post

A rega

-Estoume dando conta de que había ben tempo que non quedabamos para tomar nada.

-A última foi no inverno. Daquela aínda non formabas parte do meu club, cando menos de xeito oficial…

-…?

-Si, do selectísimo club de eivados L5-S1. De pata negra.

-Todo un privilexio! Menos mal que xa vai alá o peor e que volvo levar unha vida bastante apañada. Paseino moi mal toda esta tempada.

-Ben sabes que din que destas crises sempre sae algo bo. Da última miña saiume a vena do desenvolvemento persoal…

-Xa te estás facendo o interesante, non?

-Que vai en serio, eh! Empecei a indagar en campos novos para min: as emocións, as feridas e as dificultades para darlle curso aos desexos máis fondos… Un mundo enteiro por descubrir.

-Falas como se acabaras de tragar dunha sentada un manual de autoaxuda, un tocho deses que levan portadas fosforescentes.  Non che nego que me alegro de que me contes estas novidades. Tampouco che nego que alucino co que escoito.

-Non creas que é unha liña moi dereita a que levo. En ocasións desanímome porque non vexo avances e porque entro en contacto con cousas que me resultan difíciles de dixerir.

-Claro, home, non esperarías unha dieta milagre a estas alturas da película, non?

-Recoñezo que non rexeitaría un milagre, pero teño claro que é máis realista contemplar outras vías. Hai uns días oín dicir que ninguén lle di á súa horta: “Se me dás unhas boas leitugas, é posible que te regue”. Está claro que as cousas non funcionan así.

-Moi boa a cita, pero tamén creo que hai ocasións nas que regamos tanto e tanto que nos pasamos e non conseguimos nada.

post

Cabra vella

Nuns sitios chámanlles cacharelas, noutros dinlles luminarias e para nós son cabras vellas. Fogueiras da noite de San Xoán. Que ardan con xenio e que non deixen de arder, que hai moito que queimar!

post

Bótalle unha muiñeira

Despois do éxito do lipdub Galegando, Suso foi convidado a participar nun novo proxecto. Sumámonos e fixemos este vídeo.

En Vimeo

En YouTube, desta vez tamén en calidade HD (pincha onde di 360p e elixe un valor máis alto)

post

Herba

É o primeiro vídeo que subo en alta definición. Iso pode eivar un pouco a velocidade de descarga, o que se evita anulando a calidade HD (premer botón HD is ON).

Tamén en YouTube. Podes probar a velo en HD. Pincha aquí.

post

Patacas novas

Ao home metéuselle nos miolos mercar unha videocámara nova e fíxose cunha desas que almacenan en tarxeta SD. Vina e non me pareceu unha gran compra, a verdade, pero iso non fai ao caso.

El xa tiña unha cámara MiniDV -de cinta- e apalabroulla á muller que lle fai a limpeza. Nunca editara vídeo e non sabía que para volcar o contido da cinta ao ordenador é preciso habilitar unha conexión firewire e dispor do cable correspondente. Como é home decidido, foi a unha tenda e adquiriu un cable firewire. É aí cando entro eu na xogada:

-Tráioche este cable porque non sei onde se mete.

-Vale… Este é un cable 1394 e enchúfase nesta ranura da cámara.

-O que pasa é que o ordenador non ten un sitio onde metelo.

-Xa… Pois iso vai significar gastar uns cartiños e mercar unha peza.

-Non, ho! O cable xa me valeu 17 euros!

-Barato non foi! Así, entre unhas cousas e outras, vaise encarecer moito o prezo da cámara…

-Bueno, o cable non pensaba cobrarllo.

-E logo?

-Quedei con ela en cambiarllo por un saco de patacas, para cando as apañe.

post

Nook

Edelmiro prestounos o seu flamante e-book para que Iván e eu tiveramos ocasión de xogar un pouco con el e de asomarnos ás posibilidades que ofrece. Pode que os días dese artefacto que coñecemos como libro de papel estean máis contados do que parece…

Para velo en YouTube, preme aquí.

post

A “morna” de Rossi

A versión dixital de La Voz de Galicia dispón dunha edición en galego na que poden lerse cousas tan admirables coma esta. E xa non é a primeira…

PS1/ Suso, grazas por facerme chegar esta noticia.

PS2/ Non sei canto diñeiro público recibe este xornal polo seu apoio á lingua galega, pero estou seguro de que é máis que suficiente para poñer os medios necesarios que eviten chapuzas coma esta.

post

Darío a diario

Primeira puntada

Nunca me ocupara moito dela ata que lin no xornal a nova da súa morte fulminante e prematura. Foi daquela, ao fío do seu pasamento, cando descubrín a obra de Xela Arias. Xa hai máis dun lustro diso.

Segunda puntada

Visitoume recentemente Edelmiro Silveira e amoseille un libro dunha poeta a quen el coñece persoalmente. Comenteille que me parece unha poeta  irreprochable, mesmo brillante nalgúns momentos, pero que é desa caste de artistas que me resultan moi cargantes cando se dedican a construír e cultivar o seu propio personaxe. O texto da solapa dese libro é un bo exemplo, tan ben surtido como está de clichés do estilo Son filla de Helena e Suso, que me deron o nome co que asino, a lingua coa que escribo, a vida coa que vivo. Vale, vale, vale.

Edelmiro marchou e o libro quedou enriba da mesa.

Terceira puntada (ou contrapunto)

Pasaron varias semanas ata que hoxe devolvín ao seu sitio o libro que lle ensinara a Edelmiro. Alí me esperaba Darío a diario, un poemario que Xela Arias publicou no ano 1996 e que está dedicado ao seu fillo. Fun pasando as follas ata que cheguei  a uns versos que me atraparon. Pareceume -e parécemo agora ao reler- que esas poucas liñas compoñen unha xenuína autobiografía da poeta, un relato ofrecido sen afectación e que chega a nós profundamente marcado -mesmo poderiamos dicir bruscamente marcado– pola experiencia recente da maternidade.

Déixocho, por se queres gozalo.

Non me gustaban de nena os peluches
e lembran meus pais que non xoguei moito ás bonecas.
Non me deteño a cociñar e na química das quimeras
rocei un xeito de delincuencia xuvenil.
Un xénero feminino algo a desmán das narracións para o ano en que nacín.

E vés
ti
agora,
primeiro imaxinado e xa querido,
logo presente nestes cuartos a diario:
hai posible en ser muller un privilexio imposible de transferir.

post

Silleda: entroidos do século XX / 5 (e último)

Con este capítulo quinto remata a serie.

En Vimeo:

En YouTube:

post

Silleda: entroidos do século XX / 4

Xa chegamos á cuarta entrega. Unha máis e liquidaremos a serie.

En Vimeo:

En YouTube, aquí.

PS/ Xa ves que cambiei a imaxe da cabeceira. Non é que deixase de gustarme a que tiña, pero foron varias as persoas que me dixeron que había que ir cambiando aqueles ollos tristes por algo máis colorido.

post

Silleda: entroidos do século XX / 3

Hoxe ofrézoche o terceiro capítulo da serie Silleda: entroidos do século XX.

Mentras editaba este clip caín na conta de que no anterior hai un elemento que permite datar con certa precisión as imaxes coas que estou a traballar. Se volves a el comprobarás que, ao pouco de empezar, o entrevistador se interesa por un personaxe ao que lle chama Sabrina. Unhas nenas que andan por alí corríxeno a viva voz: “Non é Sabrina, é Cicciolina!”. Pois ben, esta feliz confusión pode axudarnos a situar ese entroido no tempo cunha certa precisión, xa que a fama da explosiva e fugaz Sabrina Salerno naceu e morreu a finais dos anos oitenta.

En Vimeo:

Tamén en YouTube, aquí.

post

Silleda: entroidos do século XX / 2

Segunda entrega da serie Silleda: entroidos do século XX.

En Vimeo (opción recomendada):

Tamén en YouTube, pinchando aquí.