post

a bolboreta das ás esmagadas

Levantei a vista. Diante nosa estaba unha muller que quería dicirnos algo.

-Estáis para una foto!

E marchou. Vin como se ía abrindo paso entre a xente co titubeo propio de quen xa leva unhas poucas cervexiñas no corpo e outra na man.

Pasaron uns minutos e regresou. Blusa branca elegante, o vaso de cervexa cheo ata os topes e un medio sorriso nos beizos. Pediunos autorización para sentar no noso sofá. Permiso concedido. O grupo de persoas co que ela viñera estaba a uns metros de nós. Mirábannos de esguello, os moi capullos.

-Si os molesto, me lo decís y me voy, ¿vale?

Contounos que xa estaba cansada de aturar a un dos seus acompañantes, concretamente a aquel home de bigotón preconstitucional que non paraba de falar. Parece ser que o fulano só sabía largar de si mesmo -que raro!-, e ese non era un tema de conversación que a apaixoase nese momento. Ao pouco tempo aproximouse unha das amigas do seu grupo e chamoulle cabroooonaaa [E digo eu que unha cousa é que che chamen cabrona, así polas bravas, e outra moi distinta que che digan cabroooonaaa, así como con picardía. Enténdese a diferenza, non?]

Saímos á rúa. Mirei a hora e sorprendeume que fose aínda tan cedo. Ela, a cabrooonaaa, veu camiñando con nós. A amiga e o resto do grupo ían un pouco por diante. Cando pasamos á beira das escaleiras da Quintana apareceu un chaval con pinta de recén levantado da sesta. As presentacións de rigor e o lacónico choque de mans. O mozo acelerou o paso: foi a súa maneira de dicir adeus.

-Se supone que es mi pareja. Lo que pasa es que tenemos una relación abierta.

Non perdín un segundo antes de preguntarlle que demo é iso dunha relación aberta. Púxose seria e ofreceume unha resposta que podería incluírse na Wikipedia.

-E ti levas ben iso?

-No, para nada.

Baixou a cabeza e calou.

post

loito

Tiña trece anos cando finou o meu avó Pedro, que era tamén o meu padriño. Uns meses antes xa morrera o meu avó José. Daquela aínda se mantiña viva a tradición do loito, aquel collage de gravidades e negruras varias, e a miña familia dispúxose a gardalo. Unha das cláusulas daquel loito era a prohibición de facer uso da radio e da tele, artiluxios aos que só se podía acceder na clandestinidade.

E un día pasou o que tiña que pasar. Eu ía coas vacas ao Choupelo, unha finca retirada ao pé do monte, e levaba unha radio pequena para entreterme. Desde alí podía ver perfectamente cando se achegaba alguén, de maneira que me sobraba o tempo para apagar o transistor. Pero ese día non: ese día despisteime e non me dei conta de que pasaban uns veciños co carro ata que os tiven a poucos metros de min. Demasiado tarde. Saudaron con naturalidade e seguiron o seu camiño, pero deixáronme no corpo un desacougo que me durou meses. Aínda me dura, sendo sincero.

Onte xuntei a miña madriña e a miña nai para que falasen do loito mentres tomaban o seu cafeciño da media tarde.

Tamén en Vimeo [aquí]

post

olloboi 2011: xa podes votar

No anterior post publiquei un vídeo saído da factoría Iván. Un vídeo de trens que non paran, de estacións que xa non son estacións.

Os de EtiColmeiro decidiron presentar este traballo ao concurso Olloboi, xunto co vídeo que mereceu o gran premio Videoghit 2011.

Agora chega o momento de votar. Onde? Aquí

Nota: O vídeo de Iván leva o número 40. O do Videoghit ten o 41

post

o tren non para

Iván vive a poucos metros da estación ferroviaria do Castro, en Silleda. Os edificios e os restos do mobiliario dan fe de que aquelo foi unha estación, pero xa hai anos que os trens deixaron de deterse nela. E xa non pararán máis.

Un día faleille a Iván das miñas viaxes en tren, sobre todo das máis recentes, e animeino a darlle uso á súa flamante cámara para facer unha reportaxe na estación. Aos poucos días trouxo unhas imaxes que el mesmo desbotou: o pulso tremáralle e as imaxes estaban demasiado movidas. O noso Iván está a virarse un chisquiño finolis, así que colleu vinte euriños, mercou un trípode, volveu á estación e fartouse de gravar. O traballo rematouno este venres pasado coa axuda de Mari de Piloño, que sempre ten o saleiro cheo para repartir.

Tamén está subido a Vimeo [aquí]

post

e chovía

[Hai xente que fai maxia cun sacho. Hai xente que sabe que unha leituga é moito máis ca unha leituga. Hai xente que fai fotos dos seus tomates e mas manda por SMS. Ou da tortilla que acaba de facer con ovos e patacas da casa… Ovos de galiñas felices, escribiu alguén que tamén facía maxia]

O domingo púxose a chover. Collín a cámara, un paraugas para protexela e fun pola horta para vivir o orballo. Unha vez máis, e xa van moitas, admirei o traballo incansable de meus pais, horteláns felices de selo.

[vimeo 24439466]
post

140 caracteres

[Resoltas as dúbidas e esconxurados os medos, a muller séntase a escribir a carta coa que vai pechar o seu matrimonio. Darredor dela deambula o home ao que ama, o home que a ama, o home que a asesora na redacción do texto cun entusiasmo de efectos devastadores]

Esta escena, que eu acotei e subín AQUÍ, pertence á película Por fin viúva (Isabelle Mergault, 2007), unha desas comedias con dobre fondo ás que xa nos ten acostumados o cinema francés. Creo que paga a pena vela, aínda que nada máis sexa para gozar da magnífica interpretación de Michèle Laroque.

A escena cobra un interesante valor antropolóxico nestes tempos nos que, como ben apuntou Lois Pereiro, os elementos das novas tecnoloxías van elaborando os nosos afectos. Todo cabe nos 140 caracteres dun SMS.

post

paraíso[s]

Oínlle falar dela a María, pero non me animei a dar o paso. Tivo que vir Dores para que sentise a necesidade do encontro con ela. Ela é Alejandra Pizarnik.

[Onte, dúas horas ao teléfono, a quen se lle conte!, dúas horas de conversa con Z sobre encrucilladas, sobre medos, sobre cousas que se din en textos que aínda non lin, ou que parece que se din pero…

Despois de falar, estes seis versos que furan a noite coma seis coitelos]

post

gran gala videoghit’11

O venres tivo lugar na casa de Cultura de Silleda a gran gala do concurso Videoghit 2011. Un exitazo.

[O vídeo podería lucir mellor se houbese máis luz, pero decidimos non iluminar para favorecer o desenvolvemento do acto]

post

despedida

Non queda papel en Riazor, dicían na radio mentres o coche de Ricardo nos achegaba ao estadio. Non lle importaba iso a Iván, que xa levaba a súa entrada ben gardada na carteira, convencido de que dependemos de nós mesmos. Gústame moito oírlle falar de fútbol a Iván. É coma ler o Marca.

Entramos en Riazor media hora antes de que comezase o partido e aquelo xa estaba a rebentar. Empezamos a abrirnos paso para chegar aos nosos asentos e eu matinaba no de sempre, no difícil que me resulta atoparlle a xustificación ao feito de que un espectáculo tan caro coma o fútbol nos someta á incomodidade duns estadios que parecen deseñados para o gando [ou será que…?]. Chegamos ás nosas localidades, despachamos amablemente os espabilados que exercían de okupas e sentamos nas incómodas sillas de plástico. Foi nese momento cando Iván colleu a entrada para que eu lle fixese a foto co móbil. Unha foto histórica, segundo se comprobou dúas horas máis tarde.

Despois veu o partido, e con el os cánticos, as coreografías, as bandeiras e as camisetas con nomes de xogadores do Superdépor de hai uns anos. E os rostros: rostros de preocupación, de crispación, de angustia, de nostalxia de épocas mellores… Iván tiña a radio na orella e ía cantando os goles doutros campos. Perde o Mallorca!, dixo de pronto, e un veciño de localidade empezouno a corear entre os seus acompañantes. Bastaba o empate, un goliño nada máis, pero non houbo ese gol. Acabouse o que se daba. The end.

Iván quedou bastante afectado. O Dépor é todo para el. Animámolo como mellor soubemos e el dixo que non nos preocuparamos, que en dous días xa estaría recuperado. Abandonei o estadio coa sensación de formar parte dunha comitiva fúnebre.

[E as miradas perdidas. Os ollos húmidos, a xente dándose ánimos, as apertas, as mensaxes de esperanza. Tamén os cabreados. Tamén os moi cabreados. Tamén os que golpeaban cousas. E tamén os que as rompían]

Desta vez non regresamos a Santiago escoitando a radio, que é o que facemos habitualmente. Onte cambiei a rutina, puxen un disco e vinlle dando conversa a Iván. Xa o notaba máis relaxado. Como o levas?, pregunteille cerca de Ordes. Teño máis sono ca depresión, respondeu.

post

prevention&treatment

Tapeando o 17 de maio pola noite despois do MundoLois. Exquisita compaña. Confidencias a tumba aberta entre os tres: me enreda lo que falta / y lo que se aleja.

-Fálalle a Xosé do congreso ao que vas ir dentro duns días…

E conta que a finais de mes viaxa a Turquía para asistir a un congreso mundial de psicoloxía. Nótase que está nese puntiño no que se xuntan os nervos e a ilusión da viaxe. Pregúntolle se vai como relatora e contesta, con modestia nada falsa, que leva un traballiño sobre a evolución da conduta violenta dun grupo de rapaces.

-A ver, muller, dille algo desa conferencia da que me falaches…

Entón explica que nese congreso se van presentar algunhas comunicacións que poden resultar curiosas, mesmo chocantes para a nosa mirada occidental de hoxe, e pon o exemplo dunha delegación iraniana que presenta un traballo titulado, nin máis nin menos, Masturbation: prevention and treatment.

[Os sorrisos estouran en gargalladas]

Xa na casa, indago sobre o congreso e atopo suxerentes propostas na súa web:

unlimited soft and alcoholic beverages, wide variety of shows and animations, live music, Turkish folk dances

post

un berro de sede

Hai poucos días publiquei unha entrada que se titula nimbos. O post leva un pequeno traballo en vídeo no que xoguei con versos de Xosé Mª Díaz Castro, poeta no que ando mergullado esta tempada.

O vídeo de hoxe tamén incorpora textos de Xosé Mª Díaz Castro; versos que saben á auga limpa dos ríos e dos regueiriños, esa auguiña limpa que xa case non hai. Non a hai pero hóuboa, que eu ben me lembro!

[Infinita tristeza cando un se achega ao río Tella, un dos dous que pasan por Cachóns, e percibe o veleno, ole o veleno, ve como avanza -lenta e mortífera- a escuma do veleno. A neglixencia, o desinterese, a absoluta falta de sensibilidade alíanse para que o desastre non se deteña. Non ho, que o que importa é que poñan farolas…!]

O domingo fixen un percorrido por Cachóns, Laña, Eo dos Menecos e Vilanova, todos eles lugares da parroquia de Oza. Seguín o curso do río Santa Lucía, aproveitando os camiños abertos polos pescadores, e gravei as augas mansas, as augas tranquilas, as augas a cachón.

Nota/ O vídeo abre automaticamente con calidade HD. Se advirtes que a túa conexión non permite un visionado razoablemente fluído, fai clic na opción HD e desactívaa.

post

videoghit

O zapato pide media,
a media pide zapato

O mesmiño que di a copla foi o que pasou entre Suso (EtiColmeiro) e Uxío, meu irmán. Os dous son dispostos, traballadores, imaxinativos e decididos. Tan só era cuestión de tempo que aparecese un proxecto no horizonte que lles permitise poñer en común o seu talento. E a ocasión presentouse co Videoghit, un certame de creación audiovisual impulsado desde EtiColmeiro.

Suso andaba a planear a gala de entrega de premios e pensou nuns trofeos diferentes aos que habitualmente se mercan para tales eventos. O que quería Suso era que estivesen feitos con materiais reciclados, con pezas que xa cubriron o seu ciclo de uso e que van dar ao lixo.

E o Uxío podería facer algo diso?

Falei con Uxío e amosou a súa disposición a colaborar. Minto, porque non lle podo chamar disposición ao que percibín realmente como entusiasmo. Uxío é mecánico: Vou facer uns trofeos con pezas de motor desas que tiramos no taller. 

Uxío púxose a traballar [ver vídeo] nos sete trofeos que se lle pediran, e xa os ten listos unha semana antes do día da entrega de premios. Comprobei tamén que Suso xa ten pechada a programación da gala coa mesma antelación. O que dixen antes: Uxío e Suso, tal para cal.