post

zapatillas negras

Onte foi 25 de outubro. Onte volvín calzar as zapatillas negras.

O 25 de outubro do 2008 tamén puxen esas mesmas zapatillas para xogar un partidiño entre amigos. Levaba un tempo cunha molestia na perna esquerda que eu quería que fose algo pasaxeiro, unha cousiña de nada. Ese día, ese 25 de outubro, souben que o asunto ía en serio. Como case non podía correr nin facer movementos bruscos, optei por retirarme aos vestiarios. Sentei un anaco e entón caín na conta de que xa non daba quitado as zapatillas. Horror.

Despois viñeron meses difíciles, de myolastán e antiinflamatorios, de esperanzas frustradas, de máis dor, de non dormir apenas. Meses nos que puxen a proba a paciencia das persoas que me acompañaban na miña tristeza [non o esquezo, crédeme]. Meses nos que non podía facer vida social a menos que me atiborrase de calmantes. Horas, días e meses que pasei sentíndome un cacharriño inútil que só vale para tirar ao camión da chatarra dos meus veciños, os amos da ferralla.

O conto foi mudando ben entrada a primavera. As dores foron convertíndose en molestias, as sabias mans de Bea axudáronme a recuperar o equilibrio, asistín con miña nai á romaría de San Sebastián [man de santo, obviamente], fun perdendo de vista os fármacos, aprendín de novo a andar con xeito…

E onte volveu ser 25 de outubro. Non fixen ningunha celebración pública nin lle dixen a ninguén por que levaba esas zapatillas negras [só llo comentei a Suso mentres tomabamos unhas cañas], pero onte festexei a alegría de ter deixado atrás aqueles malos momentos.

Custoume moito asumir que estas vivencias de dor e de postración tamén forman parte do meu proceso. Non é que me alegre de ter pasado por elas, pero sei que me achegan novos matices, novos perfís. Que me enriquecen? Pois si, pode dicirse así [coa mínima grandilocuencia posible, por favor]. Pode dicirse -por que non- coas palabras coas que nos agasalla Yehuda Amijai, un dos grandes, no seu Poema infinito:

Dentro dun museo moderno,
unha sinagoga antiga.
Dentro da sinagoga,
eu.
Dentro de min,
o meu corazón.
Dentro do meu corazón,
un museo.
Dentro do museo,
unha sinagoga,
dentro dela,
eu,
dentro de min,
o meu corazón,
dentro do meu corazón
un museo.

Nota/ A foto está feita nunha rúa dos Tilos (Teo)

Comments

  1. Avatar de Edelmiro Silveira edelmirosilveira says:

    Observou o Edelmiro que, se o Falabarato fose de madeira, non só non tería eses problemas, senón que mesmo podería resultar tan útil coma este “alfiletero” ao que fai referencia un anónimo poeta do XVIII:

    OCTAVA A UNA SEÑORITA QUE ABORRECÍA A LOS HOMBRES Y SE DELEITABA CON UN ALFILETERO CHAROLADO

    Quien goza de tu ardiente delantera
    es un alfiletero. ¡Qué diablura!
    Por tiesa te deleita la madera
    y por escurridiza la pintura;
    poca es la leña para tanta hoguera:
    si a un palo le regalas tal dulzura
    y con él hoy tu sexo así se huelga,
    ¿qué haré yo con la carne que me cuelga?

  2. Avatar de xdafonte xdafonte says:

    Atinadas son as razóns de don Edelmiro, sen dúbida. De madeira quixera ter sido o Falabarato algunha que outra vez… ou mesmo de sílex, se o apuran.

  3. “…E hai días en que vexo só mozos fermosos
    e días en que só vexo eivados e cegos…” di tamén Yehuda.
    Cantas veces nos deitamos cos pés desfeitos para erguernos como se dun mal soño se tratara…
    Aí temos a aguia, que na metade da súa vida ten que decidir entre morrer ou someterse a unha renovación dolorosa do seu vello pico, unllas e plumas para vivir uns anos máis.
    E xa que falamos dun poeta de Xerusalén, por que non lembrar ao vello Isaías, que xa hai máis de 27 séculos deixounos un fermoso verso?
    “Pero os que esperan en Iavé terán novas forzas; levantarán ás como as aguias; correrán e non se cansarán; caminarán e non se fatigarán”.
    Noraboa pola renovación.

  4. Despois de todo, o que conta é o presente. Por raro que pareza, recordar tamén axuda a esquecer o que non nos interesa ou non nos aporta ningún ben, seica ocorre así (aínda lembro algúns daqueles días nos que, a pesar do teu silencio, no teu semblante reflexábase o malestar que padecías).
    Quédome co poema de Amijai, fermoso!!! E paréceme moi atinado tamén o verso que nos achega Mer, como para telo de cabeceira e seguilo cada día.
    Xosé, sigue calzando as túas zapatillas negras, camiñando e enriquecéndote. Algo positivo nos contaxiarás aos que andamos por cerca;))
    Noraboa!
    Unha aperta.

  5. Non coñecía ese poeta, e os versos que inclues no post, impresionáronme moito. E o post mesmo.

    [eu non estou segura de que os sofrimentos me aportasen aprendizaxes mellores que os que podería ter recibido se en vez de tempos escuros, fosen luminosos e vívidos.
    …aguzar a sensibilidade,
    volver algunhas aristas romas,
    iso pode.
    dende logo non sería a persoa que son, sería outra eu ]

    …mmmmm… o meu comentario non é moi positivo, verdade?
    mais estou leda de verte celebrando

  6. Ben moi ben, e deberías saber que para celebrar nunca é tarde !!

    Gústoume ver a famosa foto da “fregoneta” pero ese honor, hoxe, tíñanno : As zapatillas negras.

Deixar unha resposta