post

cachóns renace

Luns pola tarde.

Aproveita para gravar hoxe, dime Uxío, que unha noite destas vai vir unha man de xeada que o vai queimar todo.

Fui à beira do mar
Ver o que lá havia
Ouvi uma voz cantar
Que ao longe me dizia
Ó cantador alegre
Que é da tua alegria
Tens tanto para andar
E a noite está tão fria
Desde então a lavrar
No meu peito a alegria
Ouço alguém a bradar
Aproveita que é dia
Sentei-me a descansar
Enquanto amanhecia
Entre o céu e o mar
Uma proa rompia
Desde então a bater
No meu peito em segredo
Sinto uma voz dizer
Teima, teima sem medo

post

mans de terra

xúroche que foi unha semana longa longa
tan longa que case interminable

e as miñas mans

estas mans que aporrearon mil teclados
e executaron a orde de arquivar
absurdos papeis superimportantes
en carpetas recicladas

estas mans que tamén estreitaron
outras mans astutamente ofrecidas
por sorrintes fenicios que venden grampadoras
e post-it
e produtos que borran a tinta
[por cada tres caixas mándoche unha sen cargo, eh]

manciñas que moveron cadeiras e mesas
cadeiras veñen
mesiñas van
cadeiras veñen e van

pero hoje é sábado, amanhã é domingo

e as mans xa devecían
esperaban con ansia que chegase o sábado
xusto este sábado
para ser por fin de terra

e de terra os meus dedos que aloumiñan a fariña

a masa está a levedar
nunha hora haberá pan da cor da terra
pan de terra para empezar o día

amén

post

entroido de oza 4/ ata o ano que vén

Debía andar eu polos 15 anos cando mercamos o primeiro radiocasete que houbo na casa, e con ese trebello incorporeime aos universos da música en conserva e da frecuencia modulada, porque ata entón só dispoñía dun transistor cativo que me non me deixaba escoitar outra cousa que non fose a onda media.

Co aparato viña unha cinta de regalo, un casete dun contador de chistes chamado O Xestal. Era a única que tiñamos e poñiámola bastante. Despois foron aparecendo outras opcións e O Xestal foi pasando a un segundo plano. A cinta perdeuse, naturalmente, e mesmo pode que fose utilizada para gravar por riba algunha canción radiofónica xa soterrada na desmemoria máis glacial.

Pasaban os anos e eu quería crer que xa esquecera O Xestal. Non volvín saber del ata que hai pouco vin no xornal unha referencia a unha homenaxe que se lle ía facer. Non o pensei moito: mergullei na www e descarguei un lote de discos del. Oír de novo a súa voz púxome en contacto con antigas emocións.

No vídeo de hoxe, o último que lle dedico ao entroido de Oza deste ano, utilizo algúns parrafeos do Xestal. Ben merecido o ten polo que nos fixo rir a Esther, a Pedro, a Uxío e a min.

post

o entroido de oza 3/ mil batallas

remanga os puuuuuños
[Dores Tembrás, O pouso do fume]

Quen lle ía dicir a aquel Zapatero dos tempos de gloria que a súa imaxe ecuestre sucumbiría ante o vigor verbal dun humilde cigarro de Oza! Non lle ha ser doado encaixar ese golpe ao home que lle gañou varios debates televisados a un personaxe da talla intelectual de Mariano Rajoy.

Rematada a regueifa do Piro e consumada a derrota, Zapatero debuxou coa súa espada o contorno da lúa tremenda. Fíxoo moi amodiño, coa mirada perdida e con toda a apariencia de estar mergullado en escuros pensamentos. Pero iso, como el diría, son meras especulacións. O único que se sabe de certo é que baixou do cabalo e que compartiu un viño con algúns dos presentes. Despois botou a andar pola pista da Hermida abaixo, volveu mirar a lúa colosal e viuse como erguía os brazos cara ela e lle dicía Voute soñar…



post

entroidos de oza 2/ mandan os dacabalo

Pode que vos sorprenda o Guardiola que compareceu o 19 de marzo no campo da festa de Oza. Non é que non viñese guapo e elegante [pordió!], pero a min resultoume novidosa a súa actitude desafiante e pelín macarra. Seguro que a causa desa mutación é ese plus que dá ir dacabalo…

post

entroidos de oza 1/ viagra ou fame

Foi todo cuestión de tempo: o mal tempo obrigou á xente de Oza a correr o entroido fóra do seu tempo. Houbo que agardar polo san Xosé, e daquela, xusto un mes despois do previsto, si que saíron os cabalos, as carrozas, os coros de mozos e de vellos. Percorreron a parroquia durante todo o día e chegaron a Agoso cando xa era case imposible apartar os ollos da lúa inmensa.

[Eu andaba coa cámara e pode que me confundise o xogo de luces e de sombras –La noche me confunde, dixo Sócrates con acento cubano-, pero xuraría que, ao mirar de esguello, máis dunha vez vin que a magnífica lúa chea se sentaba discretamente entre o público e tarareaba as cancións dos coros con xestos mainiños que namoraban, si, que namoraban]

Houbo regueifas a fartar, e por aquí irán pasando Guardiola, Mourinho, Obama… e mesmo un pitillo respondón. Pero por algo hai que empezar, e hoxe deixo un desafío para que vexades como se resolve en Oza a guerra de sexos.

post

aínda non murcharon as mimosas

Unha persoa a quen admiro agasalloume hai pouco cunhas palabriñas manuscritas e cunha mimosa infectada de beleza.

Na carta cóntame que segue con emoción os vídeos nos que aparece o noso amigo Iván e que se sinte partícipe dos seus éxitos ao volante. É estrano o perto que podemos sentirnos dalgunhas persoas sen coñecelas, di, e concordo.

A Iván fíxolle moita graza a mimosa plastificada. Despois deille a ler a parte da carta que fala del e puxo esa cara de felicidade de cando se sinte recoñecido.

Quedamos en facer un vídeo de agradecemento. Eu quería que no vídeo houbese moitas mimosas, pero xa as daba por perdidas: en Cachóns xa desapareceran. Eu sei onde as hai, dixo Iván. Levou a cámara e gravou toda a tarde. Ao outro día volveuna coller para tomar imaxes das cegoñas que aniñaron en Silleda.

E aquí está o resultado. Utilizamos a base musical e visual dun anaco de Calle 54, o filme que asinou Fernando Trueba no 2000. Se queres ver o vídeo orixinal, preme aquí.

post

troitas

Un vello estanque.
Tírase unha ra:
ruído da auga.
[Un haiku de Matsuo Bashō]

Aura publicou hai uns días cinco fotos duns muíños que sobreviven ao pé do río Vilameá.

Escribín un comentario.

O retrovisor achegoume ao neno que ía con seu pai ao muíño. O Tella era entón un río, non o fedorento surtidor de veleno no que pouco despois se convertiría [di que si, Uxío!]

Algunha vez colliamos unhas troitas cando volviamos para a casa. Non as pescabamos: simplemente atrancabamos algunha presa pequena para que quedasen atrapadas. Despois gardabámolas no saco da fariña e así ninguén sabía do noso delito.

O comentario quedou aí. A pinga de humor que lle faltaba púxolla alguén que o veu e me mandou inmediatamente un correo poñendo as cousas no seu sitio:

-Troitas pillabas as que eu che deixaba ir, que primeiro pasaban pola beiriña do meu muíño.

post

o entroido de piloño/2 [a cabesiña non para]

-A reportaxe de Piloño quedouche ben, pero é mágoa que non se recollan algunhas das machadas que a xente do público soltaba…

-Pois ocúrreseme que podo revisar todo o material que recollín e facer outro vídeo que vaia un pouco por onde ti dis.

-Pois faino, anda, e non me sexas preguiceiro!

post

piloño, entre xenerais e moros

O 6 de marzo celebrouse o entroido en Piloño (Vila de Cruces), unha variedade diso que denominan entroidos do Ulla.

post

estaZións

post

23f en cachóns

Ese día eu estaba atando a viña e túa nai facía filloas no quinteiro, que era tempo delas. Levaba comigo o transistor, xa sabes, e empezaron con aquela barullada toda e cos tiros… Parei de atar e fun falar con túa nai, e inda estivemos un bo anaco pendentes da radio para saber o que estaba pasando. Despois volvín á cortiña para seguir atando.