Sábado pola mañá. Un señor traxeado e encorbatado le con desgana o seu discurso. Ninguén lle fai moito caso, a verdade, e el sábeo: leva ben o seu papel de teloneiro do Secretario da Real Academia Galega. O seu monótono fungar vai transitando polos lugares comúns do recoñecemento dos méritos alleos, dos agradecementos sen fin e, como non, da falsa modestia. Pasan lentos os minutos ata que, xusto ás doce e vinte, o insulso orador levanta por un instante a vista dos folios para citar a Michel Foucault. A cita é un puro pegote, un artificio totalmente fóra de lugar, pero logra captar a miña atención e mantela viva coa esperanza malévola de atopar algunha outra perla.
Pola tarde, e logo dun máis ca agradable xantar, o corpo pide recollemento. Róndanme pola cabesiña os episodios de dor que ultimamente lles afectan a algunhas persoas que amo: as decepcións, a mágoa polo tempo dilapidado, as batallas que xa se dan por perdidas, a amargura, a enfermidade…
[Escríbeme para contarme que acaba de vir outra vez do hospital, que cociñou algo para a familia, que precisa descansar, que está triste. De boa gana lle faría compañía, pero a distancia é a distancia e nós non podemos flotar coma as figuras dos cadros de Chagall -ou talvez si?]
O labirinto da memoria cuspe unha cita. Tamén unha cita, outra vez unha cita, pero esta non é de Foucault:
É a orde das cousas: todos probamos o mel; despois vén o coitelo.
Miro no gúguel para asegurarme de quen era: pois si, de Bukowski.





Pese a todo, vale a pena probar o mel…
Grazas.
Bicos.
Parece que eso é a vida, parece que de todo un pouco se trata, ainda que non me cabe duda que en moitos momentos quizáis a podiamos facer máis agradable; a vida e os que vivimos (as veces) paréceme que non temos nada en común, que non estamos feitos un para o outro, pero nada se para ante as dificultades”
Gocemos do mel, entón. Quen poidera flotar coma as figuriñas de Chagall!!!
Non sempre despois do mel ven o coitelo. A maioría das veces despois do mel vén un tarro baldeiro.