Xa vai alá o entroido, pero aínda hai material inédito das Máscaras de Oza. Hoxe, os atranques.

O Arousa de Iván
Aí vos deixo o vídeo do momento no que Iván formaliza a adquisición do seu SEAT Arousa. Metinlle unha musiquiña extraída da banda sonora da película Un mundo perfecto, creo que a mellor obra do grande Clint Eastwood, a ver se así se me vai o mal sabor de boca que me deixou o seu último filme, Invictus.
Moita sorte co coche, Iván, e noraboa polo teu esforzo.

Paxariños
Soe dicirse que hai persoas coas que tés establecida unha conexión tan especial que sempre están presentes dalgún xeito, aínda que pases meses ou anos sen velas. Acontéceme iso con Merchi, antiga veciña de cando eu vivía en Compostela e sempre boa amiga, amén de espléndida docente de linguas clásicas, que non sei como se amaña para aparecer sempre no momento xusto. Estes días remitiume un correo no que me dicía “Sursum corda!”, arriba os corazóns! que non decaia o ánimo. Non deixes que o paxariño do desánimo aniñe na túa cabeciña aínda que de cando en vez voe preto. Perfecto, Merchi, nin máis nin menos.
É ben certo que o paxariño do desánimo nos visita de cando en vez, pero tamén é certo que o milagre da comunicación axuda a despistalo. Vouno ilustrar con outro exemplo. Levo case un ano acudindo a unha clínica de fisioterapia para que me traten un problema lumbar que me dou moito que facer. Empecei indo varias veces por semana e agora acudo apenas un día ao mes, pois xa non teño dor e vou, coma quen di, para pasar a ITV. Foron moitas sesións, case corenta, e iso dou para algunhas conversas, tampouco moitas, porque creo que nin Bea, a fisio que me atende, nin eu nos prodigabamos moito falando. Así pasaron os meses. Hai xa varias semanas acudín á cita mensual e non estaba no meu mellor día. Cando Bea me preguntou cordialmente Como estás?, como sempre fai ao empezar a sesión, respondín que andaba algo baixo. Só me fixo falta ver a expresión que cobraron os seus ollos, eses ollos cos que sempre mira á cara do seu interlocutor, para sentir o calor da comunicación e para ver como o paxariño do desánimo voaba un pouco máis lonxe.
PD/ O meu amigo Iván xa ten coche apalabrado, todo un SEAT Aro(u)sa. Agora só falta facer o seguro, que é a tarefa na que andamos estes días. Por tanto, pronto teremos novo vídeo.

Elma
Elma, que en turco significa mazá, é o nome da cadeliña golden retriever coa que Eliseu e súa irmá agasallaron os seus pais. Recolleron unhas imaxes de vídeo cunha cámara de fotos e despois pensaron en facer algo con elas. Aí é onde entrei eu en xogo. Eliseu fíxome chegar os clips de vídeo e unha peza musical de Franz Schubert titulada Du bist die ruh, e doume carta branca para facer e desfacer. As imaxes, dada a súa procedencia, non son de boa calidade (o típico das cámaras de fotos: 320×240 e 15 fps), pero o importante é ver o ben que o pasa Elma e o ben que o pasan con Elma.

Entroido/3
Seguimos cos vídeos do entroido de Oza. Hoxe tócalle ao Coro dos Bonitos. Hai dous pequerrechiños que ata bailaron ao ritmo da miña cámara…

Iván e eu
Nunha das últimas entradas que publiquei puxen o vídeo de Iván probando o meu coche. Nun dos comentarios preguntábanme cantos anos hai que coñezo a Iván e pensei que, xa que hoxe teño algo de tempo (teño unha masa de pan a levedar), vou contar a historia da amizade entre Iván e máis eu.
O meu primeiro contacto con el tivo lugar haberá uns 16 ou 17 anos. Eu chegaba a Silleda pola tarde e atopaba a aquel neno que viña cara min, sempre rindo, e me daba a man moi ceremoniosamente, tal como aínda fai hoxe, e me contaba o que lle deran de comer na escola. Gustáballe todo menos as salchichas e as olivas. Sempre pensara que todos os rapaces comen salchichas de boa gana, pero xa vin que hai excepcións. Tiñamos todos os días a nosa charliña e cada un ía para as súas obrigas. Foron pasando os anos, o neniño xa se fixo un mozote de 16 anos e veu ás miñas clases. Lembro que o día que lle entreguei o título esperou a que rematase o acto e, cando xa non quedaba ninguén, veu co título na man preguntar se aprobara. Confirmeillo escarallándome coa risa e el marchou coma un foguete para celebrar o éxito e contarllo a todo mundo, igual que está facendo estes días despois de ter acadado o carné de coche.
Desde entón ata hoxe foron pasando os anos e Iván sempre estivo na miña órbita. Creo que non debeu haber case ningunha semana na que non o vise ou falase con el. Xa o di el cando se despide por uns días: “Estamos en contacto!”. En todo este tempo foron mudando moitas cousas na miña vida e aquel Xosé xa non é este Xosé (xa o dixo o poeta), pero Iván nunca falta, sempre está aí. Xuntos montamos aulas de informática, pasamos frío e choiva en Riazor, comemos unhas poucas toneladas de churrasco -a súa comida favorita-, falamos das fichaxes do Dépor ou das súas vicisitudes laborais, que non foron poucas. Ás veces comento que o elemento que me une máis a Silleda, ata o punto de que non falta quen pensa que eu son silledense, é a miña amizade con este rapaz, que sempre me trae alegría e bo humor.
Os que o coñecedes sabedes que Iván patrulla Silleda en moto. Frío, choiva e máis frío e máis choiva. O home quería pasarse ás catro rodas e pensaba nun deses coches sen carné, pero animámolo a que fose á autoescola para ter a licenza e conducir un coche como é debido. Fíxonos caso e púxose mans á obra. Ía todos os días facer os tests e sacou a teórica á primeira e sen fallo ningún. Despois viñeron as prácticas e aprobou tamén á primeira. Un éxito que celebramos como o merecía a ocasión. Agora anda buscando coche e xa ten o mellor asesor que podía atopar. Non hai fallo.
Remato cunha anécdota que para min resume quen é Iván e por que estou tan unido a el. Andaba eu hai uns días algo espeso e un pouco tristón. Estaba diante do ordenador facendo xa non sei o que e entrou Iván pola porta. Doume a man coa súa risa de sempre e díxome: “Sabes a noticia?”. Pregunteille de que noticia me falaba e contestou: “A partir de agora vai haber partidos os luns!”. Rin por dentro e alegroume a tarde tan só con ese detalle. Este é o Iván que tantas persoas apreciamos e queremos.

Moi persoal
Estes días estou traballando o material que recollín o día das Máscaras de Oza, 31 de xaneiro, e estouno publicando por entregas.
O vídeo que presento hoxe non forma parte dese conxunto, aínda que se nutre de imaxes rexistradas ese día. Trátase, por dicilo dalgunha maneira, dunha versión moi persoal dese 31 de xaneiro de 2010.

Entroido/1
Si que empezou cedo o entroido este ano…
Con este vídeo empezo a serie Entroido en Oza 2010. Teño un pouco de mágoa pola calidade do traballo: por un lado, traballei de noite, que xa é unha eiva; polo outro, non tiña o meu mellor día como cámara. O que hai é o que hai.
Por certo, esa muller tan alegre e tan xeitosa que presenta o entroido é Consuelo, a miña madriña.

Centeo
Quedaba na casa un paquetiño dunha excelente fariña de centeo. Xa se sabe que para un só dá algo de preguiza cociñar, así que aproveitei a visita de Eliseu para preparar dous almorzos xeitosos: un panciño e unhas filloíñas. Parece que lle souberon; polo menos, con fame non marchou.

Pacto
Nunca traballei moito neste blogue. De vez en cando vou poñendo un vídeo… e punto. Hai polo mundo blogueiros e blogueiras aos que o corpo lles pide máis, ou que teñen máis que contar ou eu que sei… O caso é que hai quen produce moito e quen, coma min, case nada. Por se fose pouco, teño tamén o defecto de non contestar case nunca os comentarios que a xente me vai deixando, o que me convirte nun cibermaleducado.
Por todas estas cousas e outras que non veñen ao caso tiña pensado deixar de alimentar este recanto, que xa me leva dado as súas boas satisfaccións e que cría xa un proxecto esgotado. Ademais, hai tantas bitácoras por aí circulando que esta miña podía morrer tranquila sen que se enterase case ninguén.
Comentei todo isto con Aura, a entusiasta creadora de Harmonía de Cores, que me confesou que ela tamén estaba a punto de facer o mesmo co seu blogue. Falamos e convenceume para seguir un pouco máis co meu humilde proxecto, se é que pode chamárselle proxecto e esto que eu fago; non sei. En todo caso, é un recunchiño que para min foi durante bastante tempo algo así como o meu propio ceo.
Hoxe non publico ningún vídeo meu, pero quero compartir con Aura e con todos e todas vós un traballo de Roberto Pérez Toledo que se titula, precisamente, Nuestro propio cielo. É un pouco “pastelero”, como apuntou o colega Eliseu, pero a min gustoume. Será que estou algo “bizcochón” esta tempada.
Unha aperta.




Falaron