post

outras panorama[s]

Cando o neno era neno, as verbenas das festas da parroquia [para nós sempre era ir ao baile] estaban amenizadas habitualmente por unha orquestriña. O neno lembra, entre outras curiosidades, que algúns vocalistas se dirixían ao público cun finxido acento sudamericano, unha marca de pestixio naquel contexto. Os músicos facían o que podían enriba dos palcos de madeira habilitados uns días antes polos membros da comisión de festas, sempre alerta ante a posibilidade de que se cortase a luz ou se acoplasen os micros. O neno non esquece aquel Se ruega al propietario del vehícalo con matrícula… nin as carreiras cos foguetes ou as escopetas de balíns coas que non había maneira de atinarlle a cousa ningunha. Tampouco esquece que a xente bailaba ao son daqueles homes traxeados: bailaban os matrimonios, bailaban as parellas formais e o baile era a peaxe pola que tiñan que pasar os/as que querían ligar…
Pasaron anos e o cada vez menos neno foi sabendo que o mundo das verbenas estaba a mudar. El xa non acudía a elas, pero escoitaba que se estaban a impoñer as grandes orquestras, capaces de montar espectáculos que mobilizan miles de persoas [Fun coa muller ver a Panorama / O sábado toca a París en Cuntis].
Este verán saltou aos medios unha polémica, con acusacións cruzadas entre diversos colectivos  e a orquestra Olympus, unha das grandes do país, á que acusaban de manifestar nas súas actuacións actitudes xenófobas, homófobas e, en xeral, discriminatorias.  Xusto neses días estaba o neno case nada neno nun lugar de veraneo e veu que estaban montando o escenario da orquestra Panorama, outra das potentes. Pois nada, haberá que vela. O espectáculo é fastuoso, cun xenerosísimo despregue de medios humanos e de recursos tecnolóxicos. Iso si, a xente mira, fai fotos e aplaude, pero non baila. Ninguén.

A finais de agosto fomos os da casa á romaría de Requián, na Estrada. Imos todos os anos. Vimos que contrataran un conxuntiño de tres músicos que, sen axuda de ninguén, ían maqueando o camión que levaron para convertilo nun esceario o máis decente posible. Despois de cear estivemos vendo un anaco da actuación. Case non había ninguén, a calidade do son e das interpretacións era cuestionable, pero o que me chamou a atención foi ver que a pouca xente que andaba por alí si que bailaba. E con entusiasmo.

Comments

  1. Nunca reparara antes na letra da campanera!
    nada comparable, con todo, á da iegua do cantante masculino
    pois a festa non estaba moi concurrida,
    o conxunto da ternuriña, dende logo, comparado co despregue de medios das “Panoramas” todas…
    e, despois de todo, o importante nun baile… é bailar!
    -claro que o pulpo que estabades comendo, acompañados dese tinto na taza branca, é o lle da o verdadeiro punto!-

  2. Xosé, estou totalmente de acordo co que contas. No pasado mes de agosto estiven en Melide polas Festas Patronais e escoitei ás “espectaculares” orquestras Panorama e París de Noia; había anos que non vía tanta xente xunta, pero observei unha situación moi semellante a que ti describes: miraban, falaban, algúns escoitaban e movían as bandeiriñas… bailar o que se di bailar, moi pouca xente. Será por mor das grandes orquestras que non consiguen cautivar ao público par animalo a que colla o ritmo? Ou será porque á xente de agora lle falta entusiasmo?
    Naqueles tempos nos que “o neno case nada neno” aínda era neno, todos bailabamos con só escoitar a música desde lonxe, incluso cando chegaban os ecos perdidos das trompetas a dous kilómetros de distancia procedentes da parroquia máis cercana. Xa non digamos (eu polo menos) cando soaban os “Cuarenta principales” na radio. Había ilusión!
    Apertas musicais. E a seguir bailando!

  3. Que boa festa! Pero que guapos e que contentos están os teus pais! Que sorte tes! De paso, lembrei aqueloutro vídeo de Requián 2006, un dos primeiros que escoitei. Agardamos por máis festas, Falabarato.
    Bicos

  4. Avatar de Descoñecido A Contramuleta says:

    E non lle botaría vostede unha peza con esa moza tan xeitosa que o acompañaba ;)))

  5. Avatar de Descoñecido A Contramuleta says:

    Pero estou convencido de que un minutiño para vostede sempre o ten.

  6. Memorias dun Neno chamado José.
    Que boa idea !. Sobre todo pola cercanía das cousas que contas, nótase que as nosas experiencias nas festas parroquiales foron ben parecidas, menos no referente ós foguetes e ás escopetas; claro está.
    Seguro que moitos “nenos e nenas” dos que pasamos por aquí coincídimos contigo, non si ?
    Sinto debilidade polos vídeos familiares, e hai que ver que guapetóns vos puxestes pa ocasión, como debe ser.
    Referente ó ambiente, digo eu que ese é do mellorciño, quen precisa máis (a comisión, certo) porque estando así, a gusto sin as presións das multitudes….A ver a quen non lle apetece decir aquelo de: bailas? ou mellor: bailamos??
    Moitos bicos Xosé.

Deixar unha resposta