencias.

Creo que teño bastante ben identificados todos os ruídos que me chegan: o da porta do garaxe, o do ascensor [si, por fin!], o despertador parlante do veciño que dorme do outro lado, a súa loooonga ducha das sete da mañá, os choros dun bebesiño. Cousas así.

Todo este universo sonoro forma parte desas rutinas coas que un convive sen prestarlles moita atención. Sen embargo, todo cambia ás 00:45, que é cando escoito un ruído que me leva dado moito que cavilar. O ruído vén do piso de arriba e semella que o produce un obxecto que cae ao chan e que rola sen chegar nunca a romper. Podería ser un cinceiro, unha botella, un vaso… O que me intriga, ademais da peculiar natureza deste son, é a extraordinaria regularidade coa que é emitido. Leva anos conmigo, día tras día, ás 00:45.

PS/

Haberá catro ou cinco anos escoitei unha discusión dos meus veciños de parede. Non sei de que partillaban, pero lembro moi ben que levantaban a voz e que un dos dous dixo estas palabras: É de plástico, cona!!!

Comments

  1. Avatar de A Contramuleta A Contramuleta says:

    Se é tan puntual, pódese tratar dunha manifestación do espírito de Kant que o está chamando para que retorne á dedicación filosófica, berce do que non debeu fuxir.

    • Avatar de xdafonte xdafonte says:

      Teño imaxinado mil cousas cada vez que escoito ese ruído, pero nunca pola cabeza me pasou que se tratase dunha manifestación do espírito de Kant, por moita fama de puntual que sempre lle atribuíron a ese home.
      As miñas hipóteses son máis mundanas, Contramuleta, e tamén máis sinistras.

      • Avatar de A Contramuleta A Contramuleta says:

        Acláreme por favor por que campos se move o seu maxín ao respecto, xa que corro o risco de comezar a sentilos eu tamén.

      • Avatar de xdafonte xdafonte says:

        Vostede está ben libre de sentir estes ruídos de forma tan continuada, dada a súa tendencia ao nomadismo.

  2. pois non sei se eu daría durmido sin resolver ese enigma…
    [por iso despois saen na prensa eses misteriosos crimes incomprensibles]

    … o de “sinistras” deixame cavilando (e esgarabellando na curiosidade de por onde che irá o maxín)

  3. eu teño unha hipótese
    se xuntamos os dous datos q ofreces (cae ao chan e rola sen chegar a romper; “é de plástico, cona”), penso q pode tratarse dunhas bolas chinas…
    están vezados, eh? pq para q se oia tódolos días…
    😛

    • Avatar de xdafonte xdafonte says:

      Non sei como soan unhas bolas chinas ao caer ao chan, pero paréceme que han producir un son diferente ao dunha peza de louza. Tamén me sorprendería, no caso de que se tratase diso, esa precisión horaria.
      De todas formas, é unha teoría moi sedutora.

  4. …!!! Que emocionante!
    …??? Canto misterio!
    Zeltiaaaaa: ti dálle máis ideas, si;)
    Coido, non sei polo que, que o de “sinistras” deriva por outro camiño.
    To be continued, non siiii?

  5. Nin idea!
    Pensarei sobre elo,…
    Podería ser que pasa a aspiradora a esa hora? Cando se escoita dende o piso dabaixo fai un ruido rarísimo, pero penso que non é coma se rolase,…

  6. A pesares de que o describes ben, non se me ocurre que poida ser, quizais se o escoito en vivo e en directo… 🙂

    O das conversas, pode levar a moitos equívocos. Cando eu vivín en Santiago o piso dábame a un patio de apenas dous metros de ancho. Os meus veciños do lado eran unha parella xoven e liberal, que se paseaban en bolas pola casa adiante a calquer hora do día e coa ventá aberta. O mesmo pelexaban a morte que se bicaban… vamos todo un espectáculo ó que eu sin pretendelo tiña acceso directo.
    Un día El estaba no baño (ventá aberta)e escoito:
    – Caaaari, vente un momentito y dame por detras que lo necesito, anda…..
    – ?????
    – Jodeeeerr, dame más despacio que me puedes cortar!!!
    -!!!!
    Bueno, pois eu non fun capaz de mirar, nin tampouco logrei imaxinar de todo.
    Logo un día, vin o que sopuxen era a escea… e non tiña nada de sexual… de sensual? si, pode.
    [ os dous medio espidos, e ela pasándolle a maquiniña de afeitar pola caluga… ] Xa ves !!!!

  7. H, xenial o teu comentario. XENIAL, XENIAL, XENIALLLLLLLLLLL

Deixar unha resposta