post

en cachóns sempre houbo néboa

Podería comezar dicindo que o río é unha pantasma que se agacha na néboa, que é unha cousa que soa así como poética, pero non estou seguro de que as cousas funcionen dese xeito. O certo é que vou en coche e que, desde a carretera, sigo o perfil difuso dun río, as trazas do grande río que a néboa vai ocultando e desvelando ao mesmo tempo. O meu guía lamenta que a néboa non nos permita ver a paisaxe e eu dígolle que non importa. E claro que non me importa: sempre me fascinou a caprichosa coreografía dos días de néboa [eu, que tantos días deses tiven de pequeno naquel Cachóns bañado por dous ríos e un regueiro].

Chegamos á aldea onde todo comezou e aparcamos ao pé do cruceiro. Cruzamos algúns saúdos cos veciños e recollemos os patróns, que agardaban con disciplina a chegada do fillo. Son xente afable, acolledora, faladora. Lémbranme moito a meus pais polo seu modo de vida e pola maneira que teñen de xestionar a comunicación entre eles, sempre desde a distancia, sempre sen mostras de afecto, a pesar de que non é difícil percibir o cariño que sinten un polo outro.

Imos con eles facer os deberes e volvemos cargados de bolsas do supermercado. O fillo vai distribuíndo todas as mercancías mentres eu quedo co pai. Toma asento con dificultade, mira cara a ventá, xira amodiño cara min e dime que o fillo non é malo, non, que sempre está pendente de nós para todo, temos moita sorte con el.

Hai emoción na súa voz e nos seus ollos, pero leva case oitenta anos conténdoa.


Comments

  1. A min paréceme que estouparía se teño que conter dese xeito as miñas emocións.
    Tendemos (tendo) a pensar que aqueles que non dan mostras de emocións é porque non as sinten. [Ben sei que debaixo dun mar coa superficie en calma hai correntes e remuíños]
    Ben, pois esta historia que contaches con esa emoción contida, move.

    Comenzar dicindo que o río é unha pantasma que se agacha na néboa foi unha boa idea, [ainda que soe poético]:)
    máis non comprendo cales son as cousas das que non estás seguro de que funcionen dese xeito

  2. Avatar de Descoñecido áptera says:

    Non sei se o que sucede é que o río se agacha ou que a néboa o cubre…
    Gústanme as túas miradas.

  3. Tiven a sorte de vivir cuns pais que se quixeron moito e que co paso dos anos era como se se necesitasen máis ca nunca.
    Meu pai case sempre estaba enfermo e miña nai nunca se cansaba de darlle bicos, de pasarlle a man pola cabeza e el, que non podía vivir sen ela, deixábase querer. E dáballe igual que houbese xente diante ou non, eles queríanse e punto.

  4. No primeiro parágrafo concordo co teu guía, pois non me alegra ver a néboa, sobre todo, se vou conducindo. Prefiro observar, desde o alto, cando a néboa comenza a levantar e sae o sol e a paisaxe torna espectacular!
    As últimas liñas, chegáronme á alma; oitenta anos contendo a emoción, oitenta anos…nada menos! Que familiar me resulta esta historia. Casualidades? Habelas hainas…
    Apertas emotivas.

  5. … e detras da néboa está sempre o sol, que nos dá a vida e nos quenta.
    A emoción dos ollos … para min, non hai outra máis verdadeira.
    Bicoossss.

Deixar unha resposta