post

fe de vida

un día nos veremos / al otro lado de la sombra del sueño

(josé ángel valente)

un día calquera, pode que un día no que te aburras coma unha ostra, pode que un día no que sintas que a soedade te esmaga, ou a dor, ou unha resaca do quince, ou…

o caso é que un día calquera -ese día calquera- ha acontecer que alguén que anda a remexer entre os seus papeis [ou entre unhas potas na alacena] atopará por azar un pelo inequivocamente teu.

post

vocación

O veterano profesor de filosofía móvese con bastante máis soltura da que pode esperarse de quen camiña coa axuda de dous bastóns. É un gran orador, deses que se manexan ben en calquera rexistro, e cando fala move os bastóns coma se fosen aspas.

…   …   …   …   …   …

Chegou a hora do descanso e os asistentes vanse achegando ás mesas redondas repletas de xerras de café e de boliños. Falan, beben, comen, rin. Mesmo hai quen se atreve a botarlle un pitilliño. O profesor de filosofía está no centro da escea, coma de costume, cando lle formulan a pregunta do millón:

-¿Por qué te hiciste filósofo? Supongo que tenías vocación desde pequeño, ¿no?

[O profesor sempre atopa resposta para todo]

-Verás, eu de pequeno quería estudar ciencias. De feito, tiña intención de matricularme no bacharelato de ciencias. Cando cheguei ao instituto vin que había dúas filas, a de letras e a de ciencias, e coloqueime na de ciencias agardando a miña vez. Alí estaba eu, cos meus bastóns e a miña carpeta chea de papeis, cando vin vir cara min un conserxe, un daqueles conserxes autoritarios que había antes. O home encaroume e preguntoume que facía eu na  fila de ciencias. Nin me deixou falar. Empezou a gritarme que unha persoa coa miña minusvalía non podía entrar nun laboratorio, que á primeira que collese un mecheiro Bunsen prendíalle lume a todo e armaba a de deus. “Póñaseme na fila de letras, home!”, remachou de moi malos modos. Eu era un rapaz e aqueles eran outros tempos, así que fixen caso e matriculeime de letras. Dese xeito naceu a miña vocación de adicarme á filosofía.

post

O retratista de Cachóns

Resulta que en Cachóns viviu e traballou un fotógrafo dos de antes, un retratista, e eu non o sabía. Sabíao H, habitual comentarista deste blogue, e mandoume un aviso. Recoñezo que dubidei da veracidade da información, porque nunca tal cousa oíra na miña aldea, pero pregunteille a meu pai, que ma confirmou. El era moi neno nos tempos do señor Ramón, o retratista, pero remitiume a Evangelina, que vivía nunha casa moi próxima á que ocupaban o señor Ramón e a muller.

Falei con Uxío, o meu irmán, e interesouse tamén por esa novidade. Conversou con Evangelina e xa puxo data para ir alí coas cámaras: o 15 de agosto  a iso da unha do mediodía, que é á hora á que Evangelina e a súa filla Isabel regresan da feira de Padrón. Evangelina atendeunos de marabilla e fixo o esforzo de retroceder setenta anos para contarnos todo o que lembra do retratista, que non é pouco.

Queda pendente para outra vez facer indagacións sobre o que se conserva da súa obra. É posible que ese traballo xa fose feito por alguén, pero non nos consta. Tampouco temos a man fotos da casa do retratista que amosen a súa apariencia de entón. A vivenda foi remodelada varias veces e costa facerse unha idea do aspecto que podía ter na década dos anos trinta ou corenta do pasado século. En fin, son tarefas que pode que algún día acometamos.

PS1/ Este vídeo, ao igual que varios dos últimos que publiquei, permiten un visionado en alta calidade (720p ou mesmo 1080p). Pódense activar estas opcións na consola de reprodución de YouTube.

PS2/ E que dicir do tema ADSL? Cando poderemos acceder a internet sen ter que colgar o pincho de Vodafone na cana de pescar para coller un pouco de cobertura?

post

(Re)encontro

-Sorprendeume moito -pero moito- que aínda te acordases de min!

-Sempre estiven pertiño de ti, sempre buscando “o modo de te acompañar sen estorbo”.

-Sabes o que me vén moitas veces á cabeza? Aquela blusa branca de infinitos botóns que levabas ás festas.

-Esa é unha lembranza tan tenra, tanto, que ata fai que me ruborice.


post

Non era tan negra…

Estaba tan obsesionado co asunto que non daba falado doutra cousa cada vez que ía botar a partida. Os compañeiros de mesa sabíano e picábano para  que contase outra vez como un dos seus fillos se liou cunha moza cubana nunha viaxe de pracer. O home non podía explicarse como o seu fillo deixara a rapaza de toda a vida para embarcarse nesa relación.

-Sabedes que é o peor? Que é negra coma o café.

O tempo foi facendo o seu labor e o fillo casou coa rapaza cubana. O pai seguía indo xogar a partida ao bar de sempre, pero os compañeiros xa non o oían queixarse da desgraza familiar. Nada diso, agora falaba  das cousas que facía o netiño e referíase á moza cubana polo seu nome de pila. O cambio foi de tal magnitude que ata mudou a súa percepción da cor da pel.

-A verdade é que non vos é tan negra como eu dicía…

post

Un molete grandón

O meu avó paterno morreu cando eu tiña trece anos. Durante a súa agonía recibiu a visita de don Manuel, o cura da parroquia. O señor Pedro, que así é como lle chamaban daquela ao meu avó, estaba moi maliño e case non podía falar, pero sacou forza de non se sabe onde para contarlle ao cura unha anécdota local moi ben traída. Miña nai revive ese momento no vídeo que poño hoxe.

post

Des-Memoria

Hai uns meses pasei polo tanatorio de Silleda para acompañar a C., que estaba velando a súa nai. Había pouca xente a aquela hora e tivemos ocasión de conversar tranquilamente un anaquiño. Contoume C. que o falecemento de súa nai, xa moi maior, aconteceu despois dun breve período de enfermidade. “Miña nai morreu de vella”, resumiu con absoluta precisión.

Relatoume C. unha anécdota da defunta que me fixo cavilar moito. A señora estivo hospitalizada unha breve tempada pouco antes de morrer, e foi nese momento cando experimentou unha extraña transformación. Ela, que sempre falara unicamente galego, empezou a falar exclusivamente en castelán, e así continuou ata o día da súa morte. A familia asistía divertida a esa mudanza e ás veces preguntábanlle polas razóns do cambio. Ela contestáballes que se equivocaban, que toda a vida falara castelán. E punto. Nunca máis se moveu de aí.

post

Modesto

Modesto López Currás é un veciño da parroquia de Goiás, en Lalín. Souben del cando Xoán Carlos, un compañeiro meu, me pasou unha cinta de vídeo na que ese home falaba con moito xeito sobre o divino e o humano. Quedei prendado da súa elocuencia e ata subín á rede un fragmento exquisito.

Estes días volvín ter noticias de Modesto, que aos seus oitenta e seis anos continúa en plena forma. No vídeo poderás velo percorrendo a súa parroquia hai cousa dunha semana. Un espléndido guía, sen dúbida.

post

Elías, o home que tocaba o bombo

Noutro post anterior (como publico pouco, son bos de localizar) puxen un vídeo no que recollía imaxes gravadas entre Oscos e A Fonsagrada. Ese día traballei moito e xuntei unhas tres horas de filmación, repartidas entre a misa campestre, a procesión, o xantar, o baile, as varias actuacións do grupo folk Lume na Lareira…

Todo esto pasaba o 30 de agosto. Cando volvín ver ao amigo Cachafeiro -o xefe da delegación do Deza e Tabeirós que se deprazara ao evento-, recibín a nova de que un dos músicos morrera había xa uns días, ou sexa, pouco despois da visita ás terras norteñas. A verdade é que eu apenas coñecía a Elías, que así se chamaba, pero impactoume o feito de saber que aquel home que tocaba o bombo con enerxía a finais de agosto estaba enterrado a primeiros de setembro. Tan pronto como tiven tempo volvín repasar as cintas e rescatei unhas imaxes de Lume na Lareira no pobo de Santalla de Oscos. Eran as doce e media da mañá e estaban quentando motores para o que viría despois.

Para velo en YouTube, aquí.