post

na cadeira do señor conselleiro

Unha visita guiada ao Parlamento de Galicia. O Conselleiro cedeume a súa cadeira.

post

ollos pra mirar

sempre de bo humor :: sempre cunha pregunta rompedora :: sempre cun comentario diferente :: sempre a voltas co seu ordenador, que o trae a mal traer :: sempre orixinal, orixinalísimo :: sempre desinhibido, sempre

[e quere saír na interné, ademais]

sempre Luís :: hoxe, por fin, nun minutiño de vídeo!

post

dentamia

A alcaldesa [agora ex] de Silleda estaba de visita nun centro de ensino da localidade. A directora convidouna a facer un percorrido polo centro, aproveitando que era pola tarde e que as dependencias estaban case baleiras. Dixen case baleiras, mais non completamente baleiras, porque a esa hora había un grupo de persoas adultas que estaban dando clase nunha das aulas de informática. Alí chegaron a directora e a alcaldesa, cruzaron os saúdos de rigor e charlaron distendidamente cos presentes. A directora bromeou e dixo que aproveitasen a ocasión de ter diante a primeira edil para pedir o que necesitasen. Entón apareceu EL -sempre EL- e dixo:

-Pois eu quero unha dentadura nova para a muller!

Cando rematou a visita, achegueime ao pedichón e pregunteille como se lle ocurrira formular tan insólita demanda. Respondeu con absoluta naturalidade:

-Home, fanlle boa falta!

post

a ruta da auga

Antes esto estaba cheo de rapazada, pero a xente de agora non cría. É o Jesús quen así sentencia, co seu sorriso retranqueiro, pero podería ser calquera dos meus compañeiros de mesa. Moitos deles -e delas, sobre todo delas- superan con folgura os oitenta anos, pero aí están tan felices diante do seu prato de pulpo, a pesar das restricións impostas por médicos sen alma [Gústalles o pulpo, señores?, di con xeito un dos camareiros. Mozo, o pulpo está moi bo, pero se non lle botases picante tamén nos valía].

Se hai pulpo é que hai festa, e se hai festa é porque os veciños e veciñas de Parada (Silleda) así o decidiron. Razóns non lles faltan, porque só eles saben do traballo e da dedicación que hai detrás da restauración das fontes e dos lavadoiros da parroquia. Para Iván e para min foi un pracer ser convidados para documentar en imaxes o gozo colectivo.

post

IXUS 130 en Ponte Taboada

Unha amiga precisaba unha cámara de fotos e mercou a Canon IXUS 130, un dispositivo compacto con moi boas especificacións, entre elas vídeo en HD, así que aproveitei a ocasión para probala en Ponte Taboada (Silleda).

Hai que recoñecer que a máquina se portou con solvencia, aínda que as condicións de luminosidade eran xa precarias. Quédame a dúbida de saber canto melloraría o resultado se traballaramos sobre trípode, porque a cámara é tan pequena e lixeira (133 g de peso, segundo o fabricante) que me resulta un pouco nervosa, sobre todo á hora de facer paneos. Non esquezamos que é unha cámara de fotos, non de vídeo.

post

Porno no outono

Sospeito que a principal razón pola que mercou o ordenador foi a de poder ver todo o porno que habita en internet. De feito, cada vez que me trouxo o portátil para que llo revisase atopei infinidade de ligazóns e descargas de contido pornográfico. Eu miraba para el, un señor de setenta anos con pinta de ter aínda algúns máis, e sentía o impulso de adoptar o rol de xuíz moral para tirarlle da lingua e bromear con el.

[Nota/ Daquela non me daba conta, pero agora sei que ese papel que eu asumía bebía na fonte dalgúns dos prexuízos cos que fun construído; por enriba de todos, este: o tabú da sexualidade dos vellos, a repulsión que se nos “ensinou” a sentir polo seu desexo].

O certo é que el case nunca entrou ao trapo dos meus comentarios, que despachaba cun lixeiro sorriso mentras continuaba mirando a pantalla. Seguiamos traballando ata que empezaba a recoller as súas cousas e se despedía dicindo que chegaba tarde á súa misa diaria. Ás veces eu aproveitaba para apretalo un pouco e preguntáballe se o seu confesor estaba ao tanto das súas aventuras informáticas, pero o home zafábase do meu acoso cun sorriso beatífico e daba moi ceremoniosamente as boas tardes antes de saír para a igrexa.

Un día intentei poñelo nun apuro e pregunteille directamente se o porno de internet é pecado. Mirounos desde a porta, esbozou o seu sorriso de vaicheboa e puxo sobre a mesa un argumento definitivo: “Se está aí, á vista de todos, non pode ser pecado. Se fose pecado, digo eu que non o permitirían”.

post

Bótalle unha muiñeira

Despois do éxito do lipdub Galegando, Suso foi convidado a participar nun novo proxecto. Sumámonos e fixemos este vídeo.

En Vimeo

En YouTube, desta vez tamén en calidade HD (pincha onde di 360p e elixe un valor máis alto)

post

Silleda: entroidos do século XX / 5 (e último)

Con este capítulo quinto remata a serie.

En Vimeo:

En YouTube:

post

Silleda: entroidos do século XX / 4

Xa chegamos á cuarta entrega. Unha máis e liquidaremos a serie.

En Vimeo:

En YouTube, aquí.

PS/ Xa ves que cambiei a imaxe da cabeceira. Non é que deixase de gustarme a que tiña, pero foron varias as persoas que me dixeron que había que ir cambiando aqueles ollos tristes por algo máis colorido.

post

Silleda: entroidos do século XX / 3

Hoxe ofrézoche o terceiro capítulo da serie Silleda: entroidos do século XX.

Mentras editaba este clip caín na conta de que no anterior hai un elemento que permite datar con certa precisión as imaxes coas que estou a traballar. Se volves a el comprobarás que, ao pouco de empezar, o entrevistador se interesa por un personaxe ao que lle chama Sabrina. Unhas nenas que andan por alí corríxeno a viva voz: “Non é Sabrina, é Cicciolina!”. Pois ben, esta feliz confusión pode axudarnos a situar ese entroido no tempo cunha certa precisión, xa que a fama da explosiva e fugaz Sabrina Salerno naceu e morreu a finais dos anos oitenta.

En Vimeo:

Tamén en YouTube, aquí.

post

Making Off

Hai uns días publiquei o lipdub do alumnado do IES Pintor Colmeiro (Silleda). Por alí andaba tamén Iván, que se dedicou a recoller imaxes do evento. Con elas fíxose este vídeo.

post

Lipdub

Non sabía o que é un lipdub ata que os de eticolmeiro me ficharon para facer de cámara no que eles montaron.

En Vimeo:

En YouTube: