post

despois de xantar

Onte probei por primeira vez as prestacións dunha cámara fotográfica réflex en modo vídeo.

Foi despois de xantar. Día soleado, temperatura agradable, unha horiña libre por diante: a ocasión propicia para coller a cámara e obter información de primeira man das posibilidades que ese trebello lle pode ofrecer a calquera persoa aficionada á imaxe en movemento. A cámara é unha Canon EOS 60D, que ofrece uns moi respectables 18 Mpx en modo foto e calidade Full-HD (1920 x 1080 píxeles) en vídeo.

A gravación que ofrezo está feita con imaxes recollidas onte en Cachóns e Silleda nas horas propias da sobremesa e da sesta. Sería por iso que escollín unha nana como complemento musical?

Nota: poñelo en HD, aínda que haxa que deixalo cargar para velo sen cortes!

En Vimeo:

[vimeo 23301578]

En YouTube:

post

silleda opina: a escura trama

Haberá alguén que aínda non oíse falar de toda a polémica que se desatou despois do recente Madrid-Barça da Champions? Moi difícil me parece, porque estes días semella non haber outro tema de palique nas teles, na prensa escrita, nas radios, nas barras dos bares, nas paradas de bus, nos recreos das escolas [e tamén nas clases, claro], nas comidas familiares, nos fogares de xubilados, nos xulgados de paz, nas salas de espera dos dentistas e, nunha palabra, en todo canto sitio hai.

O reporteiro Iván decidiu aproveitar a ocasión e botar a andar coa súa cámara polas rúas de Silleda. O obxectivo, naturalmente, era pulsar a opinión que a xente tiña do acontecido no partido, especialmente no que se refire ao que Zeltia denominou a escura trama que, segundo Mourinho, tecen os árbitros arredor del.

post

aínda non murcharon as mimosas

Unha persoa a quen admiro agasalloume hai pouco cunhas palabriñas manuscritas e cunha mimosa infectada de beleza.

Na carta cóntame que segue con emoción os vídeos nos que aparece o noso amigo Iván e que se sinte partícipe dos seus éxitos ao volante. É estrano o perto que podemos sentirnos dalgunhas persoas sen coñecelas, di, e concordo.

A Iván fíxolle moita graza a mimosa plastificada. Despois deille a ler a parte da carta que fala del e puxo esa cara de felicidade de cando se sinte recoñecido.

Quedamos en facer un vídeo de agradecemento. Eu quería que no vídeo houbese moitas mimosas, pero xa as daba por perdidas: en Cachóns xa desapareceran. Eu sei onde as hai, dixo Iván. Levou a cámara e gravou toda a tarde. Ao outro día volveuna coller para tomar imaxes das cegoñas que aniñaron en Silleda.

E aquí está o resultado. Utilizamos a base musical e visual dun anaco de Calle 54, o filme que asinou Fernando Trueba no 2000. Se queres ver o vídeo orixinal, preme aquí.

post

iván perde o L

Hai un ano que Iván aprobou os exames do carné de conducir [aquí].

-Como queres celebralo, Iván?

-Gustaríame que me fixeses un vídeo o día que quite o “L”.

-Iso está feito!

PS/ Agora Iván xa está capacitado para conducir en sitios coma este.

post

o que os vellos non deben facer

Os vellos non deben de namorarse é o título da única obra de teatro que escribiu Castelao. Vou a interné e entérome de que esta peza se estreou en Bos Aires hai setenta anos, e ese é tempo máis que suficiente para que calquera artefacto cultural quede relegado á condición de reliquia.

Pois de reliquia, nada, a teor do que me chegou onte durante a representación que ofreceron unhas mozas e mozos de Silleda. Cónstame que non tiveran ocasión de ensaiar moito, e iso sempre pesa no resultado final, pero conquistáronme coa desinhibición e a alegría desbordante que despregaron durante toda a actuación. O público, formado tamén por xente noviña, contaxiouse dese bo rollo e subliñou con gargalladas os momentos cómicos da obra.

Fixemos tamén unha versión en formato videoghit para os amigos de EtiColmeiro. Para vela, preme aquí.

post

casillas

-A ver, se este PDF pesa 800 kas, cantos libros caberían na tarxeta microSD que mercou Antonio?

tic tac tic tac tic tac tic tac tic tac tic tac

Miran con incredulidade: 10.000 libros nunha cousiña de nada que ten un tamaño equivalente ao dunha unlla?!  Mi madriña!

[Para min é un gozo ver as caras de asombro da xente maior, desas persoas que naceron antes de que nas súas casas houbese luz eléctrica e que agora comparten conmigo a aventura de familiarizarse coa tecnoloxía que dominan os seus netos. Recibo coma un privilexio a compaña deses homes e desas mulleres que manteñen intacta a ilusión por aprender e por experimentar cousas novas. Esas persoas chámanse Benigno, Teresa, Luis, Manuel, José ou Antonio, un entrañable xubilado que acaba de mercar un libro electrónico con máis de mil títulos xa incorporados. A vista está xa algo gastada e os dedos non son tan áxiles coma noutro tempo, pero cada pequeno avance que fai Antonio no manexo dese chirimbolo vai decapando do seu rostro os sinais que foi escribindo o paso do tempo. É entón cando emerxe, radiante, a cariña do neno que leva dentro.]

Mentres estamos afanados botando contas de megas e de gigas, Antonio mírame con esa expresión inxenua tan súa e di:

-Onte soñei que morría Iker Casillas. Como chegaría a min ese soño?

post

arancini

A semana pasada presenteivos a Vincenzo, un mozo siciliano que decidiu vir estudar a Silleda un ciclo medio de formación profesional. Hoxe volve Vincenzo para preparar uns saborosísimos [e contundentes] arancini na cociña do Restaurante Devesa, en Graba (Silleda).

Vémolo en Vimeo [aproveitando que somos usuarios PLUS dese portal]

Este vídeo tamén se pode ver no YouTube [ver aquí]

PS/ Oín por aí que Zeltia [a blogueira que perdeu parte do xuízo por obra dunhas tenazas] fixo fotos duns boliños ben xeitosos e non pouco literarios. Se por un azar ve isto, dona Zeltia, faga o favor de ilustrarnos ao respecto.
post

un siciliano en silleda

Chámase Vincenzo, é siciliano e leva tres meses en Silleda estudando un ciclo medio de formación profesional. Xa lle vale, non si?

Eliseu fichouno para preparar uns arancini, evento do que daremos cumprida información gráfica dentro duns días, pero este cociñeiro trotamundos, extrovertido, hiperactivo e fuguillas dá para moito máis…

post

neve para andrea

adico o post de hoxe e a nevarada de onte a andrea, amiga e compañeira, compañeira e amiga

post

os nosos nomes

Un día, alá nos tempos de maricastaña, decidín dar o paso de galeguizar oficialmente o meu nome. Nunca esquecerei a severidade da funcionaria que me atendeu. Botoume unha boa berra e acusoume de deslealdade cara os meus pais, pobriños eles. É certo que saín daquela oficina co papeleo resolto, si, pero tamén o é que levaba conmigo a sensación de ser un neno que se portou mal. Canto me reñera a seño!

Hai algunhas anécdotas que me divirte moito lembrar e que non tería vivido como José. Por exemplo, cando me preguntan se son profesor de galego. Ou cando me teñen dito -máis dunha vez- Tú eres del Bloque, ¿no? Logo está a dificultade de moita xente para dicir Xosé, de maneira que me acabo convertindo en Xoxé ou en Pepe. E nestes dous últimos anos, que trato algo con empresas de Madrid, algunha vez se teñen dirixido a min como Josep. Anécdotas que levo con humor, pero anécdotas que din moito.

Todas estas cousas me viñeron á cabeza o pasado 25 de novembro, cando asistín en Silleda a un acto que xiraba arredor da cuestión da galeguización dos nomes. Foron corenta minutos que me despertaron a emoción, o orgullo e a esperanza.

post

25N

25N, día contra a violencia de xénero.

Os amigos e amigas de EtiColmeiro fixeron un vídeo que non esquecerei [aquí].

Os meus parabéns por dar no cravo unha vez máis.

post

100

Con este xa van cen. Cen artigos, un detrás do outro.

Claro que cho dedico a ti. Tamén a ti, e a ti… Si, a ti, claro, a ti tamén. Mesmo a ti, que non pasas por aquí pero que tés o teu oquiño reservado [Se os días son de cera, por que non ía selo o meu coração?].

Hoxe tamén é o día no que festexamos que A Contramuleta pon unha veliña máis na tarta. A ocasión perfecta -pensei- para facerlle un outing en condicións a este habitual axitador do Falabarato. Fágase, pois, a luz.

Antes da Contramuleta foi A Muleta. A Muleta de Cachóns, se queremos ser precisos. Todo empezou no Akinator, unha web na que che len o pensamento, como declarou Iván nun vídeo. Pois resulta, queridas nenas e nenos, que o Akinator recolle na súa base de datos a figura dun toureiro que tén por sobrenome A Muleta de Cachóns. Pode que o recoñezades pola foto que aparece na propia web, que foi tomada nun bar de Lestedo, por certo.

Ao pouco de saberse da existencia da Muleta de Cachóns apareceu en escea a figura da Contramuleta, que desde entón se prodiga neste blogue con comentarios non sempre politicamente correctos, pero si edificantes.

E por que se chama A Contramuleta? Por servir de puro contrapunto á Muleta? Por suposto que non. A explicación hai que buscala en Silleda, nunha casa de comidas na que A Muleta e A Contramuleta dan conta dunhas modestas viandas. Son os tempos da moción de censura e os ánimos andan quentes no pobo. A Muleta e A Contramuleta comen, beben e escoitan/encizañan a un home que brama contra os tránsfugas que propician a moción:

-O máximo culpable é Louzán [presidente da Deputación de Pontevedra], que é quen move todos os fíos e quen lle dá cancha aos contrafughas.

Aquel sonoro contrafughas non quedou no esquecemento, non, e del botou man A Contramuleta para construír o seu heterónimo.