Cheguei a aquel piso cunha mochila ao lombo para botar un mes nel. Calculei mal: vivín alí por enriba de seis anos, tempo máis que suficiente, por certo, para acumular un impresionante volume de cacharrada. O piso era un pouco triste e non tiña moi boas vistas. Non podía ser doutro xeito, porque estaba nunha das rúas máis feas de Compostela, e pola parte de atrás, que era onde eu durmía, daba a un patio de luces caótico e horrendo. E alí estaba eu, cómodo a pesar de todo, porque polos arredores daquela contorna tan depauperada deambulaban algunhas persoas que eu quero e que me queren. Algunha delas inda deixa neste recunchiño o rastro do seu paso.
Ademais, estaba o da ventá. En todas as casas hai ventás, pero é que eu daquela botaba moitas horas nela. Desde alí miraba o persoal que frecuentaba o bar de enfrente, unha especie de furancho que se anunciaba como hamburguesería, e desde alí seguía tamén o traballo dos da empresa de madeira, que estaban sempre apilando os taboleiros na rúa e atravesando os camións. Seducíame moito aquela mestura de estudantes, hippies, post-hippies, alternativos, currelas e xubilados que facían vida polos aledaños da Avenida de Lugo.
E tamén me seducía ela, e iso que aquela muller esnaquizada era unha absoluta descoñecida para min. Nin sequera sabería aproximarme á súa idade, que seguramente sería moita menos da que aparentaba. Polas tardes víaa pasar cara ao centro co seu andariño miúdo e un pouco torpe. Falaba soa as máis das veces. Nunca a vin acompañada e nunca a vin parando a conversar con ninguén. O misterio que envolvía a aquela muller deume que cavilar durante anos. Nunca falamos, pero non me facía falta cruzar palabra con ela para que me chegara a súa dor, marcada a ferro en cada enruga daquela cara denegrida. De onde viñan aqueles estigmas? Cal era a historia?
Uns anos despois, cando eu xa non vivía alí, atopeina apostada nunha esquina do Pombal, o antigo barrio de putas compostelán, convertido hoxe, supoño que en aras da modernidade, nun proxecto de zona cero da especulación inmobiliaria. Eu pasaba desde Galeras con abrigo e bufanda e vina negociando cun señor da miña parroquia, un coñecido de toda a vida que vivía só. Non sei ben como transmitir a sensación de tristeza, de frío, de humidade, de tenrura case imposible. De soedade compartida. Da soedade máis radical.





Magnífico relato! Explícas moi ben as apariencias físicas, o entorno, os teus pensamentos…
E unha historia que engancha desde o primeiro segundo, e un quere seguir hasta o fondo para saber o final, sobre todo cando falas do que ves a través da ventana, e como unha especie de cámara de fotos que …vai retratando todo o que ves e as sensacións que che produce. Describes tan ben a situación, que da a sensación para a persona que o lee, que o está vivindo!
Casi se pode percibir a túa tristeza cando víches aquela muller no Pombal e a súa amargura, tristeza, soledad… E triste que ninguén se dirixira a ela si non era para solicitar os seus servicios. Quen sabe cantos sentimentos podería ofrecer aquela muller sufridora,e que nunca se atreverá a desvelar,porque posiblemente nunca conocera outra forma de vida!
De vez en cando e bo volver a vista ó pasado para ver o avance e das voltas que da a vida.
Noraboa unha vez máis Xosé,e sigue deleitandonos con estes relatos do pasado.
Un saludo,Mari.
As fiestras ofrécense como marcos pra as diferentes paisaxes de cada día, de cada intre.
Segundo queira o seu autor que debuxa con parolass presentaranos un distinto, desomellante.
Os actuais marcos das fiestras xa non adoitan ser aqueles, tan bonitos, de madeira, mais é parte da súa evolución e lixeireza. O importante é asomarse a ela e contemprar cada personaxe, en aparenza felices?, fixendo as súas cotiás faenas.
Dende unha fiestra, aberta, ademais chégannos os aires das rúas e as formas en que camiñan os seus persoaxes.
Boísmo o retrato ao longo do día, de cada día, de cada vida
Saúde e Ceibedade
Deica d:D´
…un texto moi tenro,coma ti!
Non sabía que viviras en Santiago. Coñezo esas rúas na zona da Avenida de Lugo e son tremendas!!!