post

O vendedor de enciclopedias

Entre as moitas vítimas que está a cobrar a expansión de internet e do dixital está a entrañable estampa do vendedor de enciclopedias. Cada vez que a vista me dá nun libraco titulado Galicia, esa desconocida (xa lle vale, non si?), lembro aquel día no que lle abrín a porta a un membro desa tribu urbana e cometín o erro de deixalo tomar asento no sofá. Unha vez dentro e instalado ás súas anchas no meu salón, o vendedor manexou a situación con solvencia e pouco traballo lle costou emplumarme aquel tocho a cambio duns cantos miles das miñas pesetiñas.

Nos últimos anos foi languidecendo a figura do vendedor de enciclopedias, ata o punto de que parece estar xa en franco perigo de extinción. Será por eso que me sorprendeu atopar un o xoves pasado no meu lugar de traballo. Viña ataviado como mandan os cánones, co seu traxe, a súa corbata e o seu maletín. A mirada e os ademáns, en cambio, non lembraban os do triunfador e asertivo vendedor de libros de antano. Nada deso; o home que me esperaba nunha esquiniña do corredor viña totalmente entregado, sabendo de antemán que non vendería nada. Era a viva imaxe da derrota.

Dixéronme que o atendese se tiña un minuto e accedín. Entramos nun despacho en compañía dun dos meus compañeiros e xa lle advertimos que andabamos moi pillados de tempo. Abriu o maletín e sacou uns catálogos sobados, un bloc e un bolígrafo parker. Dixémoslle que non comprabamos enciclopedias en papel e el respondeunos que o que nos traía era un revolucionario produto dixital pioneiro en Europa. “Tardei moito en vir porque agora estou eu só para atender A Coruña e Pontevedra. Antes eramos máis de trinta”, confesounos.

O produto que nos ofrecía era unha especie de Wikipedia de pago. Pedímoslle por cortesía que nola ensinase nun ordenador e dixo que non, que só podía amosarnos os catálogos. “Vendes unha enciclopedia dixital cun catálogo de cartón?”, díxenlle entre pasmado e divertido. “É a política da empresa”, escusouse antes de pasar ao ataque e espetarnos que “Planeta é unha entidade de prestixio que invertiu moito diñeiro neste proxecto, polo que a xente terá que confiar na calidade que sempre ofreceu”. Admirable estratexia. Despois sacou da chisteira un reprodutor de DVD portátil, dos que xa van quedando poucos, e empeñouse en poñernos un vídeo promocional da dichosa enciclopedia.

O tempo pasaba e os nosos compromisos laborais petaban literalmente na porta. O home, aínda sabendo que non vendería nada alí, seguía co seu despregue e deixou o tema económico para o final. Xa ninguén lle facía caso. Por fin marchou e acudín á reunión que tiña programada para esa hora. Ao rematar fun tomar unha infusión (boto en falta o café!!) e pensei nas veces en que actúo coma ese triste vendedor de libros, nesas ocasións nas que encaro os meus pequenos retos coa palabra derrota escrita na fronte, aínda que non leve traxe nin maletín nin bolígrafo de executivo… nin o DVD portátil.

post

O discurso de Feijóo

Noraboa a Xurxo (Galiciaconfidencial.com) por esta xoia.

post

SOS

Hoxe toca crónica en vídeo do partido que se xogou onte en Santiago e que practicamente pechou as opcións de permanencia na liga ACB para o Obradoiro.

post

Des-Memoria

Hai uns meses pasei polo tanatorio de Silleda para acompañar a C., que estaba velando a súa nai. Había pouca xente a aquela hora e tivemos ocasión de conversar tranquilamente un anaquiño. Contoume C. que o falecemento de súa nai, xa moi maior, aconteceu despois dun breve período de enfermidade. “Miña nai morreu de vella”, resumiu con absoluta precisión.

Relatoume C. unha anécdota da defunta que me fixo cavilar moito. A señora estivo hospitalizada unha breve tempada pouco antes de morrer, e foi nese momento cando experimentou unha extraña transformación. Ela, que sempre falara unicamente galego, empezou a falar exclusivamente en castelán, e así continuou ata o día da súa morte. A familia asistía divertida a esa mudanza e ás veces preguntábanlle polas razóns do cambio. Ela contestáballes que se equivocaban, que toda a vida falara castelán. E punto. Nunca máis se moveu de aí.

post

Pedagoxía lingüística

Esto que vou contar pasou hai uns aniños nunha aula dun centro de ensino secundario. A profesora de lingua castelá porfiaba  para que a rapazada se expresase oralmente en español na súa clase, pero o alumnado non lle facía caso e falaba galego. A escena repetíase un día si e outro tamén e os esforzos da docente para promover o uso oral da lingua castelá non daban froito.

Cales podían ser as razóns dese rexeitamento? Seguramente moitas, pero a profesora quedou de pedra cando un rapaz lle achegou unha coa que nunca contara:

–Verá, profesora, é que o castellano élle cousa de maricóns.

post

M.

Estes días tiven noticias de M. polo correo electrónico. Fálame da recente morte de seu pai, case nonaxenario, despois dunha agonía de varios anos. Por moi esperada que sexa, unha morte cociñada a lume lento deixa marcas, e o relato de M. ponas ao descuberto con claridade máis que meridiana. Dicir que me emocionou sería demasiado convencional.

Espero que M. non se enfade por traer aquí esta historia e por coller prestado un parágrafo do seu fermosísimo correo:

Ó final creo que era máis dependente eu del que el de min. A historia con meu pai éche algo ben curioso. Se tivera morto hai dez anos, pasaría a cousa sen pena nin gloria. Pero estes dez anos de demencia achegáronnos moito, curiosamente sen saber el xa quen era eu, só quería que eu o sacara a pasear, só quería que eu lle dera de comer, e só quería estar comigo.

post

Leituga

A primeiros de xaneiro poñían a andar a sementeira [aquí] e a estas alturas, pouco máis de dous meses despois,  Esther e Pedro poden presumir de ter unha plantación de leitugas ben farturenta.

PD/ Quero dedicarlle este vídeo a Merchi, coa seguridade de que pronto se recuperará e voltará voar coma unha anduriña.

post

jon mematas

Chámase Jaume Matas e estes días fartámonos de velo nos medios, sempre ben traxeado, co seu peiteado impecable, o sorriso perfecto, o maletín en ristre, os ademáns amables; en definitiva, un home ben presentado, como di miña nai da xente que reúne todas estas virtudes. O feito de que o seu salto á primeira plana diso que chaman a actualidade se deba a uns problemiñas que está a ter coa xustiza non lle nubla o ánimo nin lle borra o seu inconfundible aire de triunfador, a pesar de que ata na Wikipedia o presentan como a un  “político español corrupto nacido en Palma de Mallorca el 5 de octubre de 1956“.

Como este señor está de moda, o profe pensou que podía ser un bo argumento para adestrar o seu alumnado no uso dos buscadores web. “Abride o Google e escribide Jaume Matas na celda de búsqueda, a ver que podemos saber del”. Cando chegou a hora de comparar os resultados, un dos presentes comentou que a el non lle aparecía nada. O profesor revisou a execución da tarefa e reparou na orixe do problema: onde debía escribirse Jaume Matas estaba escrito jon mematas. Foi este mesmo alumno o primeiro en botar a rir ao saber onde estaba o fallo.

post

Lume para Monica Bellucci

Corren malos tempos para a lingua galega. Non lle prestou nadiña o cambio de signo político que se derivou dos resultados dos comicios de marzo do 2009, onde a questione della lingua tivo un especial protagonismo e foi esgrimida ata a extenuación como reclamo electoral. Daba a sensación, escoitando certas voces, de que viviamos nunha ditadura na que toda persoa que non falase galego estaba condenada á exclusión laboral, económica e social. Os medios reiteraban esas mensaxes e ao remate acabouse materializando aquelo que dicía Goebbels, ministro de propaganda da Alemaña nazi: unha mentira repetida sistematicamente acaba sendo verdade.

Pois ben, as eleccións gañounas quen as gañou e a nova liberdade lingüística foi recibida con algarabía polos vencedores. Mesmo podemos ver imaxes dalgúns representantes da intelectualidade soltándose o pelo e cantando a pleno pulmón a chegada dos novos tempos [aquí]. Despois veu o que ti ben sabes: a presentación -en fin de ano- das bases dun novo decreto do galego, a presentación -un sábado- do anteproxecto dese decreto, a aposta -máis ben morna- polo trilingüismo, etc. etc. etc.

Como é lóxico, estes novos aires non foron ben recibidos por boa parte da cidadanía. A resposta foi chegando por moitas vías e da man de moita xente. Un dos campos nos que opera a resistencia é o audiovisual, un mundo onde as vacas sagradas da nosa cultura se sinten realmente a gusto, pletóricas de look e de light. Agora ben, a quen se lle ía ocurrir ir un pouco máis alá e empregar a rotunda presenza de Monica Bellucci para facer un spot patriótico? Ao meu amigo Suso, naturalmente, principal sospeitoso de comandar a web EtiColmeiro.

Se queres ver o traballo de Suso, pincha aquí.

PD/ Estes días teño obras no edificio. A boa noticia é que vou ter ascensor. A mala é que os obreiros taládranme os miolos a martillazos. Eles tamén son galegos, así que pasan olimpicamente de usar cascos ou calquera elemento de protección (que non se diga…!), pero eu non aguanto tanto ruído. Preciso un manual de supervivencia.

post

Pasando do Facebook

Haberá cousa dunha semana que a revista Forbes publicaba a lista anual das persoas máis ricas do planeta e aí estaba el, o fundador do Feisbuk, un mozo de 25 aniños que xa amasou unha fortuna de 4.000 millóns de dólares. Claro que Mark Zuckerberg, que así se chama este techie ricachón, non só acumula dólares por un tubo; tamén garda na súa cova as toneladas de información que xenerosa e inconscientemente -en non poucas ocasións– lle achegamos cada vez que actualizamos a nosa conta.

Levo unha tempada fóra do Feisbuk e non creo que volva. Un día deime conta de que para o único que me servía era para perder o tempo, así de claro. Non nego que o Feisbuk sexa un instrumento que responde a unha necesidade tan humana como a de manter o contacto, e imaxino que nesa capacidade reside o seu éxito planetario, pero a min ese modelo de comunicación resúltame moi pouco satisfactorio, mesmo frustrante en ocasións. E cada vez máis.

Que era entón o que me estivo levando cada dous por tres a caer nas garras dese trebello? Tiven clara a resposta cando lin estes días nun artigo de María de Mallou, titulado utilidades estúpidas do feibuc, toda unha declaración de intencións máis que reveladora: prometo que nunca máis empregarei o feisbú para lerchear. Se do que se trata é de lerchear, que mellor que facelo falando, vendo, escoitando, tomándolle algo?

post

Modesto

Modesto López Currás é un veciño da parroquia de Goiás, en Lalín. Souben del cando Xoán Carlos, un compañeiro meu, me pasou unha cinta de vídeo na que ese home falaba con moito xeito sobre o divino e o humano. Quedei prendado da súa elocuencia e ata subín á rede un fragmento exquisito.

Estes días volvín ter noticias de Modesto, que aos seus oitenta e seis anos continúa en plena forma. No vídeo poderás velo percorrendo a súa parroquia hai cousa dunha semana. Un espléndido guía, sen dúbida.

post

Temporal

É luns pola tarde e en Santiago chove a mares. Aparco na estación de tren e saio disparado cara ao centro. O vento esnaquízame o paraugas. Chego máis que puntual á cita e a enfermeira condúceme á consulta. Non fixen máis que cruzar a porta e xa teño ansia por largar de alí. É certo que non percibo claramente os detalles, por suposto, pero si que me chegan as primeiras impresións… e non son nada boas. Todo é rancio naquel lugar: as enciclopedias que parecen compradas a metro, a escuridade lóbrega,  o mobiliario do ano catapún, a atmosfera espesa. O doutor érguese do asento e dáme a man mirando ao tendido. Senta diante do ordenador e empeza a pedirme datos. Canto coma un paxariño: chámome así, nacín en tal data, meus pais son fulano e mengana e están vivos, estou solteiro, vivo só, nunca me operaron. De súpeto ponse en pé, agarra un esprai e empeza a fumigar a habitación. “No hueles a orina?”, dime. Estou aterrorizado. “Es que la anterior paciente es una señora mayor y sufre incontinencia”. Ufff! O tío volve sentar e sigue co interrogatorio.

Rematado o ritual da toma de datos, o doutor levanta a vista da pantalla e colle o meu carné. “Eso de Xosé, es de ahora o ya te lo pusieron de pequeño?” Explícolle que eu non podía ser Xosé cando nacín porque daquela non era posible legalmente e que, polo tanto, o cambiei xa de maior. “Y no te trae problemas?”, apunta, e formula unha serie de obxeccións. Quen me coñeza xa sabe que non son persoa de moito discutir, así que calo e agardo a que nos metamos no asunto que me levou alí. Polo que se ve, o home non ten apuro ningún e sigue a voltas co tema da galeguización dos nomes e dos apelidos. Despois fala das súas aventuras polo continente americano e aí xa me perdo. Só sei que quero acabar canto antes e fuxir.

Chega o momento de abordar o motivo da miña consulta, expóñollo e quedo pasmado coas barbaridades que saen da súa boca a modo de resposta. Pasan uns minutos que se me fan eternos ata que se centra e me prescribe o tratamento. “Dentro de dos o tres meses nos vemos, si te parece”, conclúe. Vaiche boa, penso, mentres collo os papeis e saio ao exterior. Respiro.

Deixou de chover e amainou o vento. Levo na man o que queda do meu paraugas e busco unha papeleira para desfacerme del. Sinto a necesidade de falar con alguén que me devolva á realidade. Entón chamo a Suso.