
jamendo?
Supoño que a maioría das persoas que algunha vez fixemos un vídeo e o subimos ao YouTube temos recibido o mesmo aviso no correo electrónico asociado á nosa conta, que máis ou menos reza así: Os dereitos da pista de audio que vostede empregou son propiedade da compañía XXX (UMG, WMG…). Hai veces nas que a advertencia queda niso, en mera advertencia, pero noutros casos padecemos un bloqueo total da pista de audio ou, cando menos, unhas molestas restricións de uso. Todo depende, segundo estou vendo, da entidade que teña a propiedade dos dereitos.
Buceei bastante pola rede para atopar remedios, pero conclúo que ningún é válido para todos os casos. Teño probado a cubrir o formulario de impugnación de YouTube e pensaba que era a solución definitiva, pero algunhas experiencias recentes desmentiron tan reconfortante hipótese. O mesmo podo dicir da opción de modificar a tonalidade ou a velocidade de execución do audio e, en xeral, de todas as alternativas que se me foron ofrecendo.
Que nos queda? O primeiro é descartar, se é posible, aos consagrados. Hai cousa de ano e pico quixen subir un vídeo con música de Bruce Springsteen, en homenaxe a unha gran fan do Boss, e os de YouTube déronme un brusco portazo nas napias. Cabreeime e pasei do vídeo. O mesmo lle pasou a Suso [boss tamén, pero de eticolmeiro] cando quixo dedicarlle ao noso Vincenzo un tema dos seus idolatrados Red Hot Chili Peppers. Polo tanto, parece prudente fuxir destes artistas superpopulares, porque detrás deles están tamén as grandes compañías, ávidas de botarlle a man á nosa faltriqueira.
Unha opción, postos xa a pensar en positivo, é a de aloxar os vídeos noutras plataformas máis flexibles. Recomendo Vimeo, un portal que ofrece moita calidade. Iso si, se queres exprimir as posibilidades que ofrece terás que pasar por caixa e facerte usuario PLUS.
Tamén hai algunhas vías abertas ás persoas que queren utilizar arquivos de audio sen problemas de copyright. No vídeo do meu último post –Solsticio– empreguei un tema musical descargado da web jamendo, que é un sitio no que se ofrece música de balde e legal. Dispón dun catálogo moi amplo e en constante renovación. Para música en galego temos un blog amigo, A regueifa, que non debemos pasar por alto

o país dos 37.000 nomes
Con paciencia de formiguiña vai anotando Ánxela os topónimos galegos que lle enchen o ollo: uns chegan ao seu caderno por curiosos, moitos por bonitos, outros porque a emocionan, porque falan do que fomos e do que [aínda] somos…
Onte remitiume unha escolma dos tesouros que garda na súa libretiña e apeteceume compartila aquí, pouco antes de que o borbón volva copar, outro ano máis, todo o share.
Unha apertaza desde Cachóns!
Toexe A Fonte Ouxín Tai Guin Narla Mariz Xía Manán Mancegar Dormea Froxelle Arenteiriño Branzá Condomiña Grixalba Lorentín Xuriz Suar Piugos Carranchousa Uceira Solveira Tabeira Lugar de Burdallos Gondollín Val das Cerdeiriñas Nai Naia Valiña Xemiá

arancini
A semana pasada presenteivos a Vincenzo, un mozo siciliano que decidiu vir estudar a Silleda un ciclo medio de formación profesional. Hoxe volve Vincenzo para preparar uns saborosísimos [e contundentes] arancini na cociña do Restaurante Devesa, en Graba (Silleda).
Vémolo en Vimeo [aproveitando que somos usuarios PLUS dese portal]
Este vídeo tamén se pode ver no YouTube [ver aquí]
PS/ Oín por aí que Zeltia [a blogueira que perdeu parte do xuízo por obra dunhas tenazas] fixo fotos duns boliños ben xeitosos e non pouco literarios. Se por un azar ve isto, dona Zeltia, faga o favor de ilustrarnos ao respecto.

ese gran río
Mire la calle.
¿Cómo puede usted ser
indiferente a ese gran río
de huesos, a ese gran río
de sueños, a ese gran río
de sangre, a ese gran río?
Nicolás Guillén
-Neno, perdoa por chamarte a estas horas, pero é que estaba tan a desgusto que necesitaba sentir que hai alguén do outro lado. Non sei se me entenderás…
Claro que te entendo, moito máis do que cres. O que non sabes, imaxino, é que esa chamada túa me trouxo paz nun día no que o sangue se me quixo poñer de novo ao galope. E sabes unha cousa? Cando recupero a paz sinto que retorno á plenitude do río grande.

lagarto, lagarto
Para seguirme na batallita de hoxe terás que acompañarme ata o colexio da Ramallosa, en Teo, e entrar conmigo na aula de 7º de EXB. Ata podes saír na foto de grupo [sempre que traias os teus pantalóns acampanados de talle alto, aclaremos].
Imos coa historia. Don Jesús dábanos clase de ciencias naturais. Era un tipo novo, deportista e enérxico que conxeniaba ben cos alumnos máis trallas. Tiña o costume de traer a clase artigos que había no laboratorio, tales como minerais, follas secas ou fósiles, e mantíñaos durante toda a hora na súa mesa para que nos foramos familiarizando con eles.
O noso don Jesús levábase ben coa profesora de ximnasia [o de chamarlle educación física viría anos depois]. Era unha mestra moza que levaba traballando pouco tempo no meu colexio. E tan ben se levaban, tan-ben-tan-ben, que non era raro que ela estivese na nosa aula mentres el daba a clase, alí sentadiña coma se fose unha alumna máis.
A anécdota que vou recrear aconteceu unha tarde. Describirei a escea. Don Jesús estaba sentado na súa mesa, a profe de ximnasia estaba apoiada no brazo do sofá que el ocupaba e había un tarro enriba da mesa que tiña dentro un lagarto conservado en formol, o agasallo que elixiu o profesor para amenizar a sesión. Os dous profes falaban entre eles mentres nós faciamos unha tarefa calquera. Entón apareceu un dos máis paveros da clase, José Leal, o que hoxe está encargado da gasolineira de Pontevea, que soltou en voz alta:
-Profesor, creo que tén o rabo teso.
-?!
-Mire ben para o lagarto, que tén o rabo teso!
Houbo risas e cachondeo, por suposto, pero a cousa quedou aí. Iso si, a profe de ximnasia xa non volveu á clase de don Jesús.
PS/Xa vedes na foto que a obesidade infantil non era un problema nese tempo.

un siciliano en silleda
Chámase Vincenzo, é siciliano e leva tres meses en Silleda estudando un ciclo medio de formación profesional. Xa lle vale, non si?
Eliseu fichouno para preparar uns arancini, evento do que daremos cumprida información gráfica dentro duns días, pero este cociñeiro trotamundos, extrovertido, hiperactivo e fuguillas dá para moito máis…

parrafeos/2
[Onte. Conversación telefónica]
-Gustoume moito o discurso de Vargas Llosa en Estocolmo… [ver/escoitar] [ler en PDF]
-Ese facha…
-Empeza dicindo que aprender a ler foi a cousa máis importante que lle pasou na vida e…
-Bah! Eu non son quen de dicirlle a ninguén o que tén ou non tén que ler, pero o tío ese resúltame intragable como persoa. Que lle dean!
[E xa non dixen máis. Xa non dixen que esas palabras de Vargas Llosa activaron o recordo dos meus primeiros días na escola unitaria de Oza.
…
Lembro que me levou meu pai e que me recibiu na porta a oronda figura de don Salustiano, non menos oronda do que aínda é hoxe -e por moitos anos!-, e alí me sentou, no banco dos máis pequenos, con Luis de Mata, o Blanco de Vilanova, Antonio de Quián e algúns máis.
Suso de Naveira era o que se ocupaba de levarme e traerme moitas veces. Un día, ás poucas semanas de empezar, levoulles un recado a meus pais que nunca esqueceron: Di o mestre que este rapaz aprende moito; hai que comprarlle outro libro.
Despois veu o fútbol, unha verdadeira paixón, sobre todo desde que os rapaces maiores, que eran os que facían os equipos, me empezaron a escoller para xogar con eles. Recordo que algúns dos veteranos me arreaban de vez en cando algunha patadiña máis ou menos alevosa. Entón aparecían os meus primos de zumosol, que eran Paco -o fillo do mestre- e José Manuel de Vales. Os dous gozaban do respecto do resto de compañeiros e sempre miraban polos máis pequenos.
…
A min si que me gustou a designación de Vargas Llosa… e o seu discurso]

parrafeos
Versión I (de miña nai):
-Bos días.
-Estou escollendo uns vimbios.
-Parece que vai cambiar o tempo…
-Son pra un cesto.
Versión II (oída dos beizos dunha señora da Estrada, cociñeira ela):
-Bos días.
-Ando a apañar uns figos.
-Como andades pola casa?
-Están todos podres.

quen sabe canto duran as olivas
Cando ela lle soltou aquelo de A ti gústanche as olivas, non?, sentiu un lixeiro calambrazo. Que raro que digas iso, creo que nunca me viches comer nin a primeira, respondeulle automaticamente e cunha naturalidade máis que discutible. A conversa morreu aquí.
[Xa de volta ao silencio, el trouxo ao seu presente a caixiña que gardara durante meses e meses na despensa da súa casa. Aquelas olivas ásperas do Além Minho conservaron un aspecto impecable ata o día en que foron dar ao lixo. Había tempo que decidira non comelas.]

neve para andrea
adico o post de hoxe e a nevarada de onte a andrea, amiga e compañeira, compañeira e amiga

os nosos nomes
Un día, alá nos tempos de maricastaña, decidín dar o paso de galeguizar oficialmente o meu nome. Nunca esquecerei a severidade da funcionaria que me atendeu. Botoume unha boa berra e acusoume de deslealdade cara os meus pais, pobriños eles. É certo que saín daquela oficina co papeleo resolto, si, pero tamén o é que levaba conmigo a sensación de ser un neno que se portou mal. Canto me reñera a seño!
Hai algunhas anécdotas que me divirte moito lembrar e que non tería vivido como José. Por exemplo, cando me preguntan se son profesor de galego. Ou cando me teñen dito -máis dunha vez- Tú eres del Bloque, ¿no? Logo está a dificultade de moita xente para dicir Xosé, de maneira que me acabo convertindo en Xoxé ou en Pepe. E nestes dous últimos anos, que trato algo con empresas de Madrid, algunha vez se teñen dirixido a min como Josep. Anécdotas que levo con humor, pero anécdotas que din moito.
Todas estas cousas me viñeron á cabeza o pasado 25 de novembro, cando asistín en Silleda a un acto que xiraba arredor da cuestión da galeguización dos nomes. Foron corenta minutos que me despertaron a emoción, o orgullo e a esperanza.




Falaron