post

a bolboreta das ás esmagadas

Levantei a vista. Diante nosa estaba unha muller que quería dicirnos algo.

-Estáis para una foto!

E marchou. Vin como se ía abrindo paso entre a xente co titubeo propio de quen xa leva unhas poucas cervexiñas no corpo e outra na man.

Pasaron uns minutos e regresou. Blusa branca elegante, o vaso de cervexa cheo ata os topes e un medio sorriso nos beizos. Pediunos autorización para sentar no noso sofá. Permiso concedido. O grupo de persoas co que ela viñera estaba a uns metros de nós. Mirábannos de esguello, os moi capullos.

-Si os molesto, me lo decís y me voy, ¿vale?

Contounos que xa estaba cansada de aturar a un dos seus acompañantes, concretamente a aquel home de bigotón preconstitucional que non paraba de falar. Parece ser que o fulano só sabía largar de si mesmo -que raro!-, e ese non era un tema de conversación que a apaixoase nese momento. Ao pouco tempo aproximouse unha das amigas do seu grupo e chamoulle cabroooonaaa [E digo eu que unha cousa é que che chamen cabrona, así polas bravas, e outra moi distinta que che digan cabroooonaaa, así como con picardía. Enténdese a diferenza, non?]

Saímos á rúa. Mirei a hora e sorprendeume que fose aínda tan cedo. Ela, a cabrooonaaa, veu camiñando con nós. A amiga e o resto do grupo ían un pouco por diante. Cando pasamos á beira das escaleiras da Quintana apareceu un chaval con pinta de recén levantado da sesta. As presentacións de rigor e o lacónico choque de mans. O mozo acelerou o paso: foi a súa maneira de dicir adeus.

-Se supone que es mi pareja. Lo que pasa es que tenemos una relación abierta.

Non perdín un segundo antes de preguntarlle que demo é iso dunha relación aberta. Púxose seria e ofreceume unha resposta que podería incluírse na Wikipedia.

-E ti levas ben iso?

-No, para nada.

Baixou a cabeza e calou.

Comments

  1. Avatar de Beato Darzádegos Beato Darzádegos says:

    Bos días Xosé:
    O que sente con/por estas persoas e as súas actitudes é tenrura. Imaxino a vosa predisposición e deferencia. Simple.
    Era o lugar máis agradabel para estar; a cervexa , é o que ten, desinhinibe e fai ca lingua afloxe as parolas sen sintido; cunha sensazón de novos tempos , novas vivenzas….e fai amicus.
    A cervexa rompe escalóns e escadas; pódense escadar con elas montes e outeiros da felicidade e mirar o redor e ver que, coma os outeiros, seguimos soios no universo…de cada un.
    Deica logo amicus.

  2. Avatar de Descoñecido Áptera says:

    Para ser unha canción só lle falta a música ;))

Deixar unha resposta