post

juana piñeiro, 1847

Juana Piñeiro acaba de librar dunha boa! Vén de estar á morte, pero agora descansa tranquilamente no seu cuarto de arquitecturas imposibles. O pintor ofrécenos a imaxe serea da convalecente, paniño á cabeza e fazulas coloradotas, e a da súa valedora, a virxe Santa Eufemia. Virxe e mártir, para ser exactos.

Este cadro colga das paredes do santuario de Santa Eufemia, en Rivas (Oza). Leva alí toda a vida, apunta miña nai, nacida e criada tamén en Rivas, o mesmo lugar ao que pertenceu a nosa Juana Piñeiro.

[Hai un grupo de veciños e veciñas de Oza que se xuntaron para botar unha man no acondicionamento da capela e dos seus arredores. Entre eles está meu irmán, que trouxo para a casa este cadro coa intención de buscar un remedio que free o deterioro causado pola couza. En poucos días volverá Juana á capela de Santa Eufemia]

post

os clásicos do toxo

O día 7 de agosto participei por primeira vez nunha concentración de coches clásicos, que así é como se chaman os autos que teñen un mínimo de 25 anos e que están en perfectas condicións de uso e de presentación. A invitación chegoume, coma tantas outras veces, da man de Manolo Cachafeiro, e no seu SEAT 1430 do ano 72 fomos seguindo a ruta deseñada pola Escudería O Toxo, a entidade que se responsabilizou da organización do evento. Excelente organización, por certo.

Partimos de Lalín a iso das dez da mañá e desde alí fomos visitar o Pazo de Anzuxao, con refrixerio incluído, para poñer rumbo de inmediato ao circuito da Magdalena. A xornada rematou en Vilatuxe a golpe de churrasco e empanada.

Mari de Piloño andaba cerca de alí coa súa coral e achegouse a Vilatuxe tan pronto rematou o seu compromiso musical. O seu obxectivo: entrevistar a algúns dos representantes da Escudería O Toxo. Misión cumprida, Mari.

E tamén en Vimeo, coma case sempre [aquí]

post

na copa do castro

Chegamos á parroquia do Castro cando comezaba a devalar a tarde.

Baixamos primeiro ata a estación de tren que tanto lles impresionou a Dores, a Zeltia e a Juanjo cando viron a homenaxe que lle rendiu Iván.

[e eu ben sei da enorme capacidade que ten Iván para despertar e transmitir emocións …]

Despois fomos á Copa do Castro, que está a un pasiño da vella estación. Subimos amodiño, gozando do paseo, da temperatura, da luz que ía amortecendo, do encontro. Carguei ao lombo a miña vella Canon, que case non uso por culpa das súas dimensións e do engorro das cintas miniDV, e propúxenlle a Dores que buscase un asento cómodo e que nos lese algo. Coloquei a cámara enriba dun trípode que mercara na Coruña nunha fermosa tarde de hai xa uns anos. Calquei no REC. E Dores leu.

Tamén en Vimeo [aquí]

post

cordeliños de cores

e eu tamén estiven naquel mundo
no que [aínda]
a sachadora, a malladora, a folla de bacallau…
aínda rarear o millo, tornar a auga, o molime,
as cereixas con pan, os primeiros venres,
e aínda decruar, arrendar, alzar a nabiña, raer…

[e as palabras de suso dos campos:
miña nai xa dixo que nas súas leiras
non entrará a segadora mentres viva,
que esa máquina arruina a herba]

Os cordeliños de cores viñeron despois. Os cordeliños de cores usábanse para atar as pacas/alpacas de herba seca, pero a xente pronto descubriu mil xeitos de reciclalos. Meu pai colleulle gusto a trenzalos nas noites de inverno, e daqueles cordeliños ían nacendo cordas e adivais.

Hai unha semana estiven en Zobra, unha parroquia de Lalín encaixada entre montañas, e quedei enganchado, entre outras moitas cousas, aos cordeliños de cores.

[vimeo 26992047]

Tamén en YouTube [aquí]

post

paleiras 2011

Abro a Wikipedia o día de Santa Margarita de Antioquía e leo que Villamartín é un pobo de Santa Eulalia de Oscos [en eonaviego, Santalla d’Ozcos, engade a enciclopedia, sempre xenerosa].

Di moitas máis cousas a Wiki, pero do que no fala [aínda] é da romaría da Virxe das Paleiras. A última edición tivo lugar o sábado pasado, día do Carme. Fixen un documento máis amplo do que agardaba, que che ofrezo en YouTube e en Vimeo.

[vimeo 26660749]
post

santa cristina do viso

Había tempo que quería ir visitar a Lois no lugar onde repousa.

Tamén en Vimeo [aquí]

post

elas non son das que morren de pena

Hai cousa dunha semana que andivo o lume darredor das casas de Dornelas. Coutárono os veciños, apostados ao pé das eiras con sachos e tractores, ata que os equipos de extinción se fixeron cargo da situación. E agora, mentras vou dando un paseo con Zeltia polos vellos camiños ardidos, escoitamos con emoción os cantos dos paxaros. Queremos crer [e cremos] que son cantos para a esperanza.

Pola tarde, falo con miña nai do lume. En Oza temos unha longa tradición de incendios forestais. Lembra miña nai o monte de Mirón, que tantas veces ardeu sendo eu pequeno, mentres vai botando nun caldeiro as xudías que cocerá para a cea.

Este vídeo está feito con imaxes de Dornelas e da horta de Cachóns. O monte de Zeltia, a horta de Esther e de Pedro.

[vimeo 26258903]
post

loxística

Decidín mercar un complemento para a videocámara nunha tenda virtual. Fixen a xestión onte pola mañá na web do vendedor e remitíronme un correo-e coa factura e cunha referencia para facer o seguimento do envío. Pinchei nela e fun dar á páxina da empresa de transporte UPS, e alí asistín á crónica dunha viaxe trepidante.

Como podes ver no pantallazo, o produto foi recollido onte pola tarde en Chilly-Mazarin, en Francia. Desde alí viaxou ata o aeroporto de Roissy (París). De París mandárono a Colonia, onde ten UPS un gran centro loxístico. Na madrugada de hoxe xa chegara ao aeroporto Sa Carneiro (Maia, Porto), e de Porto levárono a Pontevedra. A excursión rematou coa entrega en Silleda antes de xantar.

Todo iso sucedeu en menos de 24 horas.

post

20 ha cinsa

Ardeu Dornelas: vinte hectáreas convertidas en borralla. Non teño máis palabras.

post

[36579] dornelas

Pasou un ano desde a reconciliación, e ben que se percibe esa nova enerxía na vitalidade que foi collendo o xardín. Parabéns.

post

fundido en negro

fíxolle deus mil favores :: si, ho, a el e aos da casa, que moitos traballiños levan pasado… :: e inda bo foi que mantivo o sentidiño ata o remate :: si, meu pobre, pero mellor lle sería telo perdido :: tamén é verdade, que debe ser moi triste verse así e non se poder valer…

En cambio, ás veces a morte actúa dun xeito máis simple, máis rápido, máis monstroso. Imaxino esa morte coma un fundido en negro, di Z. Un desvanecemento sen volta atrás. Un apagón.

Hai menos de 24 horas atopámonos nun bar de Silleda. Un saúdo e unhas poucas palabriñas, coma sempre. Hoxe, no tanatorio.

Bo descanso, César.

post

man con man

Cheguei alí coas mans nos petos. Con isto estou dicindo que non levaba cámara e que non tiña ningunha intención de gravar o recital. En realidade, creo que o que eu quería era ocupar un recunchiño, o meu recunchiño, e deixarme estar nel coma nun berce.

Sucedía que as poetas e a organización querían facer gravación do acto, pero non estaba claro se as cámaras que había por alí ían chegar para recollelo enteiro. Entón saín coma un foguete cara o coche e collín as cámaras e os trípodes e gravei o recital como mellor souben e puiden.

A sesión estendeuse bastante máis do previsto -ai, ese eterno problema!-, e notouse que na parte final xa había cansazo entre a xente. A este exceso contribuíu en grande medida o abondoso apoio audiovisual que utilizaron algunhas poetas, ata o extremo de chegar a convertirse, na miña opinión, nun obstáculo para o fluír da palabra e das emocións. Ademais, a tecnoloxía non estivo á altura: atascouse unha e outra vez e provocou constantes baixóns de ritmo. Un asunto para ter en conta noutras ocasións.

De todo o que vin e escoitei traio aquí unha regueifa entre Dores Tembrás e Olalla Cociña [elas xa aclaran que o que fixeron na súa intervención foi poñer a dialogar entre si as súas respectivas poéticas, pero eu estábaas vendo e pensaba que eran dúas regueifeiras moi ben levadas]

Tamén en Vimeo [aquí]

Off topic/ Un dos vídeos que se pasaron no recital titúlase Helena a escuras. Pareceume magnífico e púxeno no gúguel para saber máis. E cal é o primeiro resultado que san gúguel me ofrece para satisfacer a miña demanda? Nada máis nin nada menos que unha URL encabezada por este texto: Dónde tiene el Ford Focus el botón de apertura del capó? Boa pregunta.