post

camiños orballados

Pasou toda a mañá choviscando. Pola tarde, en cambio, abril amosou a súa cara máis soleada.

Xa levaba un tempo sen verse o orballo nos camiños, nas corredoiras e nos carreiros de Cachóns.

-Moitos destes camiños seguirán sendo transitabeis mentres teu pai estea aí para ilos limpando. Despois… xa veremos.

[E asinto con ollos case de orballo]

post

poñelas ou botalas?

Non me preocupei de buscar datos estatíscos que o avalen, pero creo que na meirande parte do país as patacas bótanse. Á xente de Cachóns, en cambio, sóanos raro iso de botar as patacas, porque para nós as patacas póñense.  E postas quedaron as da miña casa o sábado pola mañá.

O froito destes poucos regos recollerémolo en agosto. Antes, posiblemente a finais de maio, xa se empezarán a consumir as patacas de cedo, que a estas alturas medran a bo ritmo na horta.

[e xa se sabe o que pasa coas patacas:
cando veñen as novas, xa ninguén quere as vellas]

Mentres as patacas ían quedando no rego, as campás avisaban do cabodano dun home que moitas patacas debeu poñer na súa vida. Tocaban por Gundín, o xornaleiro.

post

cachóns renace

Luns pola tarde.

Aproveita para gravar hoxe, dime Uxío, que unha noite destas vai vir unha man de xeada que o vai queimar todo.

Fui à beira do mar
Ver o que lá havia
Ouvi uma voz cantar
Que ao longe me dizia
Ó cantador alegre
Que é da tua alegria
Tens tanto para andar
E a noite está tão fria
Desde então a lavrar
No meu peito a alegria
Ouço alguém a bradar
Aproveita que é dia
Sentei-me a descansar
Enquanto amanhecia
Entre o céu e o mar
Uma proa rompia
Desde então a bater
No meu peito em segredo
Sinto uma voz dizer
Teima, teima sem medo

post

entroido de oza 4/ ata o ano que vén

Debía andar eu polos 15 anos cando mercamos o primeiro radiocasete que houbo na casa, e con ese trebello incorporeime aos universos da música en conserva e da frecuencia modulada, porque ata entón só dispoñía dun transistor cativo que me non me deixaba escoitar outra cousa que non fose a onda media.

Co aparato viña unha cinta de regalo, un casete dun contador de chistes chamado O Xestal. Era a única que tiñamos e poñiámola bastante. Despois foron aparecendo outras opcións e O Xestal foi pasando a un segundo plano. A cinta perdeuse, naturalmente, e mesmo pode que fose utilizada para gravar por riba algunha canción radiofónica xa soterrada na desmemoria máis glacial.

Pasaban os anos e eu quería crer que xa esquecera O Xestal. Non volvín saber del ata que hai pouco vin no xornal unha referencia a unha homenaxe que se lle ía facer. Non o pensei moito: mergullei na www e descarguei un lote de discos del. Oír de novo a súa voz púxome en contacto con antigas emocións.

No vídeo de hoxe, o último que lle dedico ao entroido de Oza deste ano, utilizo algúns parrafeos do Xestal. Ben merecido o ten polo que nos fixo rir a Esther, a Pedro, a Uxío e a min.

post

o entroido de oza 3/ mil batallas

remanga os puuuuuños
[Dores Tembrás, O pouso do fume]

Quen lle ía dicir a aquel Zapatero dos tempos de gloria que a súa imaxe ecuestre sucumbiría ante o vigor verbal dun humilde cigarro de Oza! Non lle ha ser doado encaixar ese golpe ao home que lle gañou varios debates televisados a un personaxe da talla intelectual de Mariano Rajoy.

Rematada a regueifa do Piro e consumada a derrota, Zapatero debuxou coa súa espada o contorno da lúa tremenda. Fíxoo moi amodiño, coa mirada perdida e con toda a apariencia de estar mergullado en escuros pensamentos. Pero iso, como el diría, son meras especulacións. O único que se sabe de certo é que baixou do cabalo e que compartiu un viño con algúns dos presentes. Despois botou a andar pola pista da Hermida abaixo, volveu mirar a lúa colosal e viuse como erguía os brazos cara ela e lle dicía Voute soñar…



post

entroidos de oza 2/ mandan os dacabalo

Pode que vos sorprenda o Guardiola que compareceu o 19 de marzo no campo da festa de Oza. Non é que non viñese guapo e elegante [pordió!], pero a min resultoume novidosa a súa actitude desafiante e pelín macarra. Seguro que a causa desa mutación é ese plus que dá ir dacabalo…

post

entroidos de oza 1/ viagra ou fame

Foi todo cuestión de tempo: o mal tempo obrigou á xente de Oza a correr o entroido fóra do seu tempo. Houbo que agardar polo san Xosé, e daquela, xusto un mes despois do previsto, si que saíron os cabalos, as carrozas, os coros de mozos e de vellos. Percorreron a parroquia durante todo o día e chegaron a Agoso cando xa era case imposible apartar os ollos da lúa inmensa.

[Eu andaba coa cámara e pode que me confundise o xogo de luces e de sombras –La noche me confunde, dixo Sócrates con acento cubano-, pero xuraría que, ao mirar de esguello, máis dunha vez vin que a magnífica lúa chea se sentaba discretamente entre o público e tarareaba as cancións dos coros con xestos mainiños que namoraban, si, que namoraban]

Houbo regueifas a fartar, e por aquí irán pasando Guardiola, Mourinho, Obama… e mesmo un pitillo respondón. Pero por algo hai que empezar, e hoxe deixo un desafío para que vexades como se resolve en Oza a guerra de sexos.

post

troitas

Un vello estanque.
Tírase unha ra:
ruído da auga.
[Un haiku de Matsuo Bashō]

Aura publicou hai uns días cinco fotos duns muíños que sobreviven ao pé do río Vilameá.

Escribín un comentario.

O retrovisor achegoume ao neno que ía con seu pai ao muíño. O Tella era entón un río, non o fedorento surtidor de veleno no que pouco despois se convertiría [di que si, Uxío!]

Algunha vez colliamos unhas troitas cando volviamos para a casa. Non as pescabamos: simplemente atrancabamos algunha presa pequena para que quedasen atrapadas. Despois gardabámolas no saco da fariña e así ninguén sabía do noso delito.

O comentario quedou aí. A pinga de humor que lle faltaba púxolla alguén que o veu e me mandou inmediatamente un correo poñendo as cousas no seu sitio:

-Troitas pillabas as que eu che deixaba ir, que primeiro pasaban pola beiriña do meu muíño.

post

entroido á vista

Atranque de Daniel [Oza, xaneiro de 2008]

Lembro moi ben como foi a gravación deste vídeo…

Xa era case de noite no Piro, o escenario escollido para a gran batalla verbal entre Daniel e Anselmo. O tempo botábase enriba e meu irmán colleume por banda e foime abrindo paso entre a xente ata levarme á beiriña dos regueifeiros. Alí estaba Daniel, en efecto, pero faltaba Anselmo, que a última hora tivo que ser substituído -e con moita soltura, por certo- por Vilariño. Armei a cámara e collín algúns planos. Vilariño indicoume que me centrase en Daniel, que era o verdadeiro protagonista do atranque, e así o fixen durante os case nove minutos de gravación.

PS1/ Daniel deixounos en novembro do 2009.
PS2/ A maiores do atranque protagonizado polo inesquecible Daniel, achego tamén unha ligazón a un resumo en vídeo do que deron de si as máscaras de Oza do ano 1992 [aquí], que me gustaría que servise de homenaxe ás persoas que participaron e participan nestas festas.
PS3/ Xa se están cocendo as Máscaras do 2011!!
post

porquiño porque si

bebe tranquilo, que este é viño da casa e non che ha facer mal  :: e come chourizos, home, que o quiniño fartouse de comer verdura un ano enteiro  :: se viras de que carniña tan escollida os fixemos… :: pero, iso si, hai que pasar moitos traballiños, que as cousas non veñen sen traballar

post

solsticio

O vídeo de hoxe é un vídeo de inverno, e do inverno xa falou Zeltia:
os domingos fríos, levo onda a ventá o primero café con leite da mañá na cunca branca grande, [lémbrame aquela na que almorzaba de nena o leite de cabra con sopas de molete pantrigo]
post

o berciño dos carrizos

A meu pai gustáballe amosarme os berciños dos carrizos, pero nunca me deixaba achegarme a eles:

-Non, nena, que igual asañan…

[Na casa de meus pais sempre houbo niños de anduriñas, cando menos ata onde chega a miña memoria. Alí, acubilladiñas debaixo da madeira do piso do cuberto, pasan unha xenerosa tempada entre achouchíos e voos eléctricos. Sempre me chamou a atención ver a meu pai, que non foi criado precisamente na doutrina do respecto polos animais -coma calquera outro home da súa xeración-, poñendo unhas táboas entre os puntóns para facilitarlles a tarefa de aniñar]