post

Non era tan negra…

Estaba tan obsesionado co asunto que non daba falado doutra cousa cada vez que ía botar a partida. Os compañeiros de mesa sabíano e picábano para  que contase outra vez como un dos seus fillos se liou cunha moza cubana nunha viaxe de pracer. O home non podía explicarse como o seu fillo deixara a rapaza de toda a vida para embarcarse nesa relación.

-Sabedes que é o peor? Que é negra coma o café.

O tempo foi facendo o seu labor e o fillo casou coa rapaza cubana. O pai seguía indo xogar a partida ao bar de sempre, pero os compañeiros xa non o oían queixarse da desgraza familiar. Nada diso, agora falaba  das cousas que facía o netiño e referíase á moza cubana polo seu nome de pila. O cambio foi de tal magnitude que ata mudou a súa percepción da cor da pel.

-A verdade é que non vos é tan negra como eu dicía…

post

Pendellos

Creo que hai arredor de tres anos que non ía ver os pendellos de Agolada. Quixen volver.

post

Fantasías na sala de espera

-Tesme que desculpar, pero hoxe levo algo de retraso. Espera un momentiño na sala, vale?

Ao entrar na sala vin que había un tipo deitado no piso, un mozo ao que só lle vía medio corpo, porque a parte superior do tronco e a cabeza quedaban fóra do meu alcance. Se fose a sala de espera do dentista ou a do notario andaría eu coa mosca detrás da orella vendo aquelo, pero no lugar onde estaba esa tarde de xullo circula -por dicilo dalgún xeito- outra enerxía… Será por iso que non me resultou estraño ver que un home ataviado con calzado de sendeirismo e cunha camiseta de once varas estivese atravesado no chan. Fixen as miñas conxecturas e supuxen que estaría preparándose, concentrándose, meditando…

Viñéronme buscar e pasei ao cuarto de costume.

-Perdoa polo desorde da sala de espera, pero é que temos o fontaneiro arranxando o desaugue da cociña…

Daquela conteille todo o que me pasara pola cabeza e escachamos a rir. Ao rematar a sesión volvín cadrar co fontaneiro no corredor. Xa non quedaba nada daquel mozo de aires grunge que eu imaxinara en pleno trance unha hora antes. Agora estaba diante un home de máis de cincuenta anos vestido con roupa de traballo e cunha caixa de ferramentas na man: un fontaneiro.

post

A terceira lei de Newton

Foi grazas a un comentario que me achegou Zeltia como souben da existencia de Big Love, unha serie que percorre as penas e glorias dunha familia mormona que practica a poligamia.  Interesoume o plan, así que tirei de Megaupload e jDownloader e descarguei a primeira tempada. Empecei a vela e estame gustando.

O vídeo que poño hoxe é un corta-e-pega feito a partir de imaxes do primeiro capítulo, que me parece que pode ilustrar o enunciado daquela terceira lei de Newton que estudabamos na escola, a lei de acción e reacción, que rezaba así:

As accións recíprocas de dous corpos sempre son iguais e dirixidas en direccións opostas.

post

IXUS 130 en Ponte Taboada

Unha amiga precisaba unha cámara de fotos e mercou a Canon IXUS 130, un dispositivo compacto con moi boas especificacións, entre elas vídeo en HD, así que aproveitei a ocasión para probala en Ponte Taboada (Silleda).

Hai que recoñecer que a máquina se portou con solvencia, aínda que as condicións de luminosidade eran xa precarias. Quédame a dúbida de saber canto melloraría o resultado se traballaramos sobre trípode, porque a cámara é tan pequena e lixeira (133 g de peso, segundo o fabricante) que me resulta un pouco nervosa, sobre todo á hora de facer paneos. Non esquezamos que é unha cámara de fotos, non de vídeo.

post

Gay-Boyss


Confeso que o primeiro que fixen cando vin esta foto foi guguelear para saber máis desta xente. Tecleei gay-boyss e apareceron 49.500.000 entradas. Moito choio, así que acotei a procura dixitando gay-boyss ferrol. Google devolveume 6.320 resultados. Indaguei aquí e alá e non dei con ningunha pista que me levara ao grupo musical en cuestión. Si que atopei outras cousas, por suposto, como o making off do calendario dos bombeiros de Ferrol ou unha guía gay da Coruña…

A  falta, xa que logo, de referencias externas, só nos queda unha foto. O que hai é o que vemos, e o que vemos é un grupo de seis nachos de Ferrolterra no preciso instante no que están ingresando na posteridade. Xa nunca poderemos saber se suben ou se baixan esas escaleiras que lles valen de escenario. Non poderemos aclarar se a súa rixidez é o produto da tensión do momento ou dun estilismo extremadamente severo, e tampouco saberemos cara onde dirixen as miradas  nin a razón última desa xeralizada expresión de tristeza.

Alguén sabe que foi dos Gay-Boyss?

PS/ Grazas pola foto, Mer!

post

Pico de Oro, o avilesino insaciable

O Falabarato é pouco playero, pero sempre hai almas caritativas que o manteñen ao tanto do que se escoita a ras de area. Un bo exemplo disto é este correo que acaba de remitir unha das maiores expertas mundiais en frisona, no que dá traslado dun cotilleo que escoitou na Lanzada:

Vouche contar un conto real que escoitei o outro día na praia.
Seica en Avilés había un profe que estaba casado pero tiña tres aventurillas extramatrimoniais.
Bueno, o asunto non sería demasiado sorprendente
se non fose porque este profe estaba liado con tres veciñas (DÚAS IRMANS E A SÚA NAI). Toda a familia.. (esqueceume preguntar se vivía o pai… jaja)
Un tío valente….!!. Esta aventura supuxo que fose coñecido practicamente en todo Avilés co apodo de “pico de oro”.

A circunstancia de que a vida extramarital deste venerable profesor se desenvolvese nun hábitat tan pechado leva a pensar que, dun xeito ou doutro, as persoas implicadas estaban todas ao tanto da situación. A miña dúbida é saber se constituían unha célula de convivencia rexida polos principios diso que agora chaman poliamor ou se, polo contrario, tan só se trataba dun xogo de infidelidades máis ou menos toleradas. Haberá que ir á Lanzada e poñer a orella se queremos saber máis.

post

Un molete grandón

O meu avó paterno morreu cando eu tiña trece anos. Durante a súa agonía recibiu a visita de don Manuel, o cura da parroquia. O señor Pedro, que así é como lle chamaban daquela ao meu avó, estaba moi maliño e case non podía falar, pero sacou forza de non se sabe onde para contarlle ao cura unha anécdota local moi ben traída. Miña nai revive ese momento no vídeo que poño hoxe.

post

Boys e antiboys

Estabamos despedíndonos ata setembro e ela falábame dos seus plans para estas vacacións. Contoume que irán, coma sempre, un par de semaniñas a un apartamento das Rías Baixas porque, entre outras cousas, os rapaces queren ir alí. Tamén me dixo que lle gusta tumbarse na area e poñer o piloto automático. Deixarse levar.

Ás veces quedo prendida dunha conversación dos veciños de toalla, non te creas, e sígoa con interese ata o remate.  Mira, un día estaba na praia de Cabío e á beira miña había unha parella. El dicía que había pouco tempo que se lle casara un amigo e que estaba entre os convidados. A moza do amigo, que seica é moi mandona, presentóuselles aos colegas do noivo mentres estaban dispoñendo a despedida de solteiro e díxolles moi claramente que fixesen o que lles parecese, pero que nada de tías saíndo dunha tarta, despelotándose ou cousas así.  Eles colleron un chisquiño de medo e decidiron facerlle caso. Fixeron a festa e un tempo máis tarde souberon que a despedida da noiva estivera amenizada por un boy negro. Cabreados, fóronlle pedir contas á noiva por aplicar tan diferentes varas de medir [e nunca mellor dito], pero ela xa tiña a resposta preparada: “Tíos, non comparedes! As strippers son todas unhas lerchas […], pero os boys son profesionais honestos e respectuosos”.

Nota/ Estiven curioseando pola rede e entereime de que un dos espectáculos que se ofertan para as despedidas de solteira son os antiboys. Aquí deixo un vídeo dun deles. Unha mina.

post

Sunday

Un domingo caluroso de xullo. Érgome cedo para quitar de diante un traballo tedioooooso, pero a media mañá poño as zapatillas coloradas, collo a Sony e vou ver como anda o mundo.

PS/ Chégame un correo dunha experta en frisonas no que me di que se alegra de que poña Música con algo de marchiña… por fin!!!! Xa lle respondín que, por moi estranxeiro que soe o nome de Hanom Ausse, esa musiquiña é made in Catoira.

post

Os monstros viven nunha illa

Ao remate dunha intensa sesión de traballo anotei no meu caderno de tapas verdes unha proposta cinematográfica: Onde viven os monstros. Pasaron uns días ata que me puxen a buscala. Descarguei unha versión en DVD e deixeina na lista de espera.

Onte vina pola noite e, tal como agardaba, comprobei que moitos daqueles monstros son vellos coñecidos meus, do mesmo xeito que tampouco me é allea a áspera illa que os acolle.

PS1/ Se queres saber máis desta película, podes empezar por ler o que conta Nacho Vigalondo.

PS2/ Se queres unha copia, aproveita e pídema. Intentarei facercha chegar. Vai en serio.

post

Porno no outono

Sospeito que a principal razón pola que mercou o ordenador foi a de poder ver todo o porno que habita en internet. De feito, cada vez que me trouxo o portátil para que llo revisase atopei infinidade de ligazóns e descargas de contido pornográfico. Eu miraba para el, un señor de setenta anos con pinta de ter aínda algúns máis, e sentía o impulso de adoptar o rol de xuíz moral para tirarlle da lingua e bromear con el.

[Nota/ Daquela non me daba conta, pero agora sei que ese papel que eu asumía bebía na fonte dalgúns dos prexuízos cos que fun construído; por enriba de todos, este: o tabú da sexualidade dos vellos, a repulsión que se nos “ensinou” a sentir polo seu desexo].

O certo é que el case nunca entrou ao trapo dos meus comentarios, que despachaba cun lixeiro sorriso mentras continuaba mirando a pantalla. Seguiamos traballando ata que empezaba a recoller as súas cousas e se despedía dicindo que chegaba tarde á súa misa diaria. Ás veces eu aproveitaba para apretalo un pouco e preguntáballe se o seu confesor estaba ao tanto das súas aventuras informáticas, pero o home zafábase do meu acoso cun sorriso beatífico e daba moi ceremoniosamente as boas tardes antes de saír para a igrexa.

Un día intentei poñelo nun apuro e pregunteille directamente se o porno de internet é pecado. Mirounos desde a porta, esbozou o seu sorriso de vaicheboa e puxo sobre a mesa un argumento definitivo: “Se está aí, á vista de todos, non pode ser pecado. Se fose pecado, digo eu que non o permitirían”.