post

o voso galo, comadre

Á xente do Deza gústalle a música. E a cal non?, dirás ti. E levas razón. O que quero dicir é que por esas terras a xente vive a música cunha paixón que non teño visto noutros sitios. Non é arriscado supoñer que esa devoción pola música, que ademais ten un carácter extraordinariamente interxeracional, é a principal responsable da apabullante nómina de bandas de música,  de agrupacións folclóricas e de corais que hai por toda a zona.

O sábado 28 de xaneiro debutou o Coro Vales Mahía. O evento tivo lugar no auditorio Manuel Dopazo, na Bandeira. Entre o numeroso público estaba Antonio, que compatibilizou con oficio as funcións de rendido espectador e de cámara. Grazas ao traballo de Antonio podo achegarche hoxe o documento en vídeo da velada.

Son sesenta minutiños de nada… [Si, pero ninguén é quen de botar contas do traballo e do sacrificio que hai detrás desa hora de actuación]

 

 

Para velo en YouTube, fai clic aquí.

Tamén en Dailymotion, para que non falte de nada. aquí

[E falando do YouTube, alucino co correo que me remiten unha vez rematado de subir este vídeo. Transcribo: Es posible que el contenido o la licencia de tu vídeo Coro Vales Mahía en concerto pertenezcan a GoDigital MG For a Third Party.]

post

the economist

Chegamos a Lalín ás once en punto, a hora pactada dez días antes. Pulsamos o timbre e recibimos a noticia de que o noso personaxe acaba de romper unha perna. Xa non sacamos as cámaras do coche, loxicamente, e quedamos de volver outro día para facer de reporteiros. O primeiro, xa se sabe, é a saúde.

Cafeteamos e lemos a prensa moi de vagar. Nun recanto dun xornal atopo a fórmula perfecta para resolver a crise. Non podo resistirme a compartila.

Imaxinemos que chega un turista a un hotel. Diríxese ao recepcionista e pregúntalle se queda algunha habitación libre. O recepcionista respóndelle que só hai unha dispoñible e que custa cen euros. O turista entrégalle un billete de cen euros e sube á habitación.

O recepcionista colle os cen euros e sae botando fume cara á tenda do carniceiro. Entra e entrégalle o billete, ao tempo que lle di: “Aí che deixo os cen euros que se che debían”. O carniceiro colle os cartos e vai pitando cabo do que lle vende a el as reses. “Toma os cen euros que che estaba a deber”, acláralle. O gandeiro agarra os cen euros e lévallos ao seu proveedor de pienso para saldar tamén unha débeda de cen euros. Á súa vez, o comerciante dos piensos tiña tamén un pufo de cen euros no hotel, así que aproveita que acaba de cobralos para presentarse alí co billete e pechar a súa débeda.

Todo isto acontece en pouco tempo, o xusto e necesario para que o turista examine a habitación e faga un par de chamadas para ver outras opcións. Rematadas estas tarefas, baixa a recepción e diríxese de novo ao empregado: “Non me acaba de gustar a habitación e vou buscar aloxamento noutro hotel. Faga o favor de devolverme os cen euros”. O recepcionista bótalle a man ao billete de cen euros, o mesmo billete que o turista lle entregara ao chegar, e devólvello xunto co saúdo de rigor.

Conclusión: todos pagaron as súas débedas e ninguén gastou nada.

post

vídeo [caótico] para un ano novo

Un paseíño [caótico] pola Ría de Noia para empezar o 2012.

[vimeo 34532580]

 

Para velo en YouTube, vai aquí

post

a última partida

Fixen a viaxe de volta co piloto automático posto. Seino porque non me acordo de nada máis que de ter cavilado sobre as misteriosas razóns ortográficas que fan que Urdangarin se pronuncie con til e se escriba sen ela, polo menos ultimamente.

Chego de noite, abro a cancela e peto na ventá da cociña.

-Quen é?

[Nunca contesto. Agardo a que abran as contras da porta para saber quen anda pola eira. Gústame a cara de sorpresa que se lle pon a miña nai cando non espera a miña visita]

-E ti, home, de onde vés?

-De traballar.

-Hoxe? A estas horas?

[E faime xestos de que estou tolo. E ofréceme pan, chourizos, ovos, un caldiño]

-O caldo non che é de hoxe, pero está moi xeitoso. Senta e póñoche un pouco.

[E por arte de maxia van aparecendo o prato de caldo, a táboa para picar un chourizo, o viño, o pan]

-Mágoa que xa non cozas, mamá…

Súmome á partida, eu que tan pouco amigo son de xogar ás cartas. Só xogan ao chinchón e van apuntando os resultados  nunhas libretas vellas que lles levo de cando en vez. Fóra haberá frío [É o seu tempo…], pero aquí dentro case suamos por obra e graza da cociña de ferro. Quedará para a estatística -e para a historia- que a última partida do 2011 a gañou meu pai.

Marcho coa emoción a punto de neve. Alguén se entretivo debuxando no ceo un camiño de estrelas.

post

algo que celebrar

Celebra Zeltia no seu blogue que xa resolveu a súa cita co quirófano. Funa ver onte á súa Coruña e atopeina moi ben.

Aquí vola traio.

 

Tamén no YouTube [aquí]

post

ponte maceira [de noite]

Teño estado en Ponte Maceira moitas veces. Teño ido ata alí en coche, na bicicleta e andando [aclaro que andando só fun unha vez]. Saquei moitas fotos alí e lévanme feito tamén unhas poucas, pero o que  nunca fixera ata a noite deste martes fora gravar Ponte Maceira de noite.

 

 

Podes velo tamén en Vimeo [aquí]

post

outra vez o tempo

Pilar Pallarés foi unha das mellores profesoras que tiven nunca. Non volvín falar con ela desde os tempos do BUP, pero sempre estiven atento ás novas que foron chegando da súa actividade literaria.

Estes días atopei un vídeo da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) no que Pilar recitaba o poema No resplandor das horas. A gravación está datada no 2009, case vinte anos despois de ter lido ese mesmo poema para a Fonoteca de El Correo Gallego. Escoitei as dúas gravacións, unha detrás da outra, e fun testemuña [unha vez máis] de como o paso do tempo vai deixando a súa impronta sutil e implacable.

Escoitar No resplandor das horas (1991)

Escoitar No resplandor das horas (2009)

post

os trinta de iván

Esta semana fixo trinta anos o noso Iván!

 

 

Nota/ Este traballo foi gravado integramente cun teléfono móbil. Nunca antes usara un móbil para ningún dos meus vídeos e non cría que me fose dar as prestacións mínimas. Pois si que as dá.

post

unha nova glándula

Detrás miña, a lámpada vermella. O son do río á man dereita, do outro lado da ventá. Os meus ollos navegan polo teito. Péchoos.

-Concéntrate na respiración.

Confeso que nunca souben moi ben como seguir estas instrucións…

-Agora expulsa o aire amodiño. Así, moi ben.

Non precisa mirar, abóndanlle as mans para saber.

-Hai tensión nas dorsais, pero véxote máis lixeiro, máis aberto ás emocións…

E creo que leva razón.

Unha das técnicas que me aplica consiste nunha especie de arrolo. Ata hoxe nunca lle dixera que ese movemento me lembra o que fai meu pai cada ano cando prepara os pipos para o viño novo. Automaticamente vou proxectando a imaxe de meu pai e asisto á cerimonia da colocación dos pipos nunha esqueira tumbada no chan. Despois bótalles dentro auga e unhas pedriñas miúdas e ponse a arrolalos con paciencia. Así cada ano. Tamén este.

PS/ Hoxe entereime de que teño unha glándula que se chama timo.

post

vinte anos

Xa comentei no artigo anterior que estes días me ocupei de dixitalizar unhas cintas de vídeo nas que se rexistran antigas festas do entroido da miña parroquia.

Ao revisar todo ese material fun atopando bastante xente que quedou no camiño. Moitas desas persoas xa tiñan os seus aniños enriba, mais non era ese o caso de Daniel da Hermida nin o de Moncho -meu primo e compadre-; tampouco o de outros que tamén nos deixaron moi novos.

Fixen un corta e pega coas imaxes de algunhas desas persoas que xa non están. Para a lembranza.

post

oza’91

Teño un bo lío de cables e aparellos ciscados encima da mesa. Citarei só os que lle afectan ao traballo que hoxe presento, que veñen sendo unha cámara Sony Video8 -moi aparatosa ela, como corresponde ás da súa quinta-, unha tarxeta capturadora de vídeo por USB e o portátil co que traballo habitualmente.

A cámara deixouma Suso de Fandiño, un auténtico pioneiro da videogravación a quen lle debemos unha parte significativa da memoria gráfica da nosa parroquia. A capturadora pasouma o outro Suso, o de Eticolmeiro, e así aforrei o traballo extra de dixitalizar desde o Video8 á miña cámara HDV para volcar despois ao ordenador, que é como viña facendo antes.

Coa cámara viñan algunhas cintas con rexistros de vellos entroidos. Escollín unha ao chou e fun dar co do ano 1991. Cantas cousas pasaron en vinte anos!

post

muíños, río, uxío

Xa hai tempo que circula polo cauce do Tella, que é un dos dous ríos que bañan o meu Cachóns, unha substancia sospeitosa que enloda a auga e mantén a raia a vida. E non é preciso ver para crer: basta con cheirar para saber.

Uxío coñece ben o río Tella e entende de muíños, como poderás comprobar se ves o vídeo que poño hoxe. O que non entende Uxío é a pasividade coa que os estamentos e os membros da nosa sociedade aceptan, cada quen ao seu nivel, o desastre da contaminación sen mover un dedo para porlle remedio.

 

[vimeo 31651184/]

 

Para ver en YouTube [aquí]