post

fúcheste un día

Levo unha tempada na que as miñas [escasas] publicacións teñen como protagonista a Coral Polifónica de Piloño (Vila de Cruces). Esta colaboración naceu un pouco da casualidade, coma tantas cousas: eles coñecíanme, querían gravar algunhas das súas actuacións, eu estaba dispoñible…

O pasado 28 de decembro gravei en Piloño un Concerto de Nadal no que actuaban catro corais, entre elas a anfitriona, que aproveitou a ocasión para facer a estrea mundial dunha habanera titulada Fúcheste un día. Antes de que soase a habanera falou Pablo Viz, o autor da letra, quen loou o labor que realizan as corais populares en canto axentes de dinamización sociocultural das parroquias e das comarcas nas que desenvolven a súa actividade. É unha riqueza impagable a cuxa dimensión son incapaz de porlle medida, engadiu Pablo léndonos o pensamento a todas as persoas que abarrotabamos o recinto.

Agora déixoche un vídeo coa presentación de Pablo e a interpretación da habanera.

 

Se queres un resumo máis amplo do recital podes velo en YouTube [aquí] ou en Vimeo [aquí]

post

se fores ao Alentejo

Viaxas rodeado de xente acatarrada e afónica e pensas que alguén terá que obrar un milagre para que dean cantado. E van e cantan coma se nada. Bravo!

 

 

Tamén en Youtube aquí.

post

Coral Polifónica de Piloño [Cruces Arte 2013]

Auditorio Xosé Casal (Vila de Cruces), 30 de novembro de 2013.

 

Tamén en YouTube [aquí]

post

desenfoques

Remata agosto e xa se notan cambios en Cachóns.  Hai novas cores e a luz parece máis amable.

As imaxes que hoxe ofrezo están gravadas cunha EOS 60D, unha cámara de fotos que tamén ofrece a posibilidade de facer vídeo. Non ten enfoque automático, o que en condicións normais é un atranco para gravar con ela. A cambio, ofrece a posibilidade de xogar cos desenfoques…

Tamén en YouTube: aquí.

post

en piloño cantan por habaneras

A Coral Polifónica de Piloño viaxou o 10 de agosto a Pontedeume para participar no X Festival de Habaneras. O certame estaba programado para finais de xullo, pero foi aprazado en sinal de loito pola traxedia ferroviaria de Angrois.

Convidáronme a ir coa cámara e aceptei encantado. Gústame estar con xente que fai as cousas polo pracer de facelas.

 

Tamén en YouTube [aquí]

post

estalotes

Para todo fai falla ter maña. Eu non a tiña de neno para estoupar os estalotes e creo que non a tería nunca para facer unha tarabela con xeito…

Pode lerse no Dicionario da Real Academia Galega que unha tarabela (nós chamámoslle tabenla) é un trebello para espantar os paxaros, xeralmente con aspas que baten contra un obxecto metálico, e fan ruído ao seren movidas polo vento.

Tamén en YouTube [aquí]

post

alcatraz

O día 24 de maio tivo lugar en Silleda a gala de entrega de premios da terceira edición do Videoghit, un certame que organiza a xente do IES Pintor Colmeiro e que fomos seguindo na web eticolmeiro.com.

As nominacións e os premios estiveron bastante repartidos, pero houbo un traballo que causou sensación. Aquí o tes.

 

Para os e as moi fans deixo este resumo da gala

post

ligar sen WhatsApp

Un vídeo dirixido por Iván, que exerce tamén de entrevistador.

 

Tamén en YouTube [aquí]

post

por aquí pasa un río…

o río que flúe e o tempo que foxe… [pode que a máis vella de todas as metáforas]

 

Tamén en YouTube [aquí]

post

a caída da folla

Un veciño meu pasou uns días sen saír da casa. Botárono de menos na panadería e deron a voz de alarma. A policía acabou entrando no galpón no que vivía e precintouno cunha cinta de plástico despois de comprobar que estaba morto.

Diante da súa porta hai unhas flores e unha foto del que está chea de dedicatorias. O plástico co que se precintou a casa leva escritas estas palabras: POLICÍA. NO APARCAR.

 

Este vídeo pódese ver en YouTube pinchando aquí.

 

post

cianuro e ouro en corcoesto

Resulta que hai ouro en Corcoesto, no concello de Cabana de Bergantiños. E resulta que, por fortuna, tamén hai unha empresa disposta a extraelo. E resulta que esa empresa, mira ti, vai crear centos de postos de traballo para a xente da zona. Diríase, a teor disto, que a providencia divina fixo xustiza con esas sufridas e humildes xentes da Costa da Morte [véxase, por exemplo, este artigo de El Correo Gallego] nunha enésima reedición do conto da leiteira. Pastillita y a dormir!

Onte estiven nun acto do que seguramente non falarán os xornais. Un acto tan subversivo que a algunha persoa das que asistiron lle acarreará probablemente consecuencias desfavorables. Un acto ao que sabemos que non acudiu moita xente por medo a ser etiquetada de rebelde, díscola ou desafecta [e iso non mola]. E quizás mellor lles foi quedaren na casiña facendo os seus labores ou dando un paseo arredor das interminables fincas de millo forraxeiro, porque se, desafiando a finísima tea de araña caciquil, tivesen feito acto de presenza na Casa dos Veciños do Couto habían quedar tan noqueados coma min, ou máis, ao ir vendo en pantalla os datos que a propia empresa adxudicataria da extracción do ouro comunica no seu plan de explotación. Recoméndovos encarecidamente que, se tedes un minutiño dispoñible, vos acheguedes a esta ligazón e vexades a presentación completa. Aí vos enteraredes, por exemplo, de que para extraer o ouro de Corcoesto será necesario utilizar diariamente case tonelada e media de cianuro, cantidade suficiente para envelenar 2’7 veces a poboación galega!

Non sei a vós que vos parecerá, pero creo que este conto da leiteira tamén ten algo de truco… e demasiado cianuro!

post

o 68

Na sobremesa acabamos falando do feísmo. Soe dicirse que as comparacións son odiosas, e ata pode que sexa certo, pero ningún dos presentes era quen de evitar ceder á tentación de cotexar o que nos salta á vista por estes pagos co que pode verse noutras zonas do norte peninsular. Lembrei a miña viaxe primaveral á zona rural de Euskadi, un exemplo de intervención urbanísitica harmónica e respectuosa co hábitat, e pregunteilles aos meus acompañantes polas razóns de tan clamorosa diferenza. Eles, que son ben máis racionais do que son eu para estas cousas, puxeron sobre a mesa algunhas explicacións ben fundamentadas en cuestións históricas e demográficas.

Onte fun dar un paseo pola parroquia de San Xián de Sales, limítrofe da miña, e fíxen a foto deste buzón. Que ninguén pense que este apaño leva alí uns días, porque xa pasou máis dun ano desde que o vin por primeira vez. Na finca hai unha casa de pedra en boas condicións, do que deduzo que esa obstinación en manter este buzón é a manifestación dunha vontade estética radical. A Atracción do Abismo, sentenciou Lois Pereiro.