post

san valentín

Nas vésperas da festa dos vellos caeron na conta de que lles fallaban algúns recursos. Cómpre aclarar que a festa da que falo non era unha macro-concentración desas que se estilan para a terceira idade, con buses, carpa, carne ao caldeiro e café con gotas. Esta era unha festa de San Valentín.

Chamáronme para que lles axudase a saír do paso. Falamos. Querían un aparello para facer un karaoke e poñer algo de música. Botei contas e díxenlles que miraría de conseguirlles unha mesa de mezclas, un par de micros, unhas caixas, un portátil cun programa de karaoke e uns emepetrés de Manolo Escobar e cousas dese estilo.

Chegou o sábado pola tarde. Carrexamos o material e instalámolo. Dispuxen a mesa, as caixas, os micros e o portátil. Engadín un canón para proxectar as letras das cancións contra unha das paredes. Como levaba tamén unha cámara de vídeo, conecteina ao sistema para proxectar algunhas imaxes da xente. Ao remate da instalación, e xuntando unhas cousas con outras, montouse alí un bo tinglado de aparellos e cables.

Empezou a festa cunhas lambetadas, devoradas pola concurrencia a unha velocidade de vértigo. Puxen o karaoke, pero non se animaron moito. A maioría miraba e aplaudía con disciplina e escaso entusiasmo. Pasamos á música e aí me tedes diante do ordenador, pinchando os emepetrés e proxectando algunhas imaxes procedentes da cámara.

Apareceron as autoridades e houbo discursos, apretóns de mans, bicos e baile. E máis baile. E máis bicos. E novos apretóns de mans. Cando a festa estaba para rematar, achegouse a min unha das organizadoras para darme as grazas. Ría a escachar.

-Sabes que me acaba de dicir unha señora? Como manexas tantos aparellos e tantos cables e ve que tecleas no portátil, veu cabo miña e dixo: Para o ano que vén tedes que contratar outra vez a ese conxunto.

Comments

  1. un conxunto, claro que sí.
    coma o home orquesta

  2. Avatar de silledense silledense says:

    Coñecía esa anécdota. Moito rin cando ma contaron (e non fuches ti…)

  3. Así que agora es un home-orquestra! Hahahaaaa… Que caladiño o tiñas, eh? E como se chama o conxunto que representas?

  4. Avatar de Harmony Harmony says:

    Aplaudían con disciplina…
    Seguro que te volven contratar!

  5. E porqué será que non me sorprende… hai homes que valen xmil.
    Menos mal que non che viron facer filloas, daquela
    xa tiñas o negocio completo.
    Unha aperta.

Deixar unha resposta