Ao home metéuselle nos miolos mercar unha videocámara nova e fíxose cunha desas que almacenan en tarxeta SD. Vina e non me pareceu unha gran compra, a verdade, pero iso non fai ao caso.
El xa tiña unha cámara MiniDV -de cinta- e apalabroulla á muller que lle fai a limpeza. Nunca editara vídeo e non sabía que para volcar o contido da cinta ao ordenador é preciso habilitar unha conexión firewire e dispor do cable correspondente. Como é home decidido, foi a unha tenda e adquiriu un cable firewire. É aí cando entro eu na xogada:
-Tráioche este cable porque non sei onde se mete.
-Vale… Este é un cable 1394 e enchúfase nesta ranura da cámara.
-O que pasa é que o ordenador non ten un sitio onde metelo.
-Xa… Pois iso vai significar gastar uns cartiños e mercar unha peza.
-Non, ho! O cable xa me valeu 17 euros!
-Barato non foi! Así, entre unhas cousas e outras, vaise encarecer moito o prezo da cámara…
-Bueno, o cable non pensaba cobrarllo.
-E logo?
-Quedei con ela en cambiarllo por un saco de patacas, para cando as apañe.






Falaron