post

lentura

Pedro colle unha variña e escaravella con ela no chan. A terra sae voando coma se fose cinsa.
Pónselle cara de circunstancias.

-Se non vén pronto unha reguiña, seca todo. Mira como agulletou o millo da veiga. Parece que está todo ardido. É unha pena.

-Pois a ver se chove un día enteiro, logo…

-Tal como está a terra, dígoche eu que un día non abonda. Mira para aquí [escaravella outra vez]: non ten lentura ningunha.

[Lentura (*). Outra desas palabras que xa case non escoito. Palabras que xa non se escoitan.]

O domingo pola noite, por fin, a chuvia. O luns pola mañá recibo un correo dunha persoa que manifesta a súa tristeza por culpa do mal tempo. En Cachóns, en cambio, a auga é recibida con alivio.

Pola tarde chove miudiño, como miudiño chove. Collo o paraugas e saio coa cámara. As pingas de auga nas follas, as maceiras vencidas polo peso do froito, os olores da terra húmida, as uvas maduras antes do seu tempo… Comprobo que a auga xa foi entrando na terra. Direille a meu pai que xa empeza a haber lentura.

 

Se pasas por aquí de cando en vez, xa sabes que teño costume de subir os vídeos a Vimeo e a YouTube. Creo que Vimeo dá un chisquiño máis de calidade, pero pode que sexa cuestión de prexuízos pola miña parte. Lembra que podes acelerar a descarga en Vimeo se desactivas a opción HD que hai no reprodutor. Para ver o traballo en YouTube, preme aquí.

(*) Lentura: Humidade que contén a roupa, os froitos ou a terra.

post

ghoma

Doña Marisa e as súas nenas diante da escola feminina de Oza. Os nenos estabamos no edificio de enfrente, con don Salustiano ao mando. Franco inda vivía, por se a alguén lle vale iso de referencia, pero no porte daquel ancián cinéfilo xa non quedaban apenas trazas da imaxe marcial que presidía as nosas aulas. Xa o dixo Jean Cocteau: se un puidese pasar a súa vida permanentemente diante do espello, vería que a morte se aplica día a día ao seu traballo coa constancia das abellas.

Pouco despois do tempo no que foi tomada esta foto houbo un cambio no reparto do alumnado: acabouse a división por sexos e impúxose a clasificación por idades. A min, como era dos pequenos, tocoume ir coa profesora. A escola da fotografía foi a miña durante uns tres anos.

Pouco lembro da mestra. Sei que era noviña e que tiña moita paciencia. Non era doado o seu traballo, desde logo. Lembro tamén que poñía certo empeño en corrixir a nosa gheada: No digáis ghoma; se dice goma.

[Esta foto forma parte dunha recompilación de material gráfico que se está facendo en Oza. Estes días anda meu irmán recollendo sobres con vellas fotografías. Manéxaas coma se fosen tesouros, pois tesouriños son]

post

juana piñeiro, 1847

Juana Piñeiro acaba de librar dunha boa! Vén de estar á morte, pero agora descansa tranquilamente no seu cuarto de arquitecturas imposibles. O pintor ofrécenos a imaxe serea da convalecente, paniño á cabeza e fazulas coloradotas, e a da súa valedora, a virxe Santa Eufemia. Virxe e mártir, para ser exactos.

Este cadro colga das paredes do santuario de Santa Eufemia, en Rivas (Oza). Leva alí toda a vida, apunta miña nai, nacida e criada tamén en Rivas, o mesmo lugar ao que pertenceu a nosa Juana Piñeiro.

[Hai un grupo de veciños e veciñas de Oza que se xuntaron para botar unha man no acondicionamento da capela e dos seus arredores. Entre eles está meu irmán, que trouxo para a casa este cadro coa intención de buscar un remedio que free o deterioro causado pola couza. En poucos días volverá Juana á capela de Santa Eufemia]

post

na copa do castro

Chegamos á parroquia do Castro cando comezaba a devalar a tarde.

Baixamos primeiro ata a estación de tren que tanto lles impresionou a Dores, a Zeltia e a Juanjo cando viron a homenaxe que lle rendiu Iván.

[e eu ben sei da enorme capacidade que ten Iván para despertar e transmitir emocións …]

Despois fomos á Copa do Castro, que está a un pasiño da vella estación. Subimos amodiño, gozando do paseo, da temperatura, da luz que ía amortecendo, do encontro. Carguei ao lombo a miña vella Canon, que case non uso por culpa das súas dimensións e do engorro das cintas miniDV, e propúxenlle a Dores que buscase un asento cómodo e que nos lese algo. Coloquei a cámara enriba dun trípode que mercara na Coruña nunha fermosa tarde de hai xa uns anos. Calquei no REC. E Dores leu.

Tamén en Vimeo [aquí]

post

cordeliños de cores

e eu tamén estiven naquel mundo
no que [aínda]
a sachadora, a malladora, a folla de bacallau…
aínda rarear o millo, tornar a auga, o molime,
as cereixas con pan, os primeiros venres,
e aínda decruar, arrendar, alzar a nabiña, raer…

[e as palabras de suso dos campos:
miña nai xa dixo que nas súas leiras
non entrará a segadora mentres viva,
que esa máquina arruina a herba]

Os cordeliños de cores viñeron despois. Os cordeliños de cores usábanse para atar as pacas/alpacas de herba seca, pero a xente pronto descubriu mil xeitos de reciclalos. Meu pai colleulle gusto a trenzalos nas noites de inverno, e daqueles cordeliños ían nacendo cordas e adivais.

Hai unha semana estiven en Zobra, unha parroquia de Lalín encaixada entre montañas, e quedei enganchado, entre outras moitas cousas, aos cordeliños de cores.

[vimeo 26992047]

Tamén en YouTube [aquí]