post

lobishome

Non serei lobishome. Non serei vítima de lobishomes. Non serei un poli que persigue lobishomes. Non estarei na película: chego tarde ao casting.

E non tería estado mal ter ido á Casa da Cultura de Silleda ese 15 de xaneiro para saber que xente ía á selección, para indagar sobre as súas expectativas ou para curiosear de que xeito se mirarían entre eles…

Onte pola noite, mentres descargaba do móbil esta foto, lembraba que ese 15 de xaneiro fun por primeira vez á Cidade da Cultura, e foi co reclamo [ou co gallo, como di o admirado Luis Rrrrriallll] de asistir á primeira entrega do ciclo Ceo das Letras: conferencia de María do Cebreiro, dramatización de textos de Rosalía a cargo da compañía Casa Hamlet, con Manuel Lourenzo e Santiago Fernández, e viño con algo de picoteo antes de ir para a casiña coma un pepe.

O mellor? Os viños, faltaría máis… Púxenme nunha mesa coa miña copa e desde alí seguín o espectáculo: o conselleiro Varela, moi cool coa súa vestimenta cun puntiño casual, repartía, tamén copa en man, apertas e saúdos a velocidade de vértigo. Víase cómodo, aínda sabendo que naqueles poucos metros cadrados que compartiamos se concentraba un número non pequeno de persoas que pediran publica e reiteradamente a súa dimisión. Non parece, desde logo, un home tímido; máis ben encaixa no perfil dunha ex directora xeral de Educación que dicía de si mesma que era unha kamikaze comunicativa. Outro dos presentes, un intelectual chairego que si semella ser dos realmente tímidos, buscaba un viño e non se atrevía a pedilo. Nunha das mesas había un par de copas que tiñan toda a pinta de non ser de ninguén; mirou para elas, achegouse e case colleu unha, pero algo lle debeu pasar pola cabeza no momento decisivo que o levou a renunciar e a agardar a que algún dos camareiros fixese un voo rasante.

Antes de marchar funme despedir dun coñecido. Contoume que hai dúas situacións nas que ao conselleiro lle encanta que o pillen: tocando o piano e falando en alemán. Grande este Varela!

O sábado 29 volvo. Ese día a cousa xira arredor de Manuel Antonio, un auténtico miura.

post

os precursores

Corría o ano 2001 e eu acababa de instalar a ADSL. Apenas pasara un mes diso cando me chegou ao correo un vídeo que me deixou apampado. Era un traballo do grupo de teatro Berrobambán que se titulaba Eu coma Bugui, e disque foi o primeiro vídeo galego en descargarse de internet, e que en tan só nun mes acadou máis de mil descargas.

O asunto do que trataba o vídeo era tan vello como o mundo: a loita polo poder. Os protagonistas desta historia tan shakesperiano/compostelá eran Encarna Otero, soberbiamente caracterizada, e o alcalde Bugallo, co telón de fondo do derrubamento dun local okupado coñecido como Casa Encantada.

Perdín aquel vídeo e intentei ben veces descargalo, pero sen éxito. Estes días volvino intentar e atopeino, así que lle fixen uns axustes de urxencia e subino ao Vimeo, que non quixera que se volvese perder. A calidade do visionado non é boa [e que lle imos facer?], pero o traballo de Berrobambán segue a parecerme tan espléndido coma hai dez anos.

Para ver o vídeo, preme na foto.

post

un correo-e

>>

Onte estaba un pouco pachuchiña á tarde, e tiven sesión de sofá con Lois Pereiro.
Á noite, cando deixei o libro, quedei envolta na súa atmosfera.
E que… [sabes?] terminei lendo coma se fose eu quen escribira, poñéndome na súa pel…
[dentro do que é posible facer iso con alguén de quen non sabes nada, a excepción de saber que sabe que vai morrer;
que a súa relación amorosa estaba rota:
unidireccional, si, e irreversible / ou bidireccional, pero imposible, como el dicía.
Supoño que esquecer a quen se ama é un luxo que non podía permitirse: un luxo accesible só para quen pensa ter futuro]
Apetecíame falar e íate chamar, pero vin que era un pouco tarde:
de boa te libraches!
Concluíndo: á noite era eu un pouco Lois Pereiro, e coma el podía sentir esa necesidade de continuidade, de non diluírme na nada.

Dos días que reserva para min o destino
cada unha das súas noites por vivir
sería a derradeira
a única esencial
se puidese vivirte a ti tamén
trasnoitado sobre o teu corpo en calma
cohabitando os teus soños
sobrevivido á miña inexistencia
soñado nas túas noites
ou prorrogado en ti.

[…] e a súa vida segue o seu camiño,
indiferente,
allea á miña morte,
á miña vida,

Contrapoñendo á vida del:

E aquí estou eu
con ela dentro sempre
insomne
e irredenta
como única compaña unha vez máis;
a enfermidade

E isto, non é un berro?

Déixate devorar por quen te escolla
agora que es unha luz evadida
da escuridade que te tiña capturado.
Déixate devorar
e impide feramente
que te volva habitar e te contaxie
a túa latente sombra irrevocable

E hoxe, non sei polo que, teño unha estraña sensación de orfandade.
post

chuletón

morría a velliña, di a miña interlocutora.
levaba anos encamada, sen poder valerse para nada,
sen case atención ningunha.
a familia non miraba por ela e as axudas institucionais
chegan ata onde chegan [se é que as hai].
cando se soubo con certeza que era inminente a súa fin,
colleron o fillo por banda e dixéronlle
que estivese pendente, que non marchase da beira de súa nai,
que non deixase que morrese soa.
pero o destino da patroniña era morrer soa
e cumpriuse.
pedíronlle contas ao fillo [que xa non é un rapaz]:
eu vin que respiraba dun xeito raro, así coma un peixe.
marchei comer o churrasco e cando volvín
xa estaba morta.
post

eu chorei chorei

Estes do EtiColmeiro están que non paran. Acaban de poñer en marcha un concurso, o Videoghit, e pedíronme unha colaboración para animar o cotarro [Fóra de concurso, eh, que o protagonismo hai que darllo a quen hai que darllo…].

Pois aí vai.

post

JDownloader, un gran multiusos

No artigo anterior expliquei o método que sigo para descargar o audio dos vídeos de YouTube. Non me referín á descarga dos vídeos completos, porque para ese mester hai xa moitas solucións, pero nun dos comentarios pídenme que me ocupe tamén desa cuestión. Sexa, pois.

Se o que queremos é tan só descargar vídeos do portal de YouTube, o remedio máis simple é instalar un complemento que trae o navegador Mozilla Firefox chamado Download Helper. O camiño para habilitalo sería ir á Barra de menús –> Ferramentas –> Complementos –> Obter complementos.

Unha vez instalado o Download Helper, e despois de reiniciar o navegador, aparecerá o icono que sinalei coa frecha vermella. Normalmente terá esa apariencia gris, pero só fará falta que reproduzamos un vídeo para que se active. Daquela facemos clic no trianguliño invertido que ten á súa dereita e xa nos permite realizar a descarga. Sinxeliño de todo e sen necesidade de ter instalado ningún programa.

De todas formas, creo que as solucións máis utilizadas son as aplicacións específicas, tipo aTube Catcher. Descargámolas de internet, instalámolas e punto. Son moi prácticas, pero a min pídeme o corpo propor aquí algo diferente, máis potente e versátil. O meu candidato é JDownloader. Este programa non está deseñado especificamente para YouTube, senón para xestionar as descargas de quen temos conta de Megaupload, Rapidshare e similares [ese pracer de descargar unha peli en minutos, uffff!]. Con este propósito o instalei no seu momento, ata que un día comprobei que me descarga vídeo de moitas fontes: YouTube, Dailymotion, Vimeo, Metacafe. E non queda aí a cousa, porque tamén descarga audio de portais tan tentadores como Goear [intenta descargar audio de Goear doutro xeito e verás que non hai maneira].

Empezaremos descargando o JDownloader, por exemplo aquí. Instalámolo nun santiamén e xa estamos listos para descargar. Tede en conta que as descargas alóxanse por defecto nunha carpeta que está en Arquivos de programa\JDownloader\downloads. Pódese modificar esa ruta na opción Settings, e creo que non é mala idea facelo para fixar unha localización máis facilmente accesible.

Como descargo? Abrimos JDownloader [se é a primeira vez, agardamos pacientemente a que faga as actualizacións precisas] e despois imos a YouTube e buscamos un vídeo. Abrímolo e copiamos o seu enderezo [se temos dúbidas, prememos na opción Compartir e copiamos o que alí nos aparece]. Non é preciso que o vídeo se execute nin sequera que se cargue por completo.

Imos ao JDownloader, agardamos un anaquiño e atoparemos un panel semellante ao que recolle a imaxe: a opción Linkgrabber está activada e a ventá amosa as versións nas que está dispoñible o vídeo. Propoño que as descarguemos todas e xa escolleremos despois de velas. O único que temos que facer é premer co botón dereito sobre calquera elemento da ventá e escoller Continue with all. Pode que apareza despois un aviso para que lles deamos a nosa conformidade ás condicións do servizo; aceptamos e máis nada. Agora só hai que darlle uns minutos ao JDownloader e teremos as descargas no papo.

Podes facer a proba cos portais de vídeo que citei e verás o ben que funciona. E o que fai co Goear, un servidor de audio moi completo, é a guinda. No caso de Goear, a ligazón que debes copiar atoparala dentro dunha caixiña que leva o enunciado Comparte el enlace con el mundo.

Xa que pagamos a ADSL ou o cable, polo menos que dea rendemento, ou que?

post

descargando audio de YouTube

Gustaríame que me dixeras onde podo atopar a música [do vídeo “Xaneiro Xa”], que a quero levar no meu carrinho chof-chof. Esta petición formulouna onte Áptera nun comentario que puxo no blogue. E como non deixa máis nada, nin sequera correo electrónico, dareille aquí e agora cumprida resposta.

O de descargar música é un mundo. Hai moitas aplicacións, moitas webs e moitos servizos dirixidos a satisfacer esa demanda. A miña achega vai consistir en describir o procedemento que sigo para descargar o audio dos vídeos de YouTube por medio dunha web específica.

O primeiro, evidentemente, é entrar en YouTube e seleccionar o vídeo que nos interesa. Teremos que ter o seu enderezo URL. Se non o vemos ou temos dúbidas, basta con pulsar o botón COMPARTIR (debaixo da consola de reprodución de YouTube) e xa nos aparece seleccionado. Por exemplo, a URL do vídeo Xaneiro Xa é esta: http://www.youtube.com/watch?v=bvrvWDVNyHM. Unha vez localizado e seleccionado, copiamos o enderezo [botón dereito –> Copiar ou Ctrl+C].

Agora temos que abrir outra páxina web, que é onde faremos a descarga: www.vidtomp3.com. Navegamos un pouquiño por ela e atopamos unha caixa que vai encabezada por este enunciado: Enter Video url below to convert into MP3. Pegamos nela o enderezo de YouTube [botón dereito –> Pegar ou Ctrl+V], seleccionamos a calidade de saída que nos interesa (alta ou normal) e facemos clic no botón Download.

Agora pasarán uns segundos e aparecerá unha ventá co link Download mp3. Pinchámolo e xa chegamos ao último chanzo, que vai ser unha ventá con varias opcións de descarga. Nós collemos a primeira, a que está debaixo do texto Click button below to Download MP3, pinchando o botón Download mp3. Agora só faltará decidir onde queremos gardalo… e máis nada.

A vantaxe deste procedemento é que non fai necesaria a instalación de ningunha aplicación específica. Só precisamos acceso a internet.

Se o probades, contade, ho!

post

xaneiro xa

Nos meus discos duros hai moitas gravacións en estado de hibernación: cousas que fun rexistrando por aquí e por acolá nestes últimos anos e que non cheguei a utilizar en ningún proxecto, ou que desbotei por non ser quen de avanzar na idea da que partía, ou…

E un día calquera, un día tan azul ou tan gris coma calquera outro día calquera, aparece no taboleiro un elemento que lle dá vida a ese material: unha canción, por exemplo, coma no caso do vídeo de hoxe.

[Porque xa é xaneiro. Xa. Xaneiro xa]

post

a procesión de fin de ano

Foi con el mercarlle a roupa para saír o día de fin de ano: Un traxe negro moi elegante, dime ela, o apropiado para a ocasión. Cearon en familia, brindaron, tomaron as uvas, intercambiaron os mellores desexos. Cando chegou o momento de saír de marcha, xa en plena madrugada, negociaron a hora de volver: Non antes das seis, que para algo é fin de ano…

A nai, moi bregada nestas lides, deixouse estar na casa, á espera de que chegase a hora acordada. Pero non tivo que agardar tanto, porque o mociño chamouna antes do previsto para pedir papas: Mamá, e se viñeras agora por min aínda me viña ben…

post

inmersión

O post do día 2 recibiu varios comentarios pedindo un audio [e tamén un audi] do poema de Lois Pereiro. Non son eu ningún recitador nin nada parecido, pero aquí estamos en familia e apeteceume cumprir ese gusto. Quixera telo feito antes, pero estes días estounos pasando con certas molestias físicas que me levan da cama ao sofá e do sofá á cama. A parte boa é que estou dispoñendo de tempo para reler toda a obra de Pereiro que teño na casa, que son os libros Poemas 1981-1991 e Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995. Deste último poemario, que cada vez me impresiona máis, escollín o texto que hoxe leo:

A inmersión no silencio é o que distingue
ós que aman con espírito suicida
dos que somentes son
un soño breve.

Na viaxe nocturna que emprendemos
polo interior dun corpo diferente
un acto de amor é un fluído urxente
de suor bágoas e esperma
contra o medo

palabras desarmadas
desexos que se perden
na néboa de mil noites
entre as sabas revoltas
polo feroz presente
de dous corpos que esquecen.

PS/ Ben sei que pronto empezará a chegar información e máis información sobre a vida e milagres de Lois Pereiro, pero voume permitir recomendarche unha entrevista de Lupe Gómez a Xosé Manuel Pereiro, irmau de Lois, publicada hai uns meses no Galicia Hoxe [aquí].

post

porquiño porque si

bebe tranquilo, que este é viño da casa e non che ha facer mal  :: e come chourizos, home, que o quiniño fartouse de comer verdura un ano enteiro  :: se viras de que carniña tan escollida os fixemos… :: pero, iso si, hai que pasar moitos traballiños, que as cousas non veñen sen traballar

post

mellor en voz alta

Non pensaba mercar nada, pero amortecía o ano e apeteceume entrar para desexarlle boas festas ao libreiro, amigo meu desde hai anos. Crucei por diante da caixa e vin que estaba no fondo do local. Cando non teño clientes –quixo explicarse– aproveito para abrir caixas e para revisar os albaráns. No chan había moreas de libros e revistas, coma sempre.

Falamos un pouco e dei en remexer distraídamente entre os libros que ían sendo liberados das caixas. Atopei varios volumes dunha fotobiografía sonora de Lois Pereiro [42 euriños!] e quixen botarlle unha ollada a un deles, pero traía un envoltorio de plástico, así que tiven que conformarme con velo por fóra. Despois foron aparecendo varios exemplares dun libro de Pereiro que eu non tiña, Poemas 1981-1991, reeditado moi recentemente por Edicións Positivas. Vexo que xa estás preparado para o 2011, ironicei mentres ía pasando as páxinas do poemario. Alzou a vista dos albaráns e sorriu. Iso agardo -retrucou-, sobre todo se nos centros de ensino lle mandan mercar algo disto á rapazada… Parolamos un pouco sobre o mercantilismo e o oportunismo asociados á celebración das Letras Galegas e bromeamos con algunhas piruetas bibliográficas que viron a luz en anos anteriores. Mira, Xosé, tal e como anda a cousa -e non vexas como se puxo para nós-, agradécese calquera iniciativa que tire da clientela e que nos permita ingresar uns euriños. Máis claro, auga.

Merquei o libro de Lois Pereiro e púxenme con el ao pouco de chegar á casa. Xa me dixera o libreiro que os poemas de Pereiro son para lelos en voz alta…

Terra e máis terra brava

brava mais maina e cruel

violenta, visceral,

secreta, infame, inmemorial,

amada, fole, a terra

anxel, fole e a morte

a morte anxel a morte

en ti

the end