post

fe de vida

un día nos veremos / al otro lado de la sombra del sueño

(josé ángel valente)

un día calquera, pode que un día no que te aburras coma unha ostra, pode que un día no que sintas que a soedade te esmaga, ou a dor, ou unha resaca do quince, ou…

o caso é que un día calquera -ese día calquera- ha acontecer que alguén que anda a remexer entre os seus papeis [ou entre unhas potas na alacena] atopará por azar un pelo inequivocamente teu.

post

amores secretos/2

A finais de agosto propuxen unha votación para designar a persoa que se debería encargar de comentar unha canción de El Fary. Esther de Cachóns e H empataron a 17 votos, pero renunciaron e non houbo volta atrás. Daquela botei man de Zeltia, a terceira clasificada, e aproveitamos un día que se desprazou ás terras do Ulla para darmos un paseíño ao sol e falar, entre outras moitas cousas, de amores secretos.

Zeltia non me prohibiu enfocar a cámara cara ela, nin moito menos, pero quedoume claro que preferiría que non saísen imaxes súas. Podería ter optado por montar un vídeo con outros elementos, pero finalmente decidín resolvelo tan só con audio.

Aquí quince minutiños da conversación con Zeltia:

https://xose.org/wp-content/uploads/2010/09/zeltia-opina.mp3

[E aquí a canción de El Fary, para contextualizar]

post

outras panorama[s]

Cando o neno era neno, as verbenas das festas da parroquia [para nós sempre era ir ao baile] estaban amenizadas habitualmente por unha orquestriña. O neno lembra, entre outras curiosidades, que algúns vocalistas se dirixían ao público cun finxido acento sudamericano, unha marca de pestixio naquel contexto. Os músicos facían o que podían enriba dos palcos de madeira habilitados uns días antes polos membros da comisión de festas, sempre alerta ante a posibilidade de que se cortase a luz ou se acoplasen os micros. O neno non esquece aquel Se ruega al propietario del vehícalo con matrícula… nin as carreiras cos foguetes ou as escopetas de balíns coas que non había maneira de atinarlle a cousa ningunha. Tampouco esquece que a xente bailaba ao son daqueles homes traxeados: bailaban os matrimonios, bailaban as parellas formais e o baile era a peaxe pola que tiñan que pasar os/as que querían ligar…
Pasaron anos e o cada vez menos neno foi sabendo que o mundo das verbenas estaba a mudar. El xa non acudía a elas, pero escoitaba que se estaban a impoñer as grandes orquestras, capaces de montar espectáculos que mobilizan miles de persoas [Fun coa muller ver a Panorama / O sábado toca a París en Cuntis].
Este verán saltou aos medios unha polémica, con acusacións cruzadas entre diversos colectivos  e a orquestra Olympus, unha das grandes do país, á que acusaban de manifestar nas súas actuacións actitudes xenófobas, homófobas e, en xeral, discriminatorias.  Xusto neses días estaba o neno case nada neno nun lugar de veraneo e veu que estaban montando o escenario da orquestra Panorama, outra das potentes. Pois nada, haberá que vela. O espectáculo é fastuoso, cun xenerosísimo despregue de medios humanos e de recursos tecnolóxicos. Iso si, a xente mira, fai fotos e aplaude, pero non baila. Ninguén.

A finais de agosto fomos os da casa á romaría de Requián, na Estrada. Imos todos os anos. Vimos que contrataran un conxuntiño de tres músicos que, sen axuda de ninguén, ían maqueando o camión que levaron para convertilo nun esceario o máis decente posible. Despois de cear estivemos vendo un anaco da actuación. Case non había ninguén, a calidade do son e das interpretacións era cuestionable, pero o que me chamou a atención foi ver que a pouca xente que andaba por alí si que bailaba. E con entusiasmo.

post

meme

Teño un encargo de acedre para cubrir un cuestionario [un meme] que rula e rula de web en web.

As preguntas son:

Canto tempo levas como blogueiro?
Como te enteraches da existencia dos blogues?
Cinco blogues que sigo diariamente ou con moita frecuencia.
Es lector anónimo dalgún blogo?
Algúns autores que che acorden especial simpatía.
Con que cinco blogueiros irías de esmorga?
Con que blogueira pasarías unha noite de loucura sexual?
Namorácheste algunha vez dalgunha blogueira?
Estás satisfeito co teu blogo?

Pois aí vou.

Rexistrei o meu primeiro blogue no ano 2005 e chameille dalledalle para honrar unha delicada copliña popular [a muller do coxo / tén o conto roxo. / dalle, dalle, coxo, / non lle teñas noxo]. Unha das primeiras imaxes que publiquei naquel blogue é esta que poño hoxe, na que estou con meu pai. É unha foto que me encanta, por iso aproveito para ensinala sempre que teño ocasión.

Non lembro como souben da existencia dos blogues, pero supoño que sería ao velos na rede, digo eu. Son lector anónimo de case todos os blogues polos que paso, que tampouco son moitos. Hai algúns que reviso con máis frecuencia, pero permitirédesme que non cite a  ninguén en particular. Hai blogueiros e blogueiras cos que simpatizo, claro, pero non me imaxino metido nunha festa de bloggers, nin nunha kedada, nin en nada semellante. Cuestión de carácter, simplemente.

Pregúntame o Acedre -e xa lle vale- que con que blogueira pasaría unha noite tola.  Home, se se trata de pasar unha noite tola-tola-tola podería tantear a esta candidata.  De momento non estou namorado dela [tempo ao tempo] e o certo é que dubido moito da posibilidade de namorarme de alguén só polo seu blogue. Ata agora non me pasou, desde logo.

Estou satisfeito co meu blogue? Pois si. Xa contei un cento de veces que a primeiros de ano estiven a piques de pechalo [case non publicaba nada] e foi entón cando sentín a necesidade de reactivalo. Desde aquela actualízoo con certa regularidade e vou comprobando que arredor del se move un grupiño de visitantes que me fan sentir arrolado. Non podo pedir máis.

post

guisos de cores

Cores, sabores, recendos, memoria…

post

vocación

O veterano profesor de filosofía móvese con bastante máis soltura da que pode esperarse de quen camiña coa axuda de dous bastóns. É un gran orador, deses que se manexan ben en calquera rexistro, e cando fala move os bastóns coma se fosen aspas.

…   …   …   …   …   …

Chegou a hora do descanso e os asistentes vanse achegando ás mesas redondas repletas de xerras de café e de boliños. Falan, beben, comen, rin. Mesmo hai quen se atreve a botarlle un pitilliño. O profesor de filosofía está no centro da escea, coma de costume, cando lle formulan a pregunta do millón:

-¿Por qué te hiciste filósofo? Supongo que tenías vocación desde pequeño, ¿no?

[O profesor sempre atopa resposta para todo]

-Verás, eu de pequeno quería estudar ciencias. De feito, tiña intención de matricularme no bacharelato de ciencias. Cando cheguei ao instituto vin que había dúas filas, a de letras e a de ciencias, e coloqueime na de ciencias agardando a miña vez. Alí estaba eu, cos meus bastóns e a miña carpeta chea de papeis, cando vin vir cara min un conserxe, un daqueles conserxes autoritarios que había antes. O home encaroume e preguntoume que facía eu na  fila de ciencias. Nin me deixou falar. Empezou a gritarme que unha persoa coa miña minusvalía non podía entrar nun laboratorio, que á primeira que collese un mecheiro Bunsen prendíalle lume a todo e armaba a de deus. “Póñaseme na fila de letras, home!”, remachou de moi malos modos. Eu era un rapaz e aqueles eran outros tempos, así que fixen caso e matriculeime de letras. Dese xeito naceu a miña vocación de adicarme á filosofía.

post

amores secretos

Hoxe visitei a Suso [eticolmeiro] e acudiu á nosa conversa unha canción de El Fary, Amor Secreto,  que leva ao límite a eterna cuestión desa caste de amores que, pola razón -ou sinrazón- que sexa, nunca se concretan e que quedarán, polo tanto, no limbo das cousas que non poden ser.

Esta cancionciña tan rotunda doume unha idea… A ver como a acolledes.  Tan só se trata de designar a algún/algunha comentarista habitual deste blogue para encomendarlle a tarefa de falar sobre este asunto dos amores secretos. Xa acordaremos, chegado o momento, o formato que lle damos, que espero poida ser en vídeo, claro. Estou seguro de que todos e todas temos cousas que dicir sobre esta cuestión.

Por certo, non esquezades que El Fary es Dios.

O primeiro, a canción:

Agora, a enquisa:

post

o mar de zeltia

Hai que ter moito ollo co Mar de Zeltia, porque é un mar que pasa dos risos aos choros nun momentiño de nada: agora pódeche amosar a súa cara máis doce e agarimosa, pero non tarda nada en virarse unha criatura voraz e implacábel. Así o conta a propia Zeltia no texto que xenerosamente me cedeu para este vídeo [moitas grazas, Z].

Podes ler o texto de Zeltia [aquí]

post

O retratista de Cachóns

Resulta que en Cachóns viviu e traballou un fotógrafo dos de antes, un retratista, e eu non o sabía. Sabíao H, habitual comentarista deste blogue, e mandoume un aviso. Recoñezo que dubidei da veracidade da información, porque nunca tal cousa oíra na miña aldea, pero pregunteille a meu pai, que ma confirmou. El era moi neno nos tempos do señor Ramón, o retratista, pero remitiume a Evangelina, que vivía nunha casa moi próxima á que ocupaban o señor Ramón e a muller.

Falei con Uxío, o meu irmán, e interesouse tamén por esa novidade. Conversou con Evangelina e xa puxo data para ir alí coas cámaras: o 15 de agosto  a iso da unha do mediodía, que é á hora á que Evangelina e a súa filla Isabel regresan da feira de Padrón. Evangelina atendeunos de marabilla e fixo o esforzo de retroceder setenta anos para contarnos todo o que lembra do retratista, que non é pouco.

Queda pendente para outra vez facer indagacións sobre o que se conserva da súa obra. É posible que ese traballo xa fose feito por alguén, pero non nos consta. Tampouco temos a man fotos da casa do retratista que amosen a súa apariencia de entón. A vivenda foi remodelada varias veces e costa facerse unha idea do aspecto que podía ter na década dos anos trinta ou corenta do pasado século. En fin, son tarefas que pode que algún día acometamos.

PS1/ Este vídeo, ao igual que varios dos últimos que publiquei, permiten un visionado en alta calidade (720p ou mesmo 1080p). Pódense activar estas opcións na consola de reprodución de YouTube.

PS2/ E que dicir do tema ADSL? Cando poderemos acceder a internet sen ter que colgar o pincho de Vodafone na cana de pescar para coller un pouco de cobertura?

post

Malotes

Quedaron nun coñecido bar de tapas a unha boa hora para tomar unhas tapas e coa intención de tapear. El pediu unha caña, que ao remate serían dúas, e ela un tinto de verán que estirou durante horas. Non probaron bocado.

Na mesa de pedra repousaba un libro gordecho que ofrecía unha viaxe ao baleiro fértil.  Podería ser un bo pé para iniciar unha conversa, pero non falaron de libros. Tampouco caeron nos lugares comúns do cine, da pintura ou da música, por poñer exemplos clásicos de temas de conversación guay.

Falaron -como os vellos amigos que non eran- das súas vidas. Concordaron os dous no difícil que é chegar a darse conta das propias dificultades e dos mecanismos que se activan para rodealas, para facer como que non existen, para enmascaralas.

-Durante anos pensei que as miñas relacións de parella foron fracasando porque tiña mala sorte. Tardei moito tempo en darme conta de que era eu a que as facía fracasar desde o primeiro día, porque en realidade escollía compañeiros cos que era imposible que prosperase unha relación.

-?

-Si, eu sabía que con eses homes polos que me sentía atraída non podería ir moi lonxe. Sabíao vendo o seu carácter ou a súa traxectoria…

-Pero gustánche os malotes…

-Si, hahaha, gústanme os malotes!

post

(Re)encontro

-Sorprendeume moito -pero moito- que aínda te acordases de min!

-Sempre estiven pertiño de ti, sempre buscando “o modo de te acompañar sen estorbo”.

-Sabes o que me vén moitas veces á cabeza? Aquela blusa branca de infinitos botóns que levabas ás festas.

-Esa é unha lembranza tan tenra, tanto, que ata fai que me ruborice.


post

Un baño?