-Ao meu rapaz nunca nunca lle levou moita idea iso da preparación para a confirmación, pero o último día veu todo cabreado porque o cura seica lles dixo que os gais eran persoas enfermas…
O que me contou esta nai trasladoume a aqueles tempos nos que eu tamén asistía á catequese. Choveu moito desde aquela, choveu a mares, pero aínda me quedan algunhas lembranzas que resistiron intactas o paso dos anos. Vou rescatar unha delas.
A xestión da catequese era cousa do cura da parroquia, pero en ocasións víñannola dar uns frades moi autoritarios que levaban un enorme escapulario colgado do peito. Situaban os mozos a un lado, as mozas ao outro e impoñían un réxime disciplinario moi severo. A súa prédica tiña sempre un tono ultraconservador que non admitía réplica.
Non esquecerei un día no que se ocuparon da teoría da evolución. Empezaron a sinalarnos co dedo e a preguntarnos a cada un de nós ¿Tú madre es una mona? ou ¿Tu padre es un mono?. Nós iamos dicindo que non, claro, pois non estaba o forno para bolos. Ao rematar a rolda de preguntas, o frade expuxo a súa brillante conclusión: ¡Ya veis que eso de que venimos del mono es una gran mentira que debemos combatir!. E asunto rematado: pura lóxica aplicada.








Falaron