post

A rega

-Estoume dando conta de que había ben tempo que non quedabamos para tomar nada.

-A última foi no inverno. Daquela aínda non formabas parte do meu club, cando menos de xeito oficial…

-…?

-Si, do selectísimo club de eivados L5-S1. De pata negra.

-Todo un privilexio! Menos mal que xa vai alá o peor e que volvo levar unha vida bastante apañada. Paseino moi mal toda esta tempada.

-Ben sabes que din que destas crises sempre sae algo bo. Da última miña saiume a vena do desenvolvemento persoal…

-Xa te estás facendo o interesante, non?

-Que vai en serio, eh! Empecei a indagar en campos novos para min: as emocións, as feridas e as dificultades para darlle curso aos desexos máis fondos… Un mundo enteiro por descubrir.

-Falas como se acabaras de tragar dunha sentada un manual de autoaxuda, un tocho deses que levan portadas fosforescentes.  Non che nego que me alegro de que me contes estas novidades. Tampouco che nego que alucino co que escoito.

-Non creas que é unha liña moi dereita a que levo. En ocasións desanímome porque non vexo avances e porque entro en contacto con cousas que me resultan difíciles de dixerir.

-Claro, home, non esperarías unha dieta milagre a estas alturas da película, non?

-Recoñezo que non rexeitaría un milagre, pero teño claro que é máis realista contemplar outras vías. Hai uns días oín dicir que ninguén lle di á súa horta: “Se me dás unhas boas leitugas, é posible que te regue”. Está claro que as cousas non funcionan así.

-Moi boa a cita, pero tamén creo que hai ocasións nas que regamos tanto e tanto que nos pasamos e non conseguimos nada.

Comments

  1. Eu non formo parte do club dos L5, pero hai algún tempo si estiven afectada polas L… e sei un pouco de que vai o tema, do mal que se pasa.
    Paciencia, paciencia e paciencia. Os resultados poden tardar en chegar, mais sempre se consigue algo. Perseverancia e moita paciencia!!!
    Bicos.

  2. Hai dias nos que comparto mantel cunha sobriña que se chama igual pero se apelida Hiato, seica non é tan agresiva, pero penosa é un bo anaco.
    O final somos coma a hortiña que precisa: auga,sacar malas herbas, un pouquiño de frus-fris ..
    e cando pensas que está todo ben armado chega o vento desta noite pasada e ala pimentiños e tomates polo chan….
    Tranqui…toca levantalos, amputarlle algunha poliña(chea de fermosos soños), atarlle unha cintiña máis arriba… en fin paciecia si, pero sobre todo cariño…e TI deso tes un MANANTIAL,
    (que o sei eu):).

Deixar unha resposta