Chámase Jaume Matas e estes días fartámonos de velo nos medios, sempre ben traxeado, co seu peiteado impecable, o sorriso perfecto, o maletín en ristre, os ademáns amables; en definitiva, un home ben presentado, como di miña nai da xente que reúne todas estas virtudes. O feito de que o seu salto á primeira plana diso que chaman a actualidade se deba a uns problemiñas que está a ter coa xustiza non lle nubla o ánimo nin lle borra o seu inconfundible aire de triunfador, a pesar de que ata na Wikipedia o presentan como a un “político español corrupto nacido en Palma de Mallorca el 5 de octubre de 1956“.
Como este señor está de moda, o profe pensou que podía ser un bo argumento para adestrar o seu alumnado no uso dos buscadores web. “Abride o Google e escribide Jaume Matas na celda de búsqueda, a ver que podemos saber del”. Cando chegou a hora de comparar os resultados, un dos presentes comentou que a el non lle aparecía nada. O profesor revisou a execución da tarefa e reparou na orixe do problema: onde debía escribirse Jaume Matas estaba escrito jon mematas. Foi este mesmo alumno o primeiro en botar a rir ao saber onde estaba o fallo.





Falaron