post

tango

Cheguei a aquel piso cunha mochila ao lombo para botar un mes nel. Calculei mal: vivín alí por enriba de seis anos, tempo máis que suficiente, por certo, para acumular un impresionante volume de cacharrada. O piso era un pouco triste e non tiña moi boas vistas. Non podía ser doutro xeito, porque estaba nunha das rúas máis feas de Compostela, e pola parte de atrás, que era onde eu durmía, daba a un patio de luces caótico e horrendo. E alí estaba eu, cómodo a pesar de todo, porque polos arredores daquela contorna tan depauperada deambulaban algunhas persoas que eu quero e que me queren. Algunha delas inda deixa neste recunchiño o rastro do seu paso.

Ademais, estaba o da ventá. En todas as casas hai ventás, pero é que eu daquela botaba moitas horas nela. Desde alí miraba o persoal que frecuentaba o bar de enfrente, unha especie de furancho que se anunciaba como hamburguesería, e desde alí seguía tamén o traballo dos da empresa de madeira, que estaban sempre apilando os taboleiros na rúa e atravesando os camións. Seducíame moito aquela mestura de estudantes, hippies, post-hippies, alternativos, currelas e xubilados que facían vida polos aledaños da Avenida de Lugo.

E tamén me seducía ela, e iso que aquela muller esnaquizada era unha absoluta descoñecida para min. Nin sequera sabería aproximarme á súa idade, que seguramente sería moita menos da que aparentaba. Polas tardes víaa pasar cara ao centro co seu andariño miúdo e un pouco torpe. Falaba soa as máis das veces. Nunca a vin acompañada e nunca a vin parando a conversar con ninguén. O misterio que envolvía a aquela muller deume que cavilar durante anos. Nunca falamos, pero non me facía falta cruzar palabra con ela para que me chegara a súa dor, marcada a ferro en cada enruga daquela cara denegrida. De onde viñan aqueles estigmas? Cal era a historia?

Uns anos despois, cando eu xa non vivía alí, atopeina apostada nunha esquina do Pombal, o antigo barrio de putas compostelán, convertido hoxe, supoño que en aras da modernidade, nun proxecto de zona cero da especulación inmobiliaria. Eu pasaba desde Galeras con abrigo e bufanda e vina negociando cun señor da miña parroquia, un coñecido de toda a vida que vivía só. Non sei ben como transmitir a sensación de tristeza, de frío, de humidade, de tenrura case imposible. De soedade compartida. Da soedade máis radical.

post

bosta

Ese mércores volviamos de Pontevea de facer a compra. Ao chegar a Gondelle, xa a un pasiño de Cachóns, deille un toque moi lixeiro ao volante. Que raro atopar bosta agora!, estrañouse meu pai. Eu nin reparara niso, por suposto, pois tan só modificara a traxectoria para evitar a salpicadura. Un puro acto mecánico, en definitiva. Nese momento souben que aquela pouca bosta ciscada pola estrada lle traía a meu pai a emoción dun tempo de pastorear vacas, de estrar as cortes, de apañar a herba e o molime, de decruar e de arrendar, de estender bosta na eira para a malla das fabas -as fabas para nós sempre serán ervellas-, de mil e un traballos que xa ninguén fai.

 

Tamén en Vimeo [aquí]

post

a felicidade era iso

Sabía que Iván estaba ilusionado co partido de Riazor. Hai cousa dun ano tocoulle vivir alí o descenso e levouno con bastante amargura. É unha destas persoas para as que o fútbol o é todo, ou case, e por iso gozou coma nunca co regreso á primeira división. Nunca o vira bailar,  pero onte bailou ao compás da coidada banda sonora elixida para a ocasión pola xente do Dépor.

Este vídeo vai dedicado a el. Non podía ser doutro xeito.

post

gala videoghit 2012

Glamur en Silleda, titulou La Voz de Galicia a crónica da gran gala do Videoghit 2012 que tivo lugar hai uns días na Casa de Cultura de Silleda. Aquí deixo o vídeo da primeira parte do acto.

 

Para velo en Vimeo, vai aquí.

post

videoghit 2.0 // time-lapse \\ zeltia

A idea de facer un vídeo só con fotografías levaba moito tempo rondándome. Como pasa con tantas outras cousas, só faltaba que aparecese unha chispiña que me levase á acción.

Pois resulta que apareceu a chispa, e foi no curso dunha conversa con Zeltia. Comentoume que quería facer un time-lapse -un palabro totalmente novo para min nese momento- e faloume das dificultades técnicas ás que se enfrontaba. Unha delas, posiblemente a principal, era dispor dun sistema que permitise facer fotos a intervalos regulares sen ter que estar pulsando o disparador.

Uns días despois púxenme a bucear pola rede e atopei un software gratuito que permite ampliar radicalmente as capacidades que traen de serie as cámaras réflex dixitais. Chámase Magic Lantern e incorpora, entre outras moitas cousas, un intervalómetro moi doado de axustar.

Resolta a cuestión técnica de base, o que fai falta é un trípode e gana de pasar horas mirando como a cámara queima obturador para acumular uns centos de fotos que darán para uns poucos segundos de imaxe en movemento.

O vídeo está na conta dos meus amigos/as de EtiColmeiro, que teñen en marcha o concuso Videoghit 2.0. Quen queira participar está a tempo!

[vimeo 41602661 w=800&h=400]

 

post

bilbo

Cadrounos compartir o vagón do metro con dúas mozas que viñan moi alporizadas. A culpa, segundo parece, era do noivo dunha delas, que debía estar facéndose de rogar máis da conta. El que pierde es él, repetían a cada pouco.

[Esta é a última entrega da triloxía vasca]

[vimeo 40816955 w=800&h=400]
post

anboto

Rodeamos o Anboto pola súa cara máis amable. Camiñamos durante varias horas e baixamos ao val para xantar. Algunhas ovellas levantaban o fociño uns segundos cando nos vían, así coma quen non quere a cousa, pero deseguida volvían ao pasto.

Na barra do restaurante tomamos uns zuritos e lemos a prensa. Na portada do Deia saía o alcalde de Bilbao declarando que confiaba en que a Virxe de Begoña lle axude ao Athletic na final da Copa contra o Barça.

 

Tamén en Vimeo, sen anuncios e con ese puntiño extra de calidade…

[vimeo 40379156 w=600&h=450]
post

omako basoa

As ramplas que levan ao Omako basoa (O bosque de Oma) estaban cheas de pozas.

 

Tamén en Vimeo [aquí] para librarte dos dichosos anuncios do YouTube.

post

north west

 A. Auga. Aire. A Amnesia do vencido, a Atracción do Abismo, a Árbore xunta á Árbore, e a alegría do espazo circundante. A alma é o Atlántico e é o cantil o corpo da súa chamada Atroz. Lois Pereiro

Levo meses sen editar un vídeo, pero non deixei de tomar apuntamentos coa cámara, co móbil e co que tiña a man; e cando xuntei toda esa forza atlántica no disco duro xa non tiven dúbidas: north west.

 

Tamén en Vimeo [aquí]

post

austeridade

O docto e venerable profesor preguntoulle ao seu alumnado de bacharelato qué significa austeridade, unha das palabras máis coreadas neste tempo de crise, e recibiu respostas variopintas.
– seguir a negatividade ou a positividade que se dea nun período de tempo.
– non realizar cambios, ou non preocuparse polo estado de algo en concreto.
– dise da actividade que se centra só nunha produción determinada.
– fenómeno consistente en gastar menos do que se precisa.
– dise do que está fóra de algo, que non se involucra demasiado.
– conformarse co que hai, sen intentar melloralo.
– que só dá solucións teóricas, non prácticas.
– claridade, que parece razoable.
– non gastar nada, gardalo todo.
post

lévedo

Conservo na memoria anacos dun tempo no que aínda se cocía o pan na casa. De seguro que aquel pan moreno feito con fariñas de produción propia sería hoxe un artigo de culto, pero o obxecto do desexo daquel momento era o pan branco e inmaculado que se vendía nas panaderías.

[Falaba meu pai da agonía da avoa que non coñecín e contaba como el se botou a andar polas estradas para mercarlle un moletiño de pan branco á moribunda]

Beleza e enerxía, calor e mantenza. O olor do pan con aceite do almorzo dos domingos.

Na foto, a última masa que puxen a levedar.

post

no mesmo barco

Xa case ninguén fala na sala de espera. Daquelas animadas conversas doutro tempo apenas queda hoxe un tímido bos días, ese saúdo de rigor que precede ao acto de sentar e coller un exemplar do Tierras, o xornal de balde que se distribúe con notable xenerosidade no centro de saúde de Cacheiras, ou ao de botar man do móbil para evadirse coa tecnoloxía e os seus misterios.

Pero el sempre queda de pé, alerta, en tensión, por moito que a súa visita teña un carácter absolutamente rutinario. Eu coñezo a orixe do seu medo e sei canta enerxía consome tratando de ocultarse. Seino non só por el: seino porque ese impulso tamén habita en min. Tardei anos en darme conta de que viaxamos no mesmo barco.