Resulta que en Cachóns viviu e traballou un fotógrafo dos de antes, un retratista, e eu non o sabía. Sabíao H, habitual comentarista deste blogue, e mandoume un aviso. Recoñezo que dubidei da veracidade da información, porque nunca tal cousa oíra na miña aldea, pero pregunteille a meu pai, que ma confirmou. El era moi neno nos tempos do señor Ramón, o retratista, pero remitiume a Evangelina, que vivía nunha casa moi próxima á que ocupaban o señor Ramón e a muller.
Falei con Uxío, o meu irmán, e interesouse tamén por esa novidade. Conversou con Evangelina e xa puxo data para ir alí coas cámaras: o 15 de agosto a iso da unha do mediodía, que é á hora á que Evangelina e a súa filla Isabel regresan da feira de Padrón. Evangelina atendeunos de marabilla e fixo o esforzo de retroceder setenta anos para contarnos todo o que lembra do retratista, que non é pouco.
Queda pendente para outra vez facer indagacións sobre o que se conserva da súa obra. É posible que ese traballo xa fose feito por alguén, pero non nos consta. Tampouco temos a man fotos da casa do retratista que amosen a súa apariencia de entón. A vivenda foi remodelada varias veces e costa facerse unha idea do aspecto que podía ter na década dos anos trinta ou corenta do pasado século. En fin, son tarefas que pode que algún día acometamos.
PS1/ Este vídeo, ao igual que varios dos últimos que publiquei, permiten un visionado en alta calidade (720p ou mesmo 1080p). Pódense activar estas opcións na consola de reprodución de YouTube.
PS2/ E que dicir do tema ADSL? Cando poderemos acceder a internet sen ter que colgar o pincho de Vodafone na cana de pescar para coller un pouco de cobertura?





Falaron