[Grazas pola achega, Merchiña]
[Vídeos de produción propia e historias máis ben mínimas]


-Ao meu rapaz nunca nunca lle levou moita idea iso da preparación para a confirmación, pero o último día veu todo cabreado porque o cura seica lles dixo que os gais eran persoas enfermas…
O que me contou esta nai trasladoume a aqueles tempos nos que eu tamén asistía á catequese. Choveu moito desde aquela, choveu a mares, pero aínda me quedan algunhas lembranzas que resistiron intactas o paso dos anos. Vou rescatar unha delas.
A xestión da catequese era cousa do cura da parroquia, pero en ocasións víñannola dar uns frades moi autoritarios que levaban un enorme escapulario colgado do peito. Situaban os mozos a un lado, as mozas ao outro e impoñían un réxime disciplinario moi severo. A súa prédica tiña sempre un tono ultraconservador que non admitía réplica.
Non esquecerei un día no que se ocuparon da teoría da evolución. Empezaron a sinalarnos co dedo e a preguntarnos a cada un de nós ¿Tú madre es una mona? ou ¿Tu padre es un mono?. Nós iamos dicindo que non, claro, pois non estaba o forno para bolos. Ao rematar a rolda de preguntas, o frade expuxo a súa brillante conclusión: ¡Ya veis que eso de que venimos del mono es una gran mentira que debemos combatir!. E asunto rematado: pura lóxica aplicada.

Hai un ano que Iván aprobou os exames do carné de conducir [aquí].
-Como queres celebralo, Iván?
-Gustaríame que me fixeses un vídeo o día que quite o “L”.
-Iso está feito!

Os vellos non deben de namorarse é o título da única obra de teatro que escribiu Castelao. Vou a interné e entérome de que esta peza se estreou en Bos Aires hai setenta anos, e ese é tempo máis que suficiente para que calquera artefacto cultural quede relegado á condición de reliquia.
Pois de reliquia, nada, a teor do que me chegou onte durante a representación que ofreceron unhas mozas e mozos de Silleda. Cónstame que non tiveran ocasión de ensaiar moito, e iso sempre pesa no resultado final, pero conquistáronme coa desinhibición e a alegría desbordante que despregaron durante toda a actuación. O público, formado tamén por xente noviña, contaxiouse dese bo rollo e subliñou con gargalladas os momentos cómicos da obra.

Houbo quen vaticinou que a chegada de Feijoo á presidencia da Xunta poría fin a unha suposta situación de crispación lingüística.
Podería ter sido dese xeito, por suposto, pero aconteceu máis ben ao revés, ata o punto de que o debate lingüístico está a invadir ámbitos nos que antes sería impensable que se manifestase: o programa Gran Hermano, sen ir máis lonxe [ver para crer].
Chamémoslle debate, chamémoslle conflito, chamémoslle questione della lingua… Chamémoslle como lle chamemos, este asunto é un foco de tensións que non todo mundo dá soportado, ata o extremo de que hai quen opta por declararse formalmente apátrida, como fai este señor que chama a unha emisora de radio:

Atranque de Daniel [Oza, xaneiro de 2008]
Xa era case de noite no Piro, o escenario escollido para a gran batalla verbal entre Daniel e Anselmo. O tempo botábase enriba e meu irmán colleume por banda e foime abrindo paso entre a xente ata levarme á beiriña dos regueifeiros. Alí estaba Daniel, en efecto, pero faltaba Anselmo, que a última hora tivo que ser substituído -e con moita soltura, por certo- por Vilariño. Armei a cámara e collín algúns planos. Vilariño indicoume que me centrase en Daniel, que era o verdadeiro protagonista do atranque, e así o fixen durante os case nove minutos de gravación.

-A ver, se este PDF pesa 800 kas, cantos libros caberían na tarxeta microSD que mercou Antonio?
tic tac tic tac tic tac tic tac tic tac tic tac
Miran con incredulidade: 10.000 libros nunha cousiña de nada que ten un tamaño equivalente ao dunha unlla?! Mi madriña!
Mentres estamos afanados botando contas de megas e de gigas, Antonio mírame con esa expresión inxenua tan súa e di:
-Onte soñei que morría Iker Casillas. Como chegaría a min ese soño?

Pedinlle a Aura que me lese algúns fragmentos da Conversa Ultramarina, o diario que escribiu Lois Pereiro na primavera do ano 1995.
Xuntei a lectura de Aura coa música de Nusrat Fateh Ali Khan [Pereiro refírese a el nos diarios] e cunhas imaxes do mar que gravei o sábado pasado mentres respiraba, por fin, un aire limpo.

Recibín un agasallo en forma de fermosa dedicatoria
[Grazas, Z, claro que me tería gustado estar alí!]
E vai Z e tira de telefonino para recoller un anaquiño da intervención de Xosé Manuel Pereiro, o irmán de Lois [Eu son a viúva, di de si mesmo o home que máis prólogos escribe no país]

Veño de revisar unha referencia xornalística de todos os materiais que están saíndo sobre Lois Pereiro, e comprobei que xa está rematado o documental que leva por título Contra a morte, de Alexandre Cancelo e Iago Martínez. Faláronme ben del e agardo poder velo pronto.
Contra a morte o amor que vai comigo é un dos poemas de Lois que máis me impactan [e impáctanme case todos, a verdade]. Aproveitando ese texto e outros tres quixen deixar, tamén, a miña homenaxe. A música que serve de fondo á lectura é de Gustavo Santaolalla.

Sábado pola mañá. Un señor traxeado e encorbatado le con desgana o seu discurso. Ninguén lle fai moito caso, a verdade, e el sábeo: leva ben o seu papel de teloneiro do Secretario da Real Academia Galega. O seu monótono fungar vai transitando polos lugares comúns do recoñecemento dos méritos alleos, dos agradecementos sen fin e, como non, da falsa modestia. Pasan lentos os minutos ata que, xusto ás doce e vinte, o insulso orador levanta por un instante a vista dos folios para citar a Michel Foucault. A cita é un puro pegote, un artificio totalmente fóra de lugar, pero logra captar a miña atención e mantela viva coa esperanza malévola de atopar algunha outra perla.
Pola tarde, e logo dun máis ca agradable xantar, o corpo pide recollemento. Róndanme pola cabesiña os episodios de dor que ultimamente lles afectan a algunhas persoas que amo: as decepcións, a mágoa polo tempo dilapidado, as batallas que xa se dan por perdidas, a amargura, a enfermidade…
O labirinto da memoria cuspe unha cita. Tamén unha cita, outra vez unha cita, pero esta non é de Foucault:
É a orde das cousas: todos probamos o mel; despois vén o coitelo.
Miro no gúguel para asegurarme de quen era: pois si, de Bukowski.

Lois Pereiro na voz de Lois Pereiro.
[Pub Moka, A Coruña, febreiro de 1996]
PS/ Se queres gardar este arquivo, ou calquera outra cousa que soe no teu ordenador, podes probar as virtudes do programa Audacity. Aquí vai un titorial sinxelo. Pero, neste caso, a descarga deste audio é ben doada: de momento está dispoñible en Megaupload [ligazón].


Tes unha conta de WordPress.com? Inicia sesión agora.
Falaron