post

ollos pra mirar

sempre de bo humor :: sempre cunha pregunta rompedora :: sempre cun comentario diferente :: sempre a voltas co seu ordenador, que o trae a mal traer :: sempre orixinal, orixinalísimo :: sempre desinhibido, sempre

[e quere saír na interné, ademais]

sempre Luís :: hoxe, por fin, nun minutiño de vídeo!

post

o que me une a feijoo e a vázquez

Esta é unha foto do edificio da Xunta de Galicia que me mandou a miña amiga Merchi, grecolatinista de oficio, vivaracha de condición e santiaguesa del alma [que non é o mesmo que STV].

Por esas salas e por eses corredores por onde deambulan Feijóo e Jesús Vázquez andivo noutro tempo o Falabarato, que alí foi onde estudou o BUP e o COU. E non digo máis, que despois sábese todo.

post

zapatillas negras

Onte foi 25 de outubro. Onte volvín calzar as zapatillas negras.

O 25 de outubro do 2008 tamén puxen esas mesmas zapatillas para xogar un partidiño entre amigos. Levaba un tempo cunha molestia na perna esquerda que eu quería que fose algo pasaxeiro, unha cousiña de nada. Ese día, ese 25 de outubro, souben que o asunto ía en serio. Como case non podía correr nin facer movementos bruscos, optei por retirarme aos vestiarios. Sentei un anaco e entón caín na conta de que xa non daba quitado as zapatillas. Horror.

Despois viñeron meses difíciles, de myolastán e antiinflamatorios, de esperanzas frustradas, de máis dor, de non dormir apenas. Meses nos que puxen a proba a paciencia das persoas que me acompañaban na miña tristeza [non o esquezo, crédeme]. Meses nos que non podía facer vida social a menos que me atiborrase de calmantes. Horas, días e meses que pasei sentíndome un cacharriño inútil que só vale para tirar ao camión da chatarra dos meus veciños, os amos da ferralla.

O conto foi mudando ben entrada a primavera. As dores foron convertíndose en molestias, as sabias mans de Bea axudáronme a recuperar o equilibrio, asistín con miña nai á romaría de San Sebastián [man de santo, obviamente], fun perdendo de vista os fármacos, aprendín de novo a andar con xeito…

E onte volveu ser 25 de outubro. Non fixen ningunha celebración pública nin lle dixen a ninguén por que levaba esas zapatillas negras [só llo comentei a Suso mentres tomabamos unhas cañas], pero onte festexei a alegría de ter deixado atrás aqueles malos momentos.

Custoume moito asumir que estas vivencias de dor e de postración tamén forman parte do meu proceso. Non é que me alegre de ter pasado por elas, pero sei que me achegan novos matices, novos perfís. Que me enriquecen? Pois si, pode dicirse así [coa mínima grandilocuencia posible, por favor]. Pode dicirse -por que non- coas palabras coas que nos agasalla Yehuda Amijai, un dos grandes, no seu Poema infinito:

Dentro dun museo moderno,
unha sinagoga antiga.
Dentro da sinagoga,
eu.
Dentro de min,
o meu corazón.
Dentro do meu corazón,
un museo.
Dentro do museo,
unha sinagoga,
dentro dela,
eu,
dentro de min,
o meu corazón,
dentro do meu corazón
un museo.

Nota/ A foto está feita nunha rúa dos Tilos (Teo)
post

días de viño e rosas

el marchaba para a cama ao acabar de cear

eu recollía a mesa, fregaba os cacharros, limpaba todo, preparaba as cousas para o día seguinte

facía estes labores moi amodiño, dando mil voltas, para asegurarme de que estivese dormindo coma unha pedra cando eu chegase cabo del

subía sen facer ruído e metíame na cama con moito coidado :: deixa que durma

por que tardaches tanto? xa pensei que non subías

así pasei sete ou oito anos

que foi da miña casa de chocolate?

post

porca miseria

Viaxabamos desde Dumbría ata o Pino do Val. Vímola ao lonxe, apostada á beira da estrada. Cando nos achegamos, estirouse e fíxonos moitos acenos para que parásemos. Era unha muller moi entrada en anos, pequena, miúda.

-Ai, filliños, non sabedes o favor que me facedes. Se non pararades, ai, aínda tiña que zapatear varios quilómetros ata a casiña…

[A súa cara consumida, as roupas escuras, as mans curtidas e aínda fortes que se aferraban ao asento de diante]

-Veño do médico, ho. Teño a tensión mal e díxome que teño que quitarme da carne de porco para sempre. Non sabedes que pena sinto, que a carniña de porco é a cousa que máis me sabe deste mundo...

post

o ruído das 00:45

Teño un vecindario tranquilo. Con iso quero dicir que nunca os escoito discutir, que non poñen a música alta, que non montan festa, que non hai portazos…  Intúo que a procesión irá por dentro, naturalmente, pero as [escasas] evidencias sonoras da súa vida cotiá vanse sucedendo case coa cadencia dun metrónomo, sen apenas estridencias.

Creo que teño bastante ben identificados todos os ruídos que me chegan: o da porta do garaxe, o do ascensor [si, por fin!], o despertador parlante do veciño que dorme do outro lado, a súa loooonga ducha das sete da mañá, os choros dun bebesiño. Cousas así.

Todo este universo sonoro forma parte desas rutinas coas que un convive sen prestarlles moita atención. Sen embargo, todo cambia ás 00:45, que é cando escoito un ruído que me leva dado moito que cavilar. O ruído vén do piso de arriba e semella que o produce un obxecto que cae ao chan e que rola sen chegar nunca a romper. Podería ser un cinceiro, unha botella, un vaso… O que me intriga, ademais da peculiar natureza deste son, é a extraordinaria regularidade coa que é emitido. Leva anos conmigo, día tras día, ás 00:45.

PS/

Haberá catro ou cinco anos escoitei unha discusión dos meus veciños de parede. Non sei de que partillaban, pero lembro moi ben que levantaban a voz e que un dos dous dixo estas palabras: É de plástico, cona!!!

post

a solaina

A tarde estaba a punto de caramelo e Nela e Paz quixeron gozala polas terras do Deza. Propúxenlles ver a Solaina, en Piloño (Vila de Cruces).

Recibiunos un Paco Lareo hospitalario, amable e falador coma de costume. E coa picardía a flor de pel, si, tamén…

post

empanada de que

padrón :: unha tasca de padrón :: un camareiro desganado detrás da barra dunha tasca de padrón

e unha tele que berra a toda hostia [e iso que aínda non se inventou telecinco nin existe belén esteban -esa musa, ai!]

un fato de mozos na tasca de padrón diante dunhas cañas :: queren máis, sempre máis, e miran con cobiza a empanada do mostrador

interrogan ao camareiro desganado :: oes, de que é a empanada

-pois… a ver… levaaaaa… leva cebola… e… chhhh… bueno, xa sabedes como son as mulleres…

post

dentamia

A alcaldesa [agora ex] de Silleda estaba de visita nun centro de ensino da localidade. A directora convidouna a facer un percorrido polo centro, aproveitando que era pola tarde e que as dependencias estaban case baleiras. Dixen case baleiras, mais non completamente baleiras, porque a esa hora había un grupo de persoas adultas que estaban dando clase nunha das aulas de informática. Alí chegaron a directora e a alcaldesa, cruzaron os saúdos de rigor e charlaron distendidamente cos presentes. A directora bromeou e dixo que aproveitasen a ocasión de ter diante a primeira edil para pedir o que necesitasen. Entón apareceu EL -sempre EL- e dixo:

-Pois eu quero unha dentadura nova para a muller!

Cando rematou a visita, achegueime ao pedichón e pregunteille como se lle ocurrira formular tan insólita demanda. Respondeu con absoluta naturalidade:

-Home, fanlle boa falta!

post

roedor

Remataba a década dos 90 e Falabarato foi chamado para impartirlles un cursiño de informática a unhas persoas que traballaban na administración pública. Como a maioría das/dos asistentes non manexara nunca un ordenador, as actividades que se desenvolvían eran elementais: prender a máquina, abrir unha carpeta, usar o rato e todo iso…

Falabarato nunca esquecerá a anécdota protagonizada por unha das asistentes que estaba a facer prácticas co rato. A muller tivo a mala fortuna de que o desprazou sen querer fóra da superficie da mesa e, como non sabía que facer ante tal imprevisto, optou por pedir instrucións a voz en grito, mentres mantiña o rato firmemente agarrado:

-Y ahora, ¿qué hago con el conejo?

post

a ruta da auga

Antes esto estaba cheo de rapazada, pero a xente de agora non cría. É o Jesús quen así sentencia, co seu sorriso retranqueiro, pero podería ser calquera dos meus compañeiros de mesa. Moitos deles -e delas, sobre todo delas- superan con folgura os oitenta anos, pero aí están tan felices diante do seu prato de pulpo, a pesar das restricións impostas por médicos sen alma [Gústalles o pulpo, señores?, di con xeito un dos camareiros. Mozo, o pulpo está moi bo, pero se non lle botases picante tamén nos valía].

Se hai pulpo é que hai festa, e se hai festa é porque os veciños e veciñas de Parada (Silleda) así o decidiron. Razóns non lles faltan, porque só eles saben do traballo e da dedicación que hai detrás da restauración das fontes e dos lavadoiros da parroquia. Para Iván e para min foi un pracer ser convidados para documentar en imaxes o gozo colectivo.

post

maría dolores [kiro]

Non tería eu máis de dez anos cando actuou Ana Kiro nas festas da Santa Eufemia, en Oza. Lembro que andaba con outros nenos polo campo do baile e que nos chamou un vello da parroquia para que foramos debaixo do palco no que Ana [María Dolores] cantaba e bailaba. Xa alí, o home sinalou coa punta do paraugas as rendixas das táboas mentras nos convidaba, cunha picardía que hoxe me parece máis que inocente, a atisbar dese xeito as interioridades da artista. Non vimos nada, claro, pero vivimos intensamente o momento.

Hoxe entereime do falecemento de Ana Kiro, xusto un día despois de que xa estea soterrada. A morte sae á rúa todos os días, puntual.