post

a xerra de charo lópez

-E que tal unhas setas?

-Veña!

E alá imos. O establecemento que prepara a rica cazoliña de setas con raxo está situado nunha galería comercial esnaquizada e lóbrega. Mentres a atravesamos, voulles pasando revista aos escaparates dos negocios que aínda se manteñen en activo. A maioría son bazares e mercerías, que a esta hora da noite xa pecharon. Queda con vida unha tasquiña, pero que ninguén agarde atopar nela moitas trazas do fervedoiro que tan eficazmente suxire Bernardino Graña no primeiro verso d’O gato da tasca mariñeira: Aquí non hai silencio porque hai homes… Nesta tasca das terras do Deza hai homes que beben en silencio, que miran a tele en silencio e que, tamén en silencio, van tirando ao chan as cascas dos cacahuetes.

De pronto, a mirada queda prendida dunha caixa de cartón que se ofrece nun dos bazares. Achégome, miro a foto e confirmo a miña primeira e fugaz impresión: esa muller que anuncia unha xerra depuradora de auga da billa vén sendo, nin máis nin menos, Charo López. E non acaba aí a cousa, pois, non satisfeitos con usar a súa imaxe, os anunciantes aproveitan o tirón da laureada actriz salmantina [isto da wikipedia é un choio]  para poñer na súa boca o lema da campaña publicitaria: El agua tiene un gran papel en mi vida. É unha afirmación tan absurda que me produce desacougo.

Non hai nada de sorprendente no feito de que unha persoa famosa gañe uns euriños a conta dun anuncio. Vémolo a diario, de feito, e é lóxico que a muller rotunda e fermosa que causou estragos coa súa participación en Los Gozos y las Sombras queira pillar o seu anaquiño do pastel tamén agora que, xa bordeando a setentena, as ofertas de traballo flaquean. Entón, se tan normal é isto, por que me desasosega este encontro? Por que lle vou dando voltas mentres conduzo camiño da casa? Por que o traio aquí?

Comments

  1. Avatar de dorestembras dorestembras says:
  2. Pregúntasnos a nós, ou a pregunta é retórica? 😉

    Podería ser que relacionas directamente un anuncio tan pouco glamuroso feito por unha muller en tempos tan famosa e atractiva co feito de que “a vida”, o tempo, a todos vai botando a un lado? ATA a Charo López ? (tan desexable en “los gozos y las sombras”!!!!)

    Estamos afeitos a ver famosos anunciando calquera cousa, si, pero a min ver a Punset anunciando pan Bimbo tamén me desconcertou…

  3. Fascinoume Charo López (non hai moito que a vin) en ” Los secretos del corazón ” a súa interpretación paréceme tan real coma ela misma. Puiden compreder os desacougos de “Javi ” o grandísimo protagonista. Eu tamén era moi nena cando vin certas esceas de ” Los gozos… ”

    E, ti falas de xerras e a min soanme potas. Aquelas – non ” purificadoras ” pero si, milagreiras – que cociñaban, sin aceite nin auga.
    Lembro unha tarde de demostracións [ lembro un flan descomunal :)) ].
    Máis cando sacaron o listado dos prezos, houbo quen – moi sensatamente e con calma – agudizou o enxeño :

    – Bueno, todo está moi bo e todo está moi ben, pero o caldiño seguirase a facer con AUGA,
    non ??
    – Pois claro, de toda a VIDA.

    Cousiñas así, acougan. Aperta

  4. Non sei se por casualidade ou por causalidade, hai uns meses volvín ver a serie que lanzou a Charo López (a Ava Gardner española) á fama. Segundo ía lendo a interesante anécdota que nos trae hoxe o Falabarato, fun decatándome de que o anuncio aludido non era o anuncio de hai xa décadas que vai quedando amarelo polo paso do tempo e do fume (xa non) nas tascas das vilas. A clave deuma este aclaratorio sintagma: “xa bordando a setentena”,xa que logo, actual. Non tiña coñecemento desta nova faceta de Charo López, ou de Clara Aldán? O lema que nos transmite, de tódolos xeitos, é axeitado. Se fala como Charo López, un 70% do seu organismo, é auga. Importante non só para ela, senón para todos nós. E se fala como Clara, case se podería dicir que a auga ocupaba o 100% do seu corpo…e rezumando….como chovía nesa serie!!!

  5. Noraboa polo premio ese! Non vas dicir nada ao respecto?

  6. Fíxome gracia o lema ” el agua tiene un gran papel en mi vida”, non ten moito sentido. Primeiro porque como campaña, non da moito o pego, nunha tasca o que menos se vende e auga, non? E segundo, o que fai unha xerra depuradora con auga da billa, pero que leva a imaxen dunha famosa actriz. Todos queren chupar do bote. O que fai a crisis!! E que pronto queda no olvido a vida dunha profesional, o tempo, pasa para todos!
    O que describe ben o ambiente da tasca, son os versos ” o gato da tasca mariñeira”, que me gustaron moito.

    • Avatar de xdafonte xdafonte says:

      Igual non me expliquei ben, Mari, pero a xerra “purificadora” que anuncia Charo López estaba exposta no escaparate dun comercio das galerías. A tasca é outro local que está á beira.
      O que non sabía cando escribín o texto é que a nosa Harmonía ten por alí uns ladrillos. Contoume que antes era un espazo iluminado e puxante.

      • Avatar de Harmonía Harmonía says:

        Neste relato espontáneo e dinámico, describes á perfección o tránsito polas devanditas galerías e transimites fielmente a idea de como era o mesmo espazo hai uns trinta anos. Si, pasamos da hexemonía á decadencia do ladrillo en pouco tempo.

        Para liberarme da desazón que me entrou despois de ler o segundo parágrafo do texto e reflexionar sobre o anuncio que protagoniza a actriz salmantina, retomo os versos de B. Graña.

        Que alivio!

Deixar unha resposta