post

Apañar e sementar

Mira que está facendo frío estes días, pero eso non é impedimento para que Esther e Pedro boten o pé fóra da casa e vaian facendo os traballos que tocan en cada momento.

No vídeo de hoxe podes velos apañando os vimbios e preparando un porraliño de leituga abonado tan só con esterco das galiñas e con borralla. O día que arrinquemos as primeiras follas para facermos unha ensaladiña será unha festa.

post

Aninovo en Cachóns

Estes días ándoche un pouco melancólico. Será cousa do Nadal.

O caso é que este estado de ánimo levoume a coller a cámara de novo e traballar un pouquiño nun vídeo meu e nos meus temas recurrentes: os meus pais e a miña aldea.

Vídeo en Vimeo:

[Vimeo 8506684]

O mesmo vídeo en YouTube:

post

De marcha por Cequeril cun “petroglifófilo”

De marcha si, pero non de copazos nin de pubs, non, senón de sendeirismo por unha ruta que se inaugurou o 10 de outubro en Cequeril (Cuntis).

A expedición contou cun convidado de excepción, o petroglifófilo Ángel Núñez Sobrino, que foi o encargado de poñer a nota erudita na metade do percorrido e que, xa aos postres, confesou o seu amor polo Umia con estas palabras: “El río Umia, proustianamente hablando, era donde nosotros nos bañábamos”.

Ver vídeo en Vimeo:

Ver vídeo en YouTube:

post

Crónica dun gran partido de baloncesto

Na miña infancia eran moi comúns os partidos de fútbol entre solteiros e casados. Chamábanse amistosos, pero non por iso deixaba de haber tensión, piques e algunha que outra patadiña. Seino ben, que algún me tocou xogar…

O que che ofrezo agora é un vídeo doutro dos clásicos deportivos: un partido entre alumnado e profesorado, desta vez de baloncesto, que se xogou en Silleda no mes de xuño. Imaxina quen gañou…

post

Iván debuta

Como manda a tradición, rematamos o curso cunha cea. Saboreados os postres e xa en plena tertulia, aproveitou Iván para ir pola cámara e recoller unhas imaxes.

post

Micromovie

A primeira vez que oín a palabra micromovie foi nunha conversa con Suso e cuns mozotes un pouco despistados. Seguín o rastro, entrei na web do concurso Curtas na Rede e lin que unha micromovie debe aterse a estas características:

-A micromovie terá unha duración máxima de 30 segundos. A temática é libre.

-A súa realización será exclusivamente mediante a cámara do teléfono móbil.

-Non poderá incluír ningún tipo de efecto de postprodución nin visual nin sonora.

Noutras palabras: vas a unha festa no pavillón da Bandeira (Silleda), localizas a uns baliraríns entusiastas, colles o móbil, daslle ao botón bermello e xa tes unha micromovie coma esta:

post

Valume, batume, esquilmo, estrume, molime…

Nós chamámoslle molime, pero a nosa lingua dá moito para elixir, como ben ves no título que escollín…
Este sábado fixo unha tarde xeitosa para ir ao monte e apañar o molime, un labor deses que van desaparecendo.

post

Grelos e vimbios

O primeiro domingo de 2009 deparounos unha tarde bastante xeitosa para estirar as pernas por Cachóns adiante. Boa ocasión para coller uns grelos e dar unha volta pola devesa mentras se conta un conto. Boa ocasión tamén para admirarse de cousas que xa non parecen desta época; tal é o caso, por exemplo, do cableado que leva a electricidade a unha aldea veciña e que, para que non arrastase pola chan, o foron enrollando nas árbores.

Se queres ver o vídeo da excursión, vai aquí.

post

Onde está o Mari Cris?

Para empezar, Mari Cris é, neste caso, o nome dunha motora recentemente adquirida por Suso, un amigo. Mari Cris -por certo, pronto deixará de chamarse así para ser rebautizado como Marpau, segundo teño entendido- vive en Portosín, e a Portosín pertencen as imaxes coas que se editou o vídeo que che ofrezo para felicitarche, coa túa venia, o ano novo.

Por certo, agradézolle publicamente a Suso terme posto en bandexa a posibilidade de utilizar por primeira vez o novo Adobe Premiere Pro CS4, a última versión do meu programa de edición de vídeo favorito (de entre os poucos que coñezo, aclaro). Moi recomendable.

Para ver o vídeo, aquí.

post

Léveme este unto!

Onte Falabarato estivo na Feira de Santos de Monterroso, evento ao que lle tiña gañas e ao que nunca tivera ocasión de asistir. E por alí vagaba, entre queixos, chourizos e cachuchas, cando apareceu Núñez Feijoo co seu séquito e uns reporteiros gráficos.

Se queres ver como xestiona o candidato popular estas situacións, vai aquí. Lembra activar a opción VER CON ALTA CALIDAD.

post

Elías, o home que tocaba o bombo

Noutro post anterior (como publico pouco, son bos de localizar) puxen un vídeo no que recollía imaxes gravadas entre Oscos e A Fonsagrada. Ese día traballei moito e xuntei unhas tres horas de filmación, repartidas entre a misa campestre, a procesión, o xantar, o baile, as varias actuacións do grupo folk Lume na Lareira…

Todo esto pasaba o 30 de agosto. Cando volvín ver ao amigo Cachafeiro -o xefe da delegación do Deza e Tabeirós que se deprazara ao evento-, recibín a nova de que un dos músicos morrera había xa uns días, ou sexa, pouco despois da visita ás terras norteñas. A verdade é que eu apenas coñecía a Elías, que así se chamaba, pero impactoume o feito de saber que aquel home que tocaba o bombo con enerxía a finais de agosto estaba enterrado a primeiros de setembro. Tan pronto como tiven tempo volvín repasar as cintas e rescatei unhas imaxes de Lume na Lareira no pobo de Santalla de Oscos. Eran as doce e media da mañá e estaban quentando motores para o que viría despois.

Para velo en YouTube, aquí.

post

A Saleta 2008

A semana pasada celebrouse en Siador (Silleda) a festa da Saleta, que ven sendo o nome da montaña na que se lle apareceu, alá polo século XIX, a Virxe María a uns pastores.

Póñoche un vídeo-resumo dos dous días nos que estiven alí coa cámara. Se tes paciencia, contra o remate da reportaxe poderás asistir á confirmación de que os milagres se siguen producindo nos tempos que corren, aínda que adaptados ás novas realidades. Cóntanolo, e non sen coña, o pulpeiro Plácido.

Ver vídeo en YouTube (recomendada a opción “Ver en alta calidade”)