post

un berro de sede

Hai poucos días publiquei unha entrada que se titula nimbos. O post leva un pequeno traballo en vídeo no que xoguei con versos de Xosé Mª Díaz Castro, poeta no que ando mergullado esta tempada.

O vídeo de hoxe tamén incorpora textos de Xosé Mª Díaz Castro; versos que saben á auga limpa dos ríos e dos regueiriños, esa auguiña limpa que xa case non hai. Non a hai pero hóuboa, que eu ben me lembro!

[Infinita tristeza cando un se achega ao río Tella, un dos dous que pasan por Cachóns, e percibe o veleno, ole o veleno, ve como avanza -lenta e mortífera- a escuma do veleno. A neglixencia, o desinterese, a absoluta falta de sensibilidade alíanse para que o desastre non se deteña. Non ho, que o que importa é que poñan farolas…!]

O domingo fixen un percorrido por Cachóns, Laña, Eo dos Menecos e Vilanova, todos eles lugares da parroquia de Oza. Seguín o curso do río Santa Lucía, aproveitando os camiños abertos polos pescadores, e gravei as augas mansas, as augas tranquilas, as augas a cachón.

Nota/ O vídeo abre automaticamente con calidade HD. Se advirtes que a túa conexión non permite un visionado razoablemente fluído, fai clic na opción HD e desactívaa.

post

mans de terra

xúroche que foi unha semana longa longa
tan longa que case interminable

e as miñas mans

estas mans que aporrearon mil teclados
e executaron a orde de arquivar
absurdos papeis superimportantes
en carpetas recicladas

estas mans que tamén estreitaron
outras mans astutamente ofrecidas
por sorrintes fenicios que venden grampadoras
e post-it
e produtos que borran a tinta
[por cada tres caixas mándoche unha sen cargo, eh]

manciñas que moveron cadeiras e mesas
cadeiras veñen
mesiñas van
cadeiras veñen e van

pero hoje é sábado, amanhã é domingo

e as mans xa devecían
esperaban con ansia que chegase o sábado
xusto este sábado
para ser por fin de terra

e de terra os meus dedos que aloumiñan a fariña

a masa está a levedar
nunha hora haberá pan da cor da terra
pan de terra para empezar o día

amén

post

entroido de oza 4/ ata o ano que vén

Debía andar eu polos 15 anos cando mercamos o primeiro radiocasete que houbo na casa, e con ese trebello incorporeime aos universos da música en conserva e da frecuencia modulada, porque ata entón só dispoñía dun transistor cativo que me non me deixaba escoitar outra cousa que non fose a onda media.

Co aparato viña unha cinta de regalo, un casete dun contador de chistes chamado O Xestal. Era a única que tiñamos e poñiámola bastante. Despois foron aparecendo outras opcións e O Xestal foi pasando a un segundo plano. A cinta perdeuse, naturalmente, e mesmo pode que fose utilizada para gravar por riba algunha canción radiofónica xa soterrada na desmemoria máis glacial.

Pasaban os anos e eu quería crer que xa esquecera O Xestal. Non volvín saber del ata que hai pouco vin no xornal unha referencia a unha homenaxe que se lle ía facer. Non o pensei moito: mergullei na www e descarguei un lote de discos del. Oír de novo a súa voz púxome en contacto con antigas emocións.

No vídeo de hoxe, o último que lle dedico ao entroido de Oza deste ano, utilizo algúns parrafeos do Xestal. Ben merecido o ten polo que nos fixo rir a Esther, a Pedro, a Uxío e a min.

post

o mar de monforte, o mar do incio

Pedinlle a Aura que me lese algúns fragmentos da Conversa Ultramarina, o diario que escribiu Lois Pereiro na primavera do ano 1995.

Xuntei a lectura de Aura coa música de Nusrat Fateh Ali Khan [Pereiro refírese a el nos diarios] e cunhas imaxes do mar que gravei o sábado pasado mentres respiraba, por fin, un aire limpo.

post

contra a morte

Veño de revisar unha referencia xornalística de todos os materiais que están saíndo sobre Lois Pereiro, e comprobei que xa está rematado o documental que leva por título Contra a morte, de Alexandre Cancelo e Iago Martínez. Faláronme ben del e agardo poder velo pronto.

Contra a morte o amor que vai comigo é un dos poemas de Lois que máis me impactan [e impáctanme case todos, a verdade]. Aproveitando ese texto e outros tres quixen deixar, tamén, a miña homenaxe. A música que serve de fondo á lectura é de Gustavo Santaolalla.

post

o mel e o coitelo

Sábado pola mañá. Un señor traxeado e encorbatado le con desgana o seu discurso. Ninguén lle fai moito caso, a verdade, e el sábeo: leva ben o seu papel de teloneiro do Secretario da Real Academia Galega. O seu monótono fungar vai transitando polos lugares comúns do recoñecemento dos méritos alleos, dos agradecementos sen fin e, como non, da falsa modestia. Pasan lentos os minutos ata que, xusto ás doce e vinte, o insulso orador levanta por un instante a vista dos folios para citar a Michel Foucault. A cita é un puro pegote, un artificio totalmente fóra de lugar, pero logra captar a miña atención e mantela viva coa esperanza malévola de atopar algunha outra perla.

Pola tarde, e logo dun máis ca agradable xantar, o corpo pide recollemento. Róndanme pola cabesiña os episodios de dor que ultimamente lles afectan a algunhas persoas que amo: as decepcións, a mágoa polo tempo dilapidado, as batallas que xa se dan por perdidas, a amargura, a enfermidade…

[Escríbeme para contarme que acaba de vir outra vez do hospital, que cociñou algo para a familia, que precisa descansar, que está triste. De boa gana lle faría compañía, pero a distancia é a distancia e nós non podemos flotar coma as figuras dos cadros de Chagall -ou talvez si?]

O labirinto da memoria cuspe unha cita. Tamén unha cita, outra vez unha cita, pero esta non é de Foucault:

É a orde das cousas: todos probamos o mel; despois vén o coitelo.

Miro no gúguel para asegurarme de quen era: pois si, de Bukowski.

post

xaneiro xa

Nos meus discos duros hai moitas gravacións en estado de hibernación: cousas que fun rexistrando por aquí e por acolá nestes últimos anos e que non cheguei a utilizar en ningún proxecto, ou que desbotei por non ser quen de avanzar na idea da que partía, ou…

E un día calquera, un día tan azul ou tan gris coma calquera outro día calquera, aparece no taboleiro un elemento que lle dá vida a ese material: unha canción, por exemplo, coma no caso do vídeo de hoxe.

[Porque xa é xaneiro. Xa. Xaneiro xa]

post

mellor en voz alta

Non pensaba mercar nada, pero amortecía o ano e apeteceume entrar para desexarlle boas festas ao libreiro, amigo meu desde hai anos. Crucei por diante da caixa e vin que estaba no fondo do local. Cando non teño clientes –quixo explicarse– aproveito para abrir caixas e para revisar os albaráns. No chan había moreas de libros e revistas, coma sempre.

Falamos un pouco e dei en remexer distraídamente entre os libros que ían sendo liberados das caixas. Atopei varios volumes dunha fotobiografía sonora de Lois Pereiro [42 euriños!] e quixen botarlle unha ollada a un deles, pero traía un envoltorio de plástico, así que tiven que conformarme con velo por fóra. Despois foron aparecendo varios exemplares dun libro de Pereiro que eu non tiña, Poemas 1981-1991, reeditado moi recentemente por Edicións Positivas. Vexo que xa estás preparado para o 2011, ironicei mentres ía pasando as páxinas do poemario. Alzou a vista dos albaráns e sorriu. Iso agardo -retrucou-, sobre todo se nos centros de ensino lle mandan mercar algo disto á rapazada… Parolamos un pouco sobre o mercantilismo e o oportunismo asociados á celebración das Letras Galegas e bromeamos con algunhas piruetas bibliográficas que viron a luz en anos anteriores. Mira, Xosé, tal e como anda a cousa -e non vexas como se puxo para nós-, agradécese calquera iniciativa que tire da clientela e que nos permita ingresar uns euriños. Máis claro, auga.

Merquei o libro de Lois Pereiro e púxenme con el ao pouco de chegar á casa. Xa me dixera o libreiro que os poemas de Pereiro son para lelos en voz alta…

Terra e máis terra brava

brava mais maina e cruel

violenta, visceral,

secreta, infame, inmemorial,

amada, fole, a terra

anxel, fole e a morte

a morte anxel a morte

en ti

the end

post

ese gran río

Mire la calle.
¿Cómo puede usted ser
indiferente a ese gran río
de huesos, a ese gran río
de sueños, a ese gran río
de sangre, a ese gran río?
Nicolás Guillén

-Neno, perdoa por chamarte a estas horas, pero é que estaba tan a desgusto que necesitaba sentir que hai alguén do outro lado. Non sei se me entenderás…

Claro que te entendo, moito máis do que cres. O que non sabes, imaxino, é que esa chamada túa me trouxo paz nun día no que o sangue se me quixo poñer de novo ao galope. E sabes unha cousa? Cando recupero a paz sinto que retorno á plenitude do río grande.

post

quen sabe canto duran as olivas

Cando ela lle soltou aquelo de A ti gústanche as olivas, non?, sentiu un lixeiro calambrazo. Que raro que digas iso, creo que nunca me viches comer nin a primeira, respondeulle automaticamente e cunha naturalidade máis que discutible. A conversa morreu aquí.

[Xa de volta ao silencio, el trouxo ao seu presente a caixiña que gardara durante meses e meses na despensa da súa casa. Aquelas olivas ásperas do Além Minho conservaron un aspecto impecable ata o día en que foron dar ao lixo. Había tempo que decidira non comelas.]
post

en cachóns sempre houbo néboa

Podería comezar dicindo que o río é unha pantasma que se agacha na néboa, que é unha cousa que soa así como poética, pero non estou seguro de que as cousas funcionen dese xeito. O certo é que vou en coche e que, desde a carretera, sigo o perfil difuso dun río, as trazas do grande río que a néboa vai ocultando e desvelando ao mesmo tempo. O meu guía lamenta que a néboa non nos permita ver a paisaxe e eu dígolle que non importa. E claro que non me importa: sempre me fascinou a caprichosa coreografía dos días de néboa [eu, que tantos días deses tiven de pequeno naquel Cachóns bañado por dous ríos e un regueiro].

Chegamos á aldea onde todo comezou e aparcamos ao pé do cruceiro. Cruzamos algúns saúdos cos veciños e recollemos os patróns, que agardaban con disciplina a chegada do fillo. Son xente afable, acolledora, faladora. Lémbranme moito a meus pais polo seu modo de vida e pola maneira que teñen de xestionar a comunicación entre eles, sempre desde a distancia, sempre sen mostras de afecto, a pesar de que non é difícil percibir o cariño que sinten un polo outro.

Imos con eles facer os deberes e volvemos cargados de bolsas do supermercado. O fillo vai distribuíndo todas as mercancías mentres eu quedo co pai. Toma asento con dificultade, mira cara a ventá, xira amodiño cara min e dime que o fillo non é malo, non, que sempre está pendente de nós para todo, temos moita sorte con el.

Hai emoción na súa voz e nos seus ollos, pero leva case oitenta anos conténdoa.


post

o berciño dos carrizos

A meu pai gustáballe amosarme os berciños dos carrizos, pero nunca me deixaba achegarme a eles:

-Non, nena, que igual asañan…

[Na casa de meus pais sempre houbo niños de anduriñas, cando menos ata onde chega a miña memoria. Alí, acubilladiñas debaixo da madeira do piso do cuberto, pasan unha xenerosa tempada entre achouchíos e voos eléctricos. Sempre me chamou a atención ver a meu pai, que non foi criado precisamente na doutrina do respecto polos animais -coma calquera outro home da súa xeración-, poñendo unhas táboas entre os puntóns para facilitarlles a tarefa de aniñar]