O viaxeiro baixa do tren e bota a andar amodiño. A súa mirada vai xogando a perfilar os contornos da arrebatadora luz que se concentra na sala de espera da estación, co sol entrando a eito polas fiestras. A súa única equipaxe é unha bolsa de rosquillas de Piloño.
Dores e Zeltia, Zeltia e Dores, ghrade e caínzo, o encontro desde hai tempo agardado, a confesión do viaxeiro: Dixéravos que ía traer rosquillas de Remigio, pero acabáranse, así que Maridepiloño colleumas de Dora. Hanvos saber ben.
Xantan no Rincón de Gran Hermano, exquisito antro só para iniciados, e falan de Lois, da escrita de Lois, do poeta Lois, do legado Lois, do mundo Lois. Falan tamén, claro que si, das barrabasadas que no seu nome se perpetran nestes días tan propicios. Falcatruadas, inxustizas, atropelos.
Chegan as cinco e comeza o obradoiro. Sucédense as lecturas, as intervencións, os silencios… O viaxeiro está fascinado. E pouco importa que do outro lado do tabique chegue o ruído das partidas de dominó. E nada importa que haxa entre os asistentes quen nunca escoitara falar dun tal Lois Pereiro. Non lle importa a Dores, que fala coas mans, que cala coas olladas. Non lle importa a Zeltia, que ten os libros de Lois cheos de anotacións a lapis, salpicados de evocadoras flores secas (e aí está a foto), de subliñados, de referencias, pero que pensa que non, que ela non sabe nada. Que sorte teñen Dores, Zeltia e todos os e as que pensan que non saben nada: só eles aprenden.
Non lle importa tampouco á señora da esquina, que se mantén calada toda a sesión e que só toma a palabra para dicir que non é capaz de ler a Lois porque o seu fillo morreu de SIDA. Intentei lelo, pero non dou, teño que saír da casa, é superior a min.
Dores rompe a chorar mentres a señora volve ao seu silencio.
O viaxeiro regresa coas maletas cheas.
Inclinación de cabeza.






Falaron